Opinión

Onde, en que, e para que, se investirán os fondos?

Chama a atención que se fale e debata tan pouco dos fondos Next Generation, e sobre todo de algo tan relevante como é seu reparto entre autonomías e como vai afectar a cada clase social, mesmo á pequena e mediana empresa. Sabemos xeneralidades: que hai fondos dirixidos especificamente a dixitalizar a administración pública, outros para a actividade turística, todo o que ten que ver coa enerxía verde e o transporte non vinculado aos combustíbeis alternativos. Mais,  canto diñeiro imos recibir e cando na Galiza?  Por exemplo: cales son as medidas concretas que se van tomar, para alén das declaracións, fronte ao duro axuste, desmantelamento, dunha parte importante da industria estratéxica da nación galega, e do baleirado do rural?

Lembremos algúns dos sectores afectados: os estaleiros do naval e produción do aluminio, as empresas de fabricación de torres eólicas e as centrais térmicas, que foron ou están sendo pechadas. Ao que se lle debe engadir, entre outras actividades, unha profunda reconversión no sector bancario co peche de oficinas necesarias para dar un servizo á comunidade, e a perda de centos de postos de traballo. Esta evolución regresiva na actividade produtiva xustificase coa pandemia, a desfeita ecolóxica e a modernización. Porén mentres que nuns territorios non se fai ren para evitar o desmantelamento, para alén das boas palabras, noutros dáselle pulo a grandes  investimentos e e proxectos alternativos. Un exemplo, desta dobre vara de medir, son os proxectos multimillonarios nos aeroportos de Madrid e Barcelona  malia que o turismo de masas está cuestionado, pola produción de CO2 dos avións, barcos, etc (en Barcelona deuse marcha atrás pola oposición social).

Non se pode entender como un esquecemento, ou casualidade, que non se concretasen  proxectos xerais e obxectivos a medio e longo prazo para recuperar o equilibrio da humanidade cos ecosistemas

Polo tanto, sexa como for, o certo é que aínda que agora o PIB medre perante uns meses, polo efecto rebote, e tanto o Governo como a Xunta estean contentes, as perspectivas a medio prazo están ateigadas de nubes e incógnitas. Vexase a evolución negativa o pasado mes tanto no desemprego como na povoación ocupada na Galiza que constata unha tendencia regresiva que leva décadas (contrastando co Estado español). Neste marco con tantas incógnitas e con antecedentes tan pouco optimistas para a periferia, e nosa nación en concreto, hai que se preguntar: podemos aceptar que se siga apostando pola agricultura industrializada, o turismo de masas, a extrema mobilidade, o amoreamento urbano, a economía de escala, ou sexa, pola centralización e concentración?...

Semella que para o Governo, e para a Xunta, para alén do enerxético e do automóbil eléctrico todo o relativo a desfeita climática ficou nun segundo plano. Solucións que por outra banda resulta evidente que para obter resultados necesitan ao mesmo tempo de cambios sistémicos e de hábitos de vida, tal como se evidencia nos graves problemas no subministro eléctrico, na produción e mobilizade de mercadurias, en todo o mundo, cando se toman medidas parciais.

Agora ben, non se pode entender como un esquecemento, ou casualidade, que non se concretasen  proxectos xerais e obxectivos a medio e longo prazo para recuperar o equilibrio da humanidade cos ecosistemas. Todo indica que estas eivas débense no fundamental a que as alternativas á contaminación son parciais e fanse tendo en conta as regras do mercado, os intereses das corporacións e do imperialismo. Daquela a agudización da confrontación entre potencias, o medre da precariedade e da desigualdade entre clases sociais e entre países, malia os grandes avances científico técnicos e ás “medidas sociais”, que sempre se amosan insuficientes. E como a outra cara da moeda o aumento constante dos lucros do capital e a súa estrema concentración nas grandes corporacións tecnolóxicas, farmacéuticas, enerxéticas, financeiras, do complexo militar, etc.

Cómpre poñer en práctica un proxecto sostíbel, descentralizado, que garanta o esencial en cada nación ou nas áreas máis próximas. E isto implica cambios no sistema produtivo e nos hábitos sociais. Por exemplo, no caso da Galiza priorizar as relacións comerciais con Portugal e autonomías como Asturias e o que antes se coñecía como León (León-Zamora-Salamanca). Non se trata de volver ao autoconsumo, senón de potenciar o próximo, tanto para garantir a diversidade produtiva, e o medre do PIB e do emprego, como o subministro do esencial en situacións climáticas complexas, de problemas loxísticos ou de confrontación militar. Todo indica que non son estes os obxectivos dos fondos de cohesión, nen os da Next Generation. Trátase polo tantode poñer o acento nunha distribución xusta e fraterna entre nacións, e conquistar a xustiza social. Traballo para todos e todas, ingresos dignos, solidariedade...

https://obloguedemera.wordpress.com/