Opinión

'A Fouce', a patria galega na emigración

En xaneiro de 1926 naceu en Bos Aires o boletín A Fouce como expresión da Irmandade Nazonalista Galega (ING), e moi centrado no aspecto cultural (non falta moito para que se cumpra un século). Lino Pérez foi a persoa que deu folgos a esta iniciativa. No segundo exemplar, en xuño dese ano, A Fouce pública os principios da ING. Estes son: independencia de Galiza; autonomía municipal; oficialidade do idioma galego; igualdade de dereitos civís e políticos para muller a para o home; representación proporcional e non elixibilidade dos que non rendan función útil á colectividade; substantividade do dereito comunal galego; a terra para os ca traballan; repovoación forestal forzosa; entrega a particulares das terras improdutivas do Estado; libre cambio.

Non era esta a primeira expresión do arredismo na Galiza emigrada, xa que no ano 1921 fundouse na Habana o Comité Revolucionario Arredista Galego, do que Fuco Gomez sería impulsor. Fuco naceu en 1895 en Óuselle, Becerreá, e marchou de polizón a Cuba. Salientaría durante toda a súa vida na política, ate o ano 1962, pola publicación de centos de artigos e uns 50 libros. Mais, o aspecto máis destacábel deste arredista foi a súa teorización respecto da solución á problemática nacional galega, xa que propuña: unha Galiza independente, que se confederaría despois co resto das nacións ibéricas, que sería unha unión de estados libres. En coherencia, facía ademais unha proposta de confederación europea e universal. Foi en moitos aspectos un adiantado do seu tempo, denunciou a discriminación da muller e dos negros en Cuba, e definíase como antimilitarista.

A etapa máis salientábel deste boletín é na que se converte en voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal (SNP)

Voltando á Fouce que é o tema deste artigo. A etapa máis salientábel deste boletín é na que se converte en voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal (SNP). Esta segunda xeira comeza no ano 1930. Lembremos que a SNP xurde no ano 1927 e que a diferenza da ING conta cun maior número de activistas. Entre os que destacan: Moises Da Presa, Vicente Barros, Bernaldo Souto, Lino Pérez (por pouco tempo), Antón Zapata, Manuel Oliveira, etc. Bieito Cupeiro, moito mais novo e militante posteriormente da da Irmandade Galega de Bos Aires, no seu libro A Galiza de Alén Mar di sobre esta organización: “os pondaliáns non eran homes de cartos, senón case que todos traballadores máis ou menos cualificados. Non embergantes chegaron a desenvolver tarefas que moitos outros agrupamentos con máis recursos económicos nen en comparanza puideron emparellar”.

Da Presa, Ricardo Flores, Bernaldo Souto e Abraira, cos que militei na Irmandade Galega de Bos Aires (IG) e da que fun secretario desde o ano 1969 ate o meu retorno a Galiza (finais de 1972), relatáronme moreas de actos e accións que realizou a Pondal. Pódeselles caracterizar no persoal, como xente moza, consciente, militante e atrevida. Aquela era unha época dura, na que ser galego/a era para moitos/as arxentinos sinónimo de atraso e submisión, por unha banda, e de traballo e honradez, pola outra. Perseguíanos, como povo, unha lenda ateigada de ofensas e aldraxes, de povo sometido, que tamén se divulgara en América polos conquistadores e colonizadores daqueles territorios e de Galiza.

Nunha de tantas charlas na Irmandade, e diante das miñas preguntas sobre a SNP, Moises Da Presa comprometeuse a facer un artigo sobre o tema en A Nosa Terra (xuño 1971, nº516). No texto lembra como a SNP: “foise alargando con anovados pulos de xente moza, prantexouse axiña a necesidade de construírmos o organismo político galego do cal tan necesitada estaba a colectividade. Foi asín, como... naceu a Sociedade Nacionalista Pondal, movemento de extrema esquerda –arredista- que tanta gravitación había ter”. Sobre a liña que defendía a SNP engade o seguinte “Fronte ao complexo de inferioridade das nosas xentes a eisaltación do galego; fronte ao imperialismo colonialista español, fronte a todas as nosas pauliñas nacionais, o arredismo máis baril e agresivo; fronte ao pintoresco internacionalismo das nosas xentes, a afirmación rotunda de: Galiza célula de universalidade”. Entre os pondaliáns había marxistas, anarquistas, socialistas, ou sinxelamente galeguistas. Na práctica tanto a Pondal como logo a Irmandade Galega de Bos Aires eran frontes de patriotas onde se axuntaban todas as correntes da esquerda, no caso da SNP máis radicais nos obxectivos sociais e na proposta de soberanista.

O último boletín desta etapa de A Fouce saíu en xullo de 1936, era o número 88. Neste exemplar valorábase criticamente pola SNP o Estatuto de Autonomía recen votado: “Cecais nós sexamos pesimistas, pero case que seguro a nosa Patria seguirá como decote, soportando a abafante dominación do centralismo castelán... non é que nos opoñamos dun xeito decidido fronte a esta pequena conquista, antes ao contrario; pero sabemos que non é isto o que Galiza precisa... Como paso adiante nós estamos dacordo con este movemento autonómico, e aledámonos de que en Galiza buligue unha tal inquedanza”. No boletín de maio dese ano na capa destacaba un artigo titulado “A nosa Patria é Galiza”, engadindo de seguido entre outros comentarios “Pretendemos edificar máis co exemplo que co discurso... non somos os persoeiros dun povo submiso desleigado e resignado hoxe, somos os heraldos do porvir”.

Moises da Presa tiña moita retranca, tal como se pode comprobar na columna Revoldaina que escribía e A Nosa Terra. Moitísima! Era un marxista, nacido en Vigo, no barrio de Fragoso, como sempre lembraba. Da Presa foi unha persoa fundamental na Pondal, xa que participou de todas as xeiras da organización, e era dos que marcaba liña. A súa última acción para darlle continuidade ao proxecto (1941-1944) foi a creación do Partido Comunista Galego, que tería como voceiro a chamada Fouce Vermella. O PCG a diferencia do que existía na Galiza pretendía ser unha organización soberana totalmente independente do PCE. Durou pouco xa co PCE fíxolle entrismo e o proxecto esfarelouse.

O avance da conciencia galeguista na Arxentina anterior á chegada de Castelao debéselle en boa medida á SN Pondal

O avance da conciencia galeguista na Arxentina anterior á chegada de Castelao debéselle en boa medida á SN Pondal, e non foi por mor dos traballos eruditos ou das posturas mornas, senón dunha actitude consecuente, atrevida, mesmo algunhas veces de confrontación diante de tanta aldraxe, easí como un traballo teimoso. Posteriormente, coa chegada dos exiliados por mor do triunfo do golpe militar, a represión política e social e a ditadura franquista, fundouse a Irmandade Galega. Nesta organización axuntáronse sobre todo membros do Partido Galeguista e da S. N. Pondal, e na década dos sesenta e setenta estes últimos eran hexemónicos na dirección desta asociación patriótica. Unha anotación, unha boa parte dos activistas do galeguismo tamén militaban en sindicatos e partidos políticos da Arxentina.

Dende a emigración fíxose moito por defender e dar pulo aos intereses de Galiza, tanto dende o eido cultural como político. Os arredistas foron numericamente os menos, aínda que non tan poucos como os adoradores do sistema pretenden, ademais, a súa capacidade para divulgar a conciencia nacional foi extraordinaria e mesmo callou noutras opcións galeguistas moito máis mornas, vacilantes ou institucionalizadas. Foron a vangarda, os que abriron camiño, os que petaron na conciencia do povo, sen eles o nacionalismo galego non sería o que é hoxe. O seu xeito de pensar e de facer está reflectido en A Fouce, paga a pena achegármonos ás súas reflexións e inquedanzas, e sobre todo non esquecer a súa contribución, arelas e obxectivos.

https://obloguedemera.wordpress.com/