Opinión

Os Kinzhal

Hai unha semana producíronse varios ataques de tipo terrorista no interior da Federación Rusa, hai que cualificalos así xa que foron dirixidos contra civís, por parte de mercenarios ao servizo do goberno ucraíno, aínda que este negou que o promocionase, algo pouco críbel. Polo que Moscova sentiuse lexitimada diante da poboación mundial para utilizar os mísiles hipersónicos Kinzhal (que teñen un alcance de máis de 2.000 quilómetros, e unha velocidade de 10 mach). É unha decisión que implica un salto cualitativo no plano militar, xa que todo reflicte que os Kinzhal empregáronse co obxectivo de marcar liñas vermellas que van para alén dos actos terroristas comentados.

Polo tanto, todo amosa que quixo deixar ben claro que Rusia, si se ve forzada, ten o poder necesario, mesmo non utilizando como neste caso unha oxiva nuclear, como para colocar a occidente diante unha situación estrema. Téñase en consideración que estes mísiles guiados Kinzhal, pola súa velocidade, non poden ser localizados a tempo polos sistemas antiaéreos, mesmo os máis modernos, para seren neutralizados (aos que hai que sumar o Zircon e Avangard). E todo fai pensar que occidente tomou nota, abonda con ver os poucos e medidos comentarios sobre o tema nos medios de propaganda de masas, que en troque destacan acotío todo tipo de especulacións e falsas noticias sobre a guerra para alentar na sociedade o apoio á confrontación. Agora ben, a cuestión é como pode incidir na guerra e sobre todo na poboación do bloque "occidental" a utilización dos Kinzhal dun xeito máis frecuente, tendo en conta que o ministro de defensa de Rusia, Serguéi Shoigú, pedía está semana que se dobrase a produción de mísiles tácticos.

Se sumamos ao emprego dos Kinzhal, a destrución "non intencionada" dun dron de Estados Unidos na proximidade da costa de Crimea (facendo labores de intelixencia), así como o avance do exército ruso en zonas importantes da fronte de guerra, como son Soledar, Bakhmut, Marinka e Avdivka... ao que se engade o diferencial de baixas cun saldo moi negativos para Ucraína, co conseguinte desgaste dos recursos humanos e tamén de armamento, todo fai pensar que o tempo cada vez xoga máis en contra de Kiev e Bruxelas. E non só no ámbito militar senón tamén no económico, máxime despois da quebra do Silicon Valley Bank, e a caída en picado do Credit Suisse e algún máis. Até o momento a maior parte dos analistas consideraban que a guerra se alentaba porque favorecía ao complexo militar industrial de Estados Unidos, seu sector enerxético, e seu papel como hexemón que fixa a orde internacional, polo menos fronte ás potencia subimperialistas do G-7. Porén estas crises e o reaxuste correspondente non son doados de controlar por USA aumentando os gastos militares, nunha contorna de inflación e altos xuros, e cun déficit público desproporcionado.

Resulta evidente que a folla de ruta que alenta o conflito non está tendo resultados tan positivos para Washington como para outras potencias e países da periferia, que están á marxe da confrontación. Tampouco está a esmagar o bloque dos países que están na primeira liña da fronte a prol do multilateralismo, como Rusia-China-Iran. En resumo, semella que os kinzhal teñen como obxectivo neste caso amosar o poder militar convencional de Rusia, e deixar en evidencia as consecuencias catastróficas se levase unha cabeza nuclear. Neste aspecto axuda a que o bloque occidental poña os pes na terra e a buscar saídas negociadas. Terá esa eficacia?...

Agora ben, buscar unha saída ao conflito, sen que ningunha das partes apareza como derrotada, non é doado. A menos que Estados Unidos atope unha xustificación para deixar a apoiar a Zelenski, e un novo executivo ucraíno aposte por un alto ao fogo e negociacións. En poucas palabras, calquera solución levará tempo, e que se avance neste aspecto non implica a aceptación polo bloque occidental do multilateralismo e que dea pasos atrás nas sancións económicas. Daquela a globalización neoliberal, de manterse, tería novas características, destacando o marco nacional e rexional, e de bloques. Unha Guerra Fría baixo novas formas, nun mundo hiperconectado.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios