Opinión

IKF, a solidariedade e dignidade obreira

Sen dúbida todos os conflitos laborais, tanto aqueles que buscan unha mellora nas condicións de traballo, como os que teñen como obxectivo evitar o peche total ou parcial ou o recuar en dereitos adquiridos, son importantes. Teñen relevancia tanto que abranguen a un ducia de traballadores/as ou a milleiros, e calquera que sexa o sector ou o lugar onde se dá. Agora ben, hainos que polas súas características son un exemplo e o sindicalismo, e os partidos políticos de clase, deben facer un esforzo especial para difundilos. Debe ser así tanto mentres se está desenvolvendo o conflito como despois para socializar as ensinanzas, alentar á clase traballadora noutras empresas, onde existen situacións semellantes, para que tomen a iniciativa e sigan o exemplo. 

Un deses conflitos a socializar entre a clase traballadora e a povoación en xeral é a folga na empresa IKF no concello de A Garda, cun cadro de 75 persoas, fabricante de cerámica refractaria, e que é propiedade da empresa francesa do mesmo nome que ten unha facturación anual de 3.800 millóns de euros, dos que 5 millóns corresponden á fábrica galega. O conflito comezou como consecuencia dun profundo cambio na representación e a renegociación do pacto de empresa. O anterior comité estaba constituído exclusivamente por delegados de CCOO e UGT, mentres que o actual está conformado por catro delegados da CIG e un de CCOO.

Un deses conflitos a socializar entre a clase traballadora e a povoación en xeral é a folga na empresa IKF no concello de A Garda

Os traballadores/as de IKF están afectados polo convenio estatal de vidro e cerámica e un pacto de empresa, que dacordo coa reforma laboral ten naqueles temas que trate prioridade sobre o convenio de sector. O anterior comité aceptou unha escala salarial máis baixa para os/as traballadores de novo ingreso, a partir de 2018, entre un 25%-30% menos de salario. Este pacto foi levado á asemblea despois de telo asinado o anterior comité, e informaron que esta escala salarial máis baixa só afectaba a todos e todas as que entraban no futuro e só por dous anos. O novo comité de empresa descubriu que non era así; a rebaixa ten un carácter indefinido. Neste intre atinxe a tres persoas. Para os operarios/as e o actual comité a existencia dunha dobre escala salarial é inadmisíbel. Un dato: o delegado do anterior comité que asinou o pacto é agora o segundo de abordo na dirección.

Polo que o novo comité ten como reivindicación prioritaria a eliminación da dobre escala salarial, e sexa unha das razóns fundamentais para a convocatoria da folga. Ademais, a empresa pretende impoñer a liberalización da xornada diaria, que agora tiña un carácter voluntario, creando unha bolsa de horas que utilizaría para alongar a semana laboral ao sábado pola maña e polo serán, cunha compensación  de 20 e 40 euros respectivamente. Isto implica unha modificación do tempo de descanso semanal e dos hábitos e relacións da vida cando se quere, como neste caso, impoñer por parte da empresa, polo que resulta lóxico que exista unha imposición frontal.

Diante de propostas tan agresivas respecto das condicións laborais o 14 de xullo o cadro de persoal convocou folga indefinida, que se interrompeu como é lóxico durante o mes de vacacións, agosto. Volveuse a convocar a primeiros de setembro, agora cun carácter indefinido e parcial (os martes, mércores e xoves de cada semana), seguramente para mantela no tempo, dado os custes económicos que ten para o persoal en paro e a actitude refractaria da patronal e que pode querer xogar ao desgaste. A esta altura suman un total de 25 xornadas de paro!!! Destaca como novidade, que do persoal de produción só un traballador, e despois o delegado de CCOO, non se incorporaron á folga nesta segunda etapa. E chama a atención que a dirección de CCOO cálase diante deste feito tan grave tratándose dun representante sindical. Acaso avala esta actitude?...

O novo comité ten como reivindicación prioritaria a eliminación da dobre escala salarial, e sexa unha das razóns fundamentais para a convocatoria da folga

As reivindicacións do persoal en paro ficaron arroupadas polo éxito da manifestación realizada o pasado 15 de setembro, coa asistencia de medio milleiro de persoas, dado que se sumaron delegados/as da CIG así como veciños/as do lugar. Téñase en consideración que a mobilización era ás 11 da mañá. A consigna da pancarta de cabeceira é ilustrativa do carácter desta loita obreira: “Pola defensa dos nosos dereitos. Non aos retrocesos sociais. IKF en folga”. A socialización do conflito sempre foi fundamental, especialmente nesta etapa histórica e cando a confrontación dáse con grandes corporacións que contan con moitos centros de produción, e nun mundo onde a comunicación o invade todo. Daquela que, tanto como o propio paro, tamén lles preocupa, e moito, como lle pode afectar o conflito á marca, ao prestixio, a que os consumidores relacionen a empresa coa sobre-explotación laboral. Ademais, non é casual que neste conflito, como noutros, cando o que está en disputa é como se reparten os beneficios entre a clase traballadora e o capital, os medios sistémicos ignoren ou reduzan a información. Daquela, ten importancia que as forzas sociais e políticas defensoras da clase obreira, e os medios progresistas, fagan un esforzo especial neste campo de batalla, o da información e análise dos intereses e actitudes que existen no conflito. A complicidade das clases populares é esencial.

  https://obloguedemera.wordpress.com/