Opinión

Encadeados ao mundo unipolar

Tanto a crise do ano 2008, como posteriormente a pandemia do COVI-19, seguida da guerra da Ucraína e o apoio militar e técnico por parte da OTAN e as sancións impostas a Rusia, afectaron negativamente á Unión Europea e, moi especialmente a Alemaña e Francia, co que isto implica dado a centralidade na estrutura da UE destas dúas potencias. Unha evolución económica negativa moi condicionada no caso de Alemaña porque a súa fortaleza industrial estaba baseada en boa medida nunha enerxía barata subministrada pola Federación Rusa, algo que a esta altura é parte do pasado, para alén da recepción de cantidades anecdóticas e moi conxunturais. Un paso atrás, sen unha substitución a corto prazo, que condiciona o papel de Alemaña como locomotora económica da Unión Europea.

Todo facía pensar que este rol podería ser asumido por Francia, tendo en consideración a súa presenza na África occidental e subsahariana, e en varios enclaves no resto do mundo, e que a enerxía atómica tiña un papel relevante na produción eléctrica, que mesmo exportaba. Mais a forte conflitividade interna nos últimos anos, polas políticas laborais regresivas, e agora os sucesivos golpes militares anti-neocoloniais en varios países da “África-francesa”, deixan en evidencia atrancos para o subministro de uranio, así como o esgotamento do modelo subimperialista.

Estas eivas das dúas principais potencias teñen unha incidencia directa en toda a Unión Europea, no seu peso político e económico no eido internacional, e sobre todo en como supere a a crise sistema dun capitalista esgotado (no económico, ecolóxico, político...),... Unha cuestión esencial, máxime cando non hai outras potencias da UE que podan asumir o papel de locomotora e esixir moito menos ao imperialismo hexemónico (Washington) un tratamento máis beneficioso en relación cos países da súa orbita máis próxima. Daquela os atrancos que hai hoxe na UE, e moi especialmente nas súas dúas principais potencias, teñen unha relación directa coa iniciativa de Washington para expandir a OTAN, e degradar o papel de Alemaña e Francia como socios estratéxicos, e o lugar subalterno que estas aceptan cumprir, dando por perdida a construción dun polo alternativo.

Na escolla desta folla de ruta pola UE hai que considerar a colaboración cos falsos acordos de Minsk, a aceptación e entusiasmo na aplicación das sancións e conxelamento de divisas para esmagar a Rusia. Unha escolla que tamén implica dar por morta unha alianza económica e política que abranguese toda Europa, e que ao mesmo tempo pon trabas as relacións comerciais con China. Estes obxectivos reforzan o papel dos Estados Unidos a costa da propia Unión Europea e dan pulo á súa fragmentación no plano político, polos custes económicos e que alentan a desigualdade. Ao que se engade un aumento da confrontación militar, económica e no eido do relato.

A cuestión polo tanto para a nosa nación, e por suposto para o conxunto da UE, é: que papel vai cumprir a UE e cada territorio nesta nova etapa, máxime tendo en consideración o encorsetamento do bloque G-7, a dependencia das decisións de Estados Unidos, e o fortalecemento dos BRICS+ como unha resposta alternativa, multipolar? Estamos a vivir unha conxuntura de cambios profundos, históricos, tanto nas relacións entre os países, como na estrutura do poder, e por suposto en relación co papel de cada clase social.

Aínda que durante un tempo van convivir un bloque multipolar e outro unilateral e hexemónico, ou sexa nun mundo dividido, existe unha tendencia favorábel a prol da primeira das opcións. E Galiza, en principio, fai parte do bloque con peores perspectivas. Custes que se repartiran dentro do bloque en función do papel que cada nación xogue na cadea de valor e poder... Polo tanto, ademais da importancia e urxencia do tema ecolóxico, son fundamentais cuestións como: a soberanía, o tipo de sociedade, a xustiza social, a democracia, a igualdade, unha economía autocentrada e sustentábel... Non deberían estes temas estratéxicos, e os posíbeis escenarios futuros, ter un lugar nas análises e alternativas do nacionalismo galego?  Un debate a dar en todos os ámbitos, tamén no cotián e local.