Opinión

Nen un paso menos, e si moitos máis

Este xornal facía hai uns días unha entrevista á nova deputada de Sumar pola provincia de Pontevedra Verónica Barbero, algo que se agradece porque permite coñecer de primeira man, e sen terxiversacións, os obxectivos e valoracións deste partido da esquerda estatal no relativo aos compromisos coa Galiza. Máxime cando valora que seu partido será clave no vindeiro Governo, unha postura coido moi optimista, máxime cando se ten en conta os antecedentes, a correlación de forzas interna e contexto internacional é tan complexo. Barbero recoñece de que estamos ficando “detrás doutras comunidades. Achacando a responsabilidade aos governos da dereita na Xunta pola renuncia desta a reclamar novas competencias. E ten razón, mais non é a única eiva.

Afirma Verónica Barbero, que “Nós estamos por garantir para Galiza o mesmo nivel competencial que as dúas comunidades máis avanzadas en competencias propias. Neste sentido, defendemos para Galiza un estatuto equivalente ao de Catalunya e Euskadi. E imos estar niso durante a vindeira lexislatura”. Ademais, “Galiza ten un problema engadido que non presentan outras nacionalidades históricas” destacando dúas: o espallamento territorial e o envellecemento da povoación.

E fai fincapé nun novo sistema de financiamento das autonomías, xa que o actual está caducado e pendente de renovación desde 2014. E salienta que “O sistema de financiamento hai que revisalo. Precisamos máis recursos para Galiza, para mellorar o autogoberno e ter máis capacidade económica, pero isto require unha reforma fiscal que aumente os ingresos do Estado”.

O relato soa moi bonito, xa que se aprobaría un novo sistema de financeiro para as autonomías, que se sumaria a un aumento de competencias que nos iguale con outras nacionalidades históricas como Catalunya e Euskadi, teríanse en consideración aspectos como a dispersión e o avellentamento da povoación, de xeito que aumentaría sensibelmente os ingresos públicos e polo tanto fortaleceríanse as medidas para o desenvolvemento da nación galega. Daquela, abonda coa presenza no novo governo de Sumar. Polo tanto as reivindicacións que fai o BNG para apoiar a investidura de Sánchez están máis que garantidas, e mesmo debería aumentalas en certos aspectos, tendo en consideración as afirmacións optimistas ao respecto do tema desta representante de Sumar.

Coido que mesmo que estes cambios non afecten o sistema non será tan doado levalos adiante, se como é necesario mudan o reparto do PIB entre nacionalidades e/ou entre clases, para ilo cómpre ter poder nas institucións, mobilización social organizada e protagonismo das clases populares. Ademais dun cambio radical das políticas que se deciden na UE, e unha ruptura con esta estrutura neoliberal.

Non sendo así, non indo ao fondo do problema, ou sexa ao papel que xoga Galiza na cadea de produtiva (por exemplo o prezo menor da enerxía eléctrica, da que somos exportadores netos, que sería esencial para atraer industria; por certo que pasa cos investimentos Next Generation da UE?).

Mais tamén hai que rematar co carácter subalterno no político, coa dependencia dos partidos, sindicatos e outras organizacións na Galiza de ámbito estatal, que mesmo sen pretendelo dan pulo á centralización da riqueza e do poder, porque ceden súa representación no exterior (que nun país dependente, afecta de cheo a todo o que sucede na Galiza). Esta é, neste etapa, unha diferencia cuantitativa e cualitativa entre o noso país e estas outras nacionalidades históricas.

Verónica Barbero fai promesas de melloras para a nación galega sen mudar estruturas, polo que non son críbeis, son cambios mínimos. Mesmo así, non penso que o BNG deba tratar a Sumar como ao PP ou mesmo o PSOE, hai con esta forza aspectos en común, mais tamén diferenzas, e unha disputa sobre a folla de ruta, os obxectivos a medio e longo prazo, o carácter do suxeito transformador (nación, clase) e o papel das institución e da mobilización no cambio do sistema (que é urxente). Non son cuestións a deixar de lado, teñen custes económicos, sociais e políticos, máxime en tempos con tanta fraxilidade ideolóxica, fragmentación partidaria e da sociedade, e cun papel negativo tan relevante dos medios e da política como relato, como escenificación, como espectáculo.