Opinión

Un pacto político-social ou o comezo do cambio

Todo fai pensar que o control da pandemia vai levar o seu tempo, tanto para deter as mortes, como para xestionar o período posterior de modo que se evite que volva a rexurdir. Isto afectará as relacións sociais e a actividade económica en todo o mundo, mentres non exista unha vacina. En calquera caso, como aspecto positivo, deixará importantes ensinanzas: que o sector público é esencial; que hai que transformar este tipo de sociedade e a economía porque non se sostén, xa que dará folgos á repetición de novos coronavirus aínda máis agresivos; a necesidade de protección da natureza e da produción a nivel local reducindo o comercio exterior a bens moi determinados.

Estas son as respostas mínimas que que tiran dunha lectura sinxela do acontecido, como indica a rapidez coa que se estendeu o virus polas súas características (así como pola mobilidade empresarial, turismo de masas, grandes concentracións urbanas, etc.). Tampouco se pode obviar a falta de medios sanitarios para atallar a pandemia, mesmo na maioría dos países considerados desenvolvidos. E no aspecto económico a carencia a nivel local de bens intermedios e finais pola internacionalización dos procesos produtivos, unha eiva que se alargará no tempo porque a pandemia está en distintas fases segundo o continente, país e mesmo autonomía ou concello.

As transformacións económicas, sociais e políticas, que coido deben ser moi profundas, sistémicas

Para alén do debate necesario de até onde deben chegar as transformacións económicas, sociais e políticas, que coido deben ser moi profundas, sistémicas. Ou sexa, hai que superar o capitalismo, e isto leva seu tempo, porque necesita unha correlación de forzas distinta. Por iso, neste intre concreto, para Galiza teñen importancia tanto as medidas que se tomen no Estado español e na Unión Europea para superar a pandemia como para evitar unha profunda crise da actividade económica, da caída do emprego, e da redución dos servizos e das prestacións sociais. Daquela que o debate aberto na Comisión europea sobre os corona-bonos amosa os límites da confrontación, porque aumentaría a débeda dos estados máis afectados polo virus. A única vantaxe é que reduciría os xuros e as condicións de pago, pola garantía que ofrecen os países cunha economía máis forte.

Nesta conxuntura vense as consecuencias de ataduras como a falla dunha moeda propia, e da carencia de control sobre as exportacións e importacións de bens e servizos, así como da mobilidade das persoas. No último caso paralizouse durante a pandemia o tratado de Schengen, mais isto non é posíbel respecto da moeda e do comercio exterior sen unha renegociación dos acordos de adhesión.

Cunha moeda propia e o control sobre o comercio exterior poderíase emitir todo o diñeiro que fixese falla para manter os ingresos da povoación

Cunha moeda propia e o control sobre o comercio exterior poderíase emitir todo o diñeiro que fixese falla para manter os ingresos da povoación e deste xeito normalizar rapidamente o consumo e a actividade económica, afectando exclusivamente ás exportacións e importacións. Estas últimas poderíanse priorizar segundo o interese económico e social, mediante impostos e axudas. Isto foi o que fixo Estados Unidos durante a crise de 2008, por iso saíu máis rapidamente, e faino de novo agora coa emisión de máis de dous billóns de dólares pola Reserva Federal. Por esta razón o Reino Unido non desistiu da súa moeda, e mantivo en taxas tan baixas o desemprego, malia perder valor a libra fronte ao euro. É verdade que está máis exposta a libra que o euro á especulación financeira, porén isto poderíase reducir cunha economía máis diversificada, menos dependente das exportacións e importacións.

En todo caso nada fai pensar que a UE modifique profundamente a súa postura tradicional, a menos que se poña en xogo a súa continuidade, o Estado español (e polo tanto o PSOE e Podemos) carece de capacidade de presión. Ademais, tanto os grandes poderes económicos como fácticos están ligados nos seus plans de futuro á globalización neoliberal que representa a UE. Polo tanto non abonda co choque dialéctico, daquela que o bipartido atópase agora na mesma disxuntiva que no seu día Syriza. Terminará o PSOE e Podemos botando man do argumento do mal menor?... Se fose así non debería esquecer que esta actitude derrotista non evitou unha regresión inmensa en Grecia, e ademais terminaron perdendo o Governo.

Sen unha importante emisión de moeda, e sen a opción dos corona-bonos como mal menor, a saída da crise pódese moi complexa para o Estado español

Sen unha importante emisión de moeda, e sen a opción dos corona-bonos como mal menor, a saída da crise pódese moi complexa para o Estado español, e sobre todo na periferia dependente (como Galiza). As novas ofertas da UE por unha banda facilitan o aceso aos créditos especiais e aumentan súa contía, por mor das fortes confrontacións nas últimas xuntanzas entre presidentes, mais tamén ligan os prestamos aos criterios de estabilidade (non exceder o 3% do PIB no déficit), ou sexa: ás políticas de axuste. Razón pola que, na medida en que pode, o Estado español procede a cambiar os obxectivos dalgunhas partidas do orzamento, vestindo un santo espindo outro, como por exemplo fixo cos recursos das autonomías de políticas activas contra o desemprego en materia de formación.

A cuestión é se este xeito de axer, que evita a confrontación coa UE, tamén implica rebaixa de salarios e pensións (por exemplo vía conxelación, como xa se fixo durante a anterior crise), e se “adía” (por anos) a eliminación das reformas laborais, da lei mordaza, do artigo 315.3 do CP, etc. A patronal estaría encantada, e todo fai pensar que CCOO e UGT apoiarían este novo pacto político-social, botándolle unha man ao Governo de coligazón. Os argumentos para este paso atrás serían os de sempre: hai que salvar as empresas e polo tanto o emprego, é unha situación excepcional,.... Contarían ao seu favor cunha clase traballadora afastada da actividade sindical e política polas medidas que impiden as xuntanzas, actos e manifestacións, e que todo amosa duraran varios meses. En todo caso, mesmo con tantos atrancos para o debate e a mobilización, estas non son imposíbeis, pódense realizar dende a utilización das redes e webs informativas até unha “cazolada”, como acto de protesta e presión popular. Un exemplo é a convocatoria pola CIG dunha cazolada o 10 de abril para esixir “medidas de protección social xustas”; ou a que se fixo hai uns días contra o Rei (cunha participación importante, cando menos no meu barrio en Vigo).

Estes, polo momento, teóricos novos retrocesos laborais e sociais están presentes, polo que sería un erro ignorar este escenario negativo

Estes, polo momento, teóricos novos retrocesos laborais e sociais están presentes, polo que sería un erro ignorar este escenario negativo; como tamén o está presente no ámbito do Estado das Autonomías, vexase a usurpación polo Governo de competencias autonómicas coa escusa do estado de alarma; e no aspecto democrático, co sobre protagonismo das forzas armadas e de seguridade e blindando os chanchoullos do Rei. Isto non quere dicir que esta tendencia negativa se termine confirmando tal como se pretende dende as clases dominantes, e que o “progresismo” remate por aceptala co argumento de que é o único que se pode facer.

Agora ben, resulta evidente a desfeita ecolóxica, o medre da desigualdade entre clases e entre nacionalidades, o crecemento da precariedade, da especulación, da falta de futuro para a mocidade. Estas son cuestións que non se poden borrar da conciencia social só con discursos e promesas, nen con medidas de excepción, máxime con tantos mortos polo virus, persoas afectadas e confinadas durante tanto tempo. Foi unha longa demostración práctica, no aspecto colectivo e persoal, da fraxilidade da vida humana con este sistema senil e depredador, e da responsabilidade e do papel que tivo cada clase, cada nación, cada partido nesta desfeita. Estas contradicións crean unha situación obxectiva para o cambio. Trátase de aproveitala para fortalecer o suxeito social e político, para mudar a correlación de forzas, para conquistar o cambio, que non esquezamos é un proceso. Non hai ningunha tarefa imposíbel cando as contradicións son tan fortes.

https://obloguedemera.wordpress.com/