Opinión

Un novo reto para o nacionalismo galego

Hai uns días que se publicou unha enquisa de Sondaxe respecto da intención de voto nas sete cidades galegas, para o caso de se celebrar unhas municipais, na que se reflectía unha consolidación dos partidos hoxe governantes, agás no caso de Ourense. O resultado é polo tanto positivo para o PSOE, que exerce a alcaldía en cinco das sete cidades galegas, porén especialmente para o BNG que aumenta en porcentaxe de votos en todas elas, e en seis das sete en número de representantes, e obtería maioría absoluta en Pontevedra. O PP seguiría na oposición nas cidades, sen aproveitar a súa maioría institucional a nivel galego, co que isto implica de contrapeso político e institucional por parte do PSOE. O principal retroceso dáse nas chamadas “mareas” tanto en porcentaxe de votos como en número de concelleiras/os, polo que agora ficaría por detrás do BNG nas catro cidades que tiña presenza institucional.

Son datos positivos para o BNG, e todo indica non terían porque ser conxunturais

Sen dúbida son datos positivos para o BNG, e todo indica non terían porque ser conxunturais, máxime se temos en consideración que confirma a tendencia das pasadas eleccións do ano 2019 respecto da convocatoria de 2015, cando a ruptura de 2012 deu lugar a que os resultados do soberanismo fosen os peores en décadas. Polo tanto, manténdose a tendencia actual, o BNG nas vindeiras eleccións municipais melloraría a súa representación institucional nos concellos. Debería ser así tanto polo retroceso doutras forzas que lle disputan o voto no eido da esquerda, como polas contradicións a que vai estar exposto o PSOE, malia que se supere a pandemia e os investimentos do “fondos europeos” e xeración de emprego, porque o virus non desaparecerá e tampouco a crise da globalización neoliberal que este agudizou. Aínda así, non esquezamos que o PSOE representa unha fracción do capital, ten incidencia nas clases populares, e un respaldo importante nos medios de comunicación e no ámbito da cultura (tamén no noso país).

A enquisa, ademais de marcar unha tendencia no voto, tamén reflicte unha opinión pesimista da povoación respecto da situación xeral das cidades, xa que en ningún caso superan o 29,9% as persoas que consideran que esta mellorou (Vigo e Coruña). A opción máis votada é a de que todo sigue igual, con até un 35,9% de apoios en Compostela, mentres que a resposta de que a situación vai a peor acada un 72,9% en Ourense. Respecto da valoración da actuación política na cidade os dados son moi semellantes. Ou sexa, que malia a actitude critica respecto da situación na cidade, mesmo en Vigo, onde Caballero obtén unha maioría esmagadora con 19 concelleiros/as de 27, a intención de voto mantense no fundamental sen grandes cambios, agás no caso das mareas. Estas últimas perden gran parte do seu voto, ao que axuda sen dúbida a nula presenza política na Galiza, e unha sensación de descomposición ou cando menos de estrema fragmentación interna.

Estes resultados da enquisa, aparentemente contraditorios, responden a este contexto excepcional de pandemia e crise económica, onde a sociedade, mesmo a máis critica, opta pola estabilidade política para superar o covid-19, frear no posíbel a destrución do tecido produtivo, e recuperar a normalidade. Só así se entende que, por unha banda, haxa unha actitude tan critica en relación coa xestión económica e política, e por outro lado, se consoliden en practicamente todas as cidades as opcións que son responsábeis da xestión. Evidentemente tamén pesa o feito de que se trata dunha situación excepcional a nivel mundial, onde as eivas e atrancos son a norma. Un contexto no que o capitalismo amosa un carácter senil, mais ao mesmo tempo fica como dono do escenario.

Estes resultados da enquisa, aparentemente contraditorios, responden a este contexto excepcional de pandemia e crise económica

Agora ben, coido que nesta conxuntura é fundamental analizar os escenarios futuros, xa que os cambios pódense precipitar (ollemos o que pasa nalgúns países da periferia). A  valoración que fai  a maior parte da povoación do que se debe facer, tendo en consideración o que xa opina do contexto económico e político, pode mudar moito nos vindeiros meses, cando a situación sanitaria e económica volva á “normalidade”, aínda que non sexa total (máxime cando están medrando os cambios estruturais, peche de empresas, despedimentos masivos...). Nese intre todas as eivas e atrancos, todas as reivindicacións pendentes, pasaran a primeiro plano e a mobilización social pode dar un salto cualitativo e cuantitativo. A cuestión é se este proceso será gradual ou moi rápido, o que dependerá en gran medida se, como no caso da nación galega, hai forzas como a CIG, BNG, e outras organizacións que, mantendo as medidas de protección e seguridade, apoiaron e alentaron a acción reivindicativa, tanto en relación coas reclamacións do momento como daquelas que teñen un carácter estratéxico. O que é un tanto a prol do movemento nacional popular galego.

A pandemia acelerou o esgotamento da globalización neoliberal tal como a coñecemos, e polo tanto daranse profundas mudanzas, do propio sistema ou que o superen, o que dependerá da correlación de forzas na nosa nación, así como a nivel rexional e no eido internacional. Polo que terá moita importancia a coherencia e a iniciativa, a socialización dos obxectivos, a vinculación no relato do concreto e estratéxico, así como dunha folla de ruta, política de alianzas e métodos de traballo axeitados para esta conxuntura. Só así poderase acadar un avance da conciencia de clase e nacional, da correlación de forzas, e polo tanto unha sociedade máis xusta, igualitaria, nunha Galiza soberana.

https://obloguedemera.wordpress.com/