Opinión

O imperialismo ten guión. E as clases populares?

A clase traballadora francesa, co apoio dos estudantes e doutros segmentos sociais, leva case tres meses realizando paros, especialmente no sector da enerxía e transportes, e mobilizacións masivas. Deste xeito confrontan coa reforma laboral auspiciada por Hollande e Valls. O Partido Socialista quere individualizar as condicións contractuais, rebaixar a contía dos despedimentos improcedentes e ampliar as causas, desregular a negociación colectiva e debilitar o sindicalismo. Ou sexa, están a seguir o guión neoliberal que se está a aplicar en toda a Unión Europea. O importante neste caso é que, para alén de ser unha protesta defensiva, mantense no tempo, o que lle permite callar na conciencia colectiva formando novos/as activistas fogueados na mobilización e no debate das ideas. Outro éxito é que un 70% da povoación rexeita a reforma. Asemade, tampouco se pode ignorar a importancia cara o exterior que ten esta loita, sendo Francia a segunda economía da UE. Cómpre destacar que o sindicato CGT ten o papel dinamizador nos paros e mobilizacións.

De se frear a reforma laboral tería consecuencias económicas-sociais positivas e sería un triunfo que desbordaría Francia. Mais, sexa val for o resultado do conflito, sempre pode ser un triunfo político se constrúe conciencia de clase e democrática, e sementa actitudes de combate e organización na clase traballadora e na esquerda política liberadora. Toda loita debemos colocala en perspectiva histórica, máxime nunha confrontación que ten un carácter sistémico.

De se frear a reforma laboral tería consecuencias económicas-sociais positivas e sería un triunfo que desbordaría Francia

A proposta do PS francés vai na liña do guión que se vén aplicando noutros estados (comezando polo español) e dos novos “axustes” que solicitan o director do Banco de España e o presidente da CEOE. Este último xa pregoa que o emprego indefinido é cousa do pasado, do século XIX, di el. A regresión nas condicións laborais que propoñen seica non ten como obxectivo principal precarizar, e que medre a desigualdade e a pobreza. Ninguén é tan malo de palabra! Porén, os resultados non deixan lugar a dúbidas. Son tremendos. Deixan un regueiro de pobreza e marxinalidade. Eles afirman que a finalidade é garantir a competitividade (taxa de beneficio das empresas) para crecer en produción e aumentar o emprego. Noutros momentos, isto conseguiuse no capitalismo desenvolvendo o sector industrial e o consumo interno mediante emprego indefinido e salarios altos. Este modelo foi a consecuencia dos procesos de liberación das colonias, e dun sindicalismo forte e combativo, nun mundo no que confrontaban capitalismo e socialismo. Coa queda do chamado “socialismo real” abriuse paso a unha nova fase no imperialismo, baixo a hexemonía exclusiva dos Estados Unidos, denominada globalización neoliberal.

Agora ben, no actual contexto, dada a abertura dos mercados, o peso da especulación financeira e das materias primas, a economía delituosa e unha man de obra de reserva universal, o capital está en condicións de aumentar o lucro rebaixando salarios e impostos, privatizando os servizos públicos, e mediante subvencións e un tratamento privilexiado dos governos. Afirman que non existe máis saída, que é necesario competir con China, India, Exipto... xa que producen máis barato. Tamén se emprega este argumento en relación aos países do leste da Unión Europea, e mesmo de Portugal (no caso galego), cando se trata de bens con maior valor engadido. Hoxe, o exemplo laboral, para o capital, non é Dinamarca, Noruega ou Suíza (países que xa non son o que eran), senón os grandes exportadores asiáticos, e o día de maña serán os estados africanos, se os salarios e condicións laborais seguen a mellorar en China, Vietnam, etc.

Non se pode negar que diante desta lectura do contexto, e dunha maior abertura dos mercados (CETA, TTIP, TISA) que se dá como inevitábel, ten peso o discurso de que a única opción sexa, ademais de gañar en tecnoloxía, rebaixar salarios e servizos até poñelos como mínimo no chanzo dos países do leste da UE. Co resto do mundo, pódese utilizar como re-equilibrio o valor de troco do euro. Isto é o que están a facer todos os estados, camiñando cara atrás coma os cangrexos, cun resultado positivo na xeración de emprego moi curto no tempo, ao estar todos os estados a facer o mesmo, polo que unha e outra vez fanse novos axustes á baixa que en cada nova quenda teñen menos efecto, especialmente para as economías máis pequenas. As crises sucédense unhas a outras, en períodos moi curtos de tempo, mais tanto con resultados positivos de crecemento do PIB como con negativos, o proceso de concentración e centralización mantense como tendencia dominante. Non podería ser doutro xeito, porque este modelo é funcional ás grandes empresas que producen en escala (tanto pola capacidade de investigación, como de comercialización e control dos aparellos de propaganda), e que teñen por detrás as potencias económicas e militares, que son as que marcan as regras de xogo internacionais.

Daquela que, mesmo nos estados progresistas que queren realizar certa redistribución social, o proceso de centralización (territorial) e concentración (de clase) da riqueza e do poder non deixa de medrar, aínda que a un menor ritmo. Non pode ser doutro xeito sen rachar coa globalización. E con esta correlación de forzas, nesta etapa isto implica darlle pulo a economías autocentradas e sustentábeis. O guión neoliberal non é reformábel, non pode mudar a súa esencia.

Hoxe, o exemplo laboral, para o capital, non é Dinamarca, Noruega ou Suíza (países que xa non son o que eran), senón os grandes exportadores asiáticos

Para un cambio de tendencia que permita redistribuír traballo e riqueza producida, sería necesario, nunha primeira etapa, ademais da soberanía política, que teñan carácter público os servizos básicos e as actividades estratéxicas, especialmente aquelas que dependen do consumo interno como son: o crédito, enerxía, telecomunicacións e transporte. Cando falamos de servizos e prestacións básicas entendemos: ensino, saúde, prestacións aos dependentes e desempregados, pensións. Estas son reivindicacións que mesmo asumirían os autonomos/as e moitos pequenos empresarios/as, que sofren as privatizacións dos servizos e os abusos da banca e das empresas da enerxía e comunicacións. Hoxe non están garantidos os aforros nin os préstamos. Propor a esta altura un banco público galego, querendo repetir o papel das caixas, mesmo sendo un paso adiante (por certo, con tantos atrancos como nacionalizar todo o sector), xa non é unha ferramenta suficiente para alentar un cambio na tendencia económica e nas condicións sociais. Asemade, para os estados da UE, é fundamental a saída da eurozona e da OTAN, e recobrar as competencias cedidas á Unión.

Nunha segunda etapa, as propostas de modelo deberíanse centrar nos sectores internacionalizados no consumo, como é a produción de bens, para alén de que se potencien previamente. Ademais é esencial potenciar a cultura e a historia, e contar cun forte sector público da información, que contraste cos medios privados, que deberán respectar a realidade social, cultural e lingüística. Non hai liberdade, nin democracia, sen un povo con coñecementos xerais que lle permita contextualizar, comparar, marcar prioridades. Sempre pensei que a folla de ruta, tan importante como os obxectivos, ten etapas, nas que se acumula poder popular para seguir avanzando, e iso significa articular na mensaxe o concreto co xeral, o defensivo co ofensivo, o momento co futuro.

Sería necesario, nunha primeira etapa, ademais da soberanía política, que teñan carácter público os servizos básicos e as actividades estratéxicas

O capitalismo ten guión, non axe ao chou, e ás veces o modifícao un chisco en función da fortaleza da oposición laboral e social, dos conflitos con outros centros de poder alternativos. Mais sempre seguirá mantendo o esencial: a explotación e a opresión, porque iso é o que garante a taxa de lucro (a cobiza). Neste guión, Galiza tampouco ten papel no futuro, non estamos no século X ou XI cando o noso mundo reducíase á Europa occidental. O noso país é demasiado pequeno, carece de capacidade para producir en escala e para ser atractivo polo seu consumo. Os nosos sectores competitivos, pesca, madeira, naval, enerxía, gandería, foron esmagados ou reducidos nas últimas décadas, coa integración na UE. Non foi casualidade, nin consecuencia da nosa incapacidade. Carecemos de soberanía! Hai quen se conforma con este papel subordinado no económico, “xa que temos unha renda alta” e reduce a dependencia ao aspecto cultural.

O noso futuro está condicionado a un cambio de paradigma, a un sistema que prime a xustiza social, a protección do ecosistema, que considere que todas as culturas e linguas son parte importante da riqueza de humanidade. Un mundo onde a economía estea relacionada coa contorna, que polo tanto sexa sustentábel e autocentrada. Un mundo que pense no futuro da humanidade, porque os retos demográficos, ecolóxicos, da escaseza de materias primas, enerxía fósil e auga, son comúns. A nosa situación non é especial. A colonización, a dependencia son unha realidade cotiá que abafa a maioría das nacións do planeta. Cómpre a coordinación en pé de igualdade dos povos e da clase traballadora. E necesaria unha mensaxe alternativa e unha mobilización que teña forza, que se escoite, que sexa a voz dos explotados e oprimidos, para construír un polo revolucionario (fuxindo do tacticismo electoralista ou do economicismo sindical, cuxos límites son evidentes nos governos progresistas da América Latina, malia as boas intencións). Non hai saídas individuais, outra cousa é que haxa camiños propios, ritmos diferentes, e que se poda avanzar mesmo neste contexto tan adverso, sempre que se sementen os alicerces. A coordinación é esencial!

O capitalismo ten guión, non axe ao chou, e ás veces o modifícao un chisco en función da fortaleza da oposición laboral e social, dos conflitos con outros centros de poder alternativos

A solidariedade non se pode confundir coa esmola, que sempre é subxectiva, adormentadora das contradicións, e polo tanto funcional ás clases dominantes. Trátase de garantir iguais dereitos e deberes, nun mundo solidario, ou sexa, de repartir o traballo e a riqueza producida co esforzo de todos e todas. Nun mundo que rexeite todo tipo de opresión e explotación, e que garanta que os avances serán compartidos. Unha igualdade de trato que debe comezar por rematar co intercambio desigual e o dumping económico, e con asegurar as compensacións necesarias por séculos de explotación e opresión, para garantir que se suprima a desigualdade secular, sexa de clase ou de calquera outro tipo, e de evitar que se reproduza.

Trátase de garantir iguais dereitos e deberes, nun mundo solidario, ou sexa, de repartir o traballo e a riqueza producida co esforzo de todos e todas

En resumo, o capitalismo imperialista (sexa dos USA ou de sucedáneos como o español) ten guión, non axe ao chou. Daquela que o fundamental sexa, en política, que as clases populares posúan obxectivos e folla de ruta alternativa, transmitida con optimismo revolucionario. A solución non virá daqueles que todo o supeditan ao parlamentarismo, a ser intermediarios, suplantando o povo organizado, con poder e consciente. Lembremos: “non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno, nin deus, temos que nos salvar nós mesmos, o povo traballador”. Depende de nós que a utopía liberadora se faga realidade. Así avanzaron os dereitos sociais e nacionais, sempre. Non hai retroceso que non se poda reverter, cando a maioría está relegada e existe un suxeito político mergullado na realidade, coherente, atrevido e teimoso. Da historia do nacionalismo galego, dende Faraldo até as Irmandades da Fala, e sobre todo nas últimas décadas, temos moito do que estar orgullosos e aprender, se separamos o grao da palla.

http://manuelmera.blogaliza.org/