Opinión

Fendas duradeiras en tempos de cambio

Unha canle-tv de negocios comentaba criticamente que o 1º ministro belga fixese referencia a que os atrancos enerxéticos na UE manteríanse por cinco ou dez anos. Ou sexa, que aceptaba que non había unha solución próxima, cando menos en relación coas sancións contra Rusia, e que terían custes moi graves sobre a economía da UE. Ao comentarista nen lle gustaron estas valoracións porque son un xerro de auga fría para a cotización do euro e das compañías europeas na Bolsa. E unha cousa é ser realista, mesmo critico coas medidas da  UE, e outra pechar todas as solucións a corto prazo. Mais, todo indica que Alexander de Croo, que acaba de alongar a vida de dúas centrais nucleares de Bélxica, non fai máis que trasladar unha hipótese que cada día que pasa confirmase con maior forza, dado que a guerra na Ucraína vai para longo, e mesmo que se producise un alto ao fogo as feridas abertas entre o “bloque occidental” e Rusia levará décadas pechalas.

Vexamos as principais razóns para esperar un escenario tan pesimista en relación coa economía da UE. Ante todo cómpre ter en consideración que aínda que haxa quen lle bota toda a culpa dunha recesión económica a Rusia (pola intervención na Ucraína), e mesmo nalgúns casos se lle suma como antecedente a pandemia, en realidade estes feitos deron pulo a males que son propios dun capitalismo na súa etapa senil. Mais indo ao tema do artigo. Ademais Rusia contaba cunha preparación militar, fortaleza económica e avance tecnolóxico que “occidente” valoraba incorrectamente, aínda que divulgase a idea de que Ucraína sería tomada en catro días, xa que pensaba que o apoio da OTAN e as sancións mudarían a evolución da guerra e van seis meses e isto non sucedeu. Todo amosa que tamén Rusia facía unha análise moi optimista no ámbito político e militar no primeiro momento, e pensaba que ocupando algunhas provincias limítrofes, controlando totalmente o espazo aéreo e as costas e colocando os tanques na entrada de Kiev, sería abondo para lograr os obxectivos de evitar a entrada na OTAN, e garantir o cumprimento dos acordos de Minsk.

Non foi así, ante todo, porque Washington tiña planificado un escenario de confrontación, como amosaron os feitos posteriores, e ademais a Unión Europea non se atrevería a se opoñer a esta folla de ruta, máxime cando esperaban poñer de xeonllos a Moscova en pouco tempo. Daquela que a guerra entre Rusia e a Ucraína pasou a ser un conflito militar e económico coa OTAN e o G-7, ou sexa estratéxico. Con esta iniciativa Estados Unidos quere recuperar plenamente seu papel potencia hexemónica que decide as regras de xogo e quen as cumpre e quen non, e algúns estados da UE considéranse favorecidos como potencias subimperialistas, ao seguir contando co apoio militar do Pentágono para manter os beneficios dun intercambio desigual e explotación da man de obra en orixe dos países subalternos.

Evidentemente para consolidar o sistema tal como está (ou con máis exactitude estaba) a única saída aceptábel para as potencias occidentais é que Rusia sexa derrotada, ou, en último estremo, en caso de que termine gañando a guerra, que non se asine un acordo de paz. Trataríase de que sexa marxinada como un país terrorista e controlado polo demo e con escasos aliados. Trátase de impoñer un sistema de bloques con hexemonía occidental, evitando o multilateralismo (aínda que os acontecementos marcan outra evolución, xa que están dando un gran protagonismo a potencias rexionais, como India, Turquía, Iran, Brasil, Arabia Saudí, etc, engadindo novos atrancos á estratexia “occidental”).). Esta estratexia “occidental” é coherente co tremendo control sobre a información en todos os medios de masas respecto do que esta a suceder. Unha estratexia que se está a estender tamén a China, mediante todo tipo de provocacións, que non se poden considerar como persoais e moito menos casuais (falo da visita de Pelosi a Taiwán).  En resposta a esta folla de ruta que ten como obxectivo derrotar a Rusia ou manter latente a guerra, Moscova contestará anexando o Dombas e toda a zona costeira da Ucraína?

Respecto da situación actual da guerra, para alén de que o exército de Rusia e aliados avance de vagar, o destacábel é que Ucraína non deixa de recuar para alén de casos anecdóticos (malia o apio masivo da OTAN). E esta é unha tendencia que se consolida nesta segunda etapa da guerra. A lentitude do avance tería a finalidade de reducir custes humanos (militares e civís), o que ten súa lóxica. Tampouco se pode obviar que se trata de zonas nas que Kiev construíu sólidas defensas dende 2014, ao que cómpre sumar a utilización de áreas povoadas para colocar o armamento pesado e a utilización masiva de minas. Ao que se debe engadir o envío de armamento da OTAN e adestramento e o apoio en todo os aspectos algo que non é un tema menor, tanto para a utilización da artillería, como os ataques con mísiles (tamén militares como mercenarios?).

As contas da guerra. Mentres que o Governo da Ucraína afirma oficialmente que morreron uns 9.000 militares nestes seis meses de combate, unha cifra que semella moi baixa, unha filtración do exército dese país elevaba a 76.640 os mortos a primeiros de xullo. Esta grande última cantidade semella máis realista e xustifica a estratexia militar de Moscova, pola que neste intre pon por diante da ocupación de territorio esnaquizar ao exército da Ucraína, e o armamento enviado pola OTAN. A efectividade desta estratexia tamén reflicte porque malia as acendidas declaracións de Zelenski sobre unha contraofensiva en Kherson, que nunca se concreta, nas últimas semanas avanzou moito o exército ruso na zona. Agora ben, o aspecto máis destacado nestes días, porque implica un pulo cualitativo e reflicte a debilidade das forzas de Zelenski, é a utilización do atentado e a sabotaxe nos territorios “ocupados (ou liberados)” e na propia Rusia, así como o bombardeo da central nuclear de Zaporohie. Trátase de accións que non serían posíbeis sen contar co apoio dos Estados Unidos e da OTAN.

Estas accións armadas cada vez menos suxeitas a normas convencionais están acompañadas de sancións no eido económico, non só respecto da enerxía e outras materias primas e o mercado de capitais, senón de todo tipo de actividade, mesmo cultural e deportiva. Tanto Estados Unidos como a UE están erguendo un muro con Rusia, (e todo reflicte que despois con China), onde a opinión da maioría social non ten ningún papel. Son decisións que se toman polas cúpulas económicas e políticas en Washington e Bruxelas, e que se presentan como unha actitude defensiva, magnificando as consecuencias desta guerra (cando dende hai anos existen conflitos armados en Iemen, Libia, Siria, Somalia, Etiopía, etc. que nin aparecen nos medios). A diferenza está no papel estratéxico que se lle outorga pola OTAN e na súa participación, do que é un exemplo o envío ilimitado de armamento (tamén que coloca á UE ao rabo das iniciativas de Washington e favorece seu complexo industrial-militar e o dólar como moeda forte, de reserva?)

Se a confrontación actual entre potencias fose a loita entre a democracia e o autoritarismo, abondaría para illar a Rusia, China, Iran, Venezuela, Cuba e tantos outros países demonizados por “occidente”, con eliminar a OTAN e modificar as Nacións Unidas e outros organismos internacionais (FMI, BM, OMC), e facelos máis plurais e solidarios, con impedir as exclusións do SWIFT, o conxelamento de activos, ou as intervencións noutros países (en todos, senón: Por que ten USA bases en Siria contra a opinión do seu governo? Non é unha ocupación ilexítima?). Non é casual que China e Rusia disputen con éxito ás potencias occidentais as preferencia en moitos países de Asia, África e América Latina. Os atentados en Moscova e Mariupol, os bombardeos USA en Siria, o corte de auga a Donetsk, son un pulo cualitativo na guerra da Ucraína, creando feridas tamén coa UE que tardaran en curar. O capitalismo está abrindo fendas entre os povos para tapar a explotación e opresión, mais neste intre co agravante das armas atómicas, da desfeita ecolóxica,... Mais que nunca notase en falta unha maior denuncia, mobilización social,... Para Galiza, nación dependente, o triunfo do multilateralismo é básico, porque debilita o imperialismo, multiplica na práctica os escenarios e as follas de ruta posíbeis para a liberación nacional e social.