Opinión

Eleccións en Madrid, as eivas da esquerda

Os resultados das eleccións en Madrid, aínda que se esperaba un triunfo da dereita, sen dúbida merecen unha reflexión por parte da esquerda no Estado español, mesmo daquela que medra a costa das eivas do PSOE. Non abonda con botarlle a culpa ao cansazo polo confinamento e aos seus efectos sobre a pequena empresa de servizos e o emprego, moito menos á falta de nivel político da povoación e a incidencia dos medios, máxime cando a participación na consulta foi tan alta e estes atrancos sempre existiron. Falta autocrática, capacidade de superación.

Todo fai pensar que o PSOE sentiu o golpe, vexase a axitación en Madrid e Andalucía (estenderanse ao Executivo?)

Resulta evidente que o fracaso estivo especialmente no PSOE, e a súa perda de votantes non é só como consecuencia da polarización do voto, aínda recoñecendo que este fenómeno foi o que primou na campaña. Tampouco Mas Madrid e UP, malia o medre de ambas forzas, especialmente da primeira, foron quen de aproveitar axeitadamente o aumento da participación e a caída do PSOE (do que 90 mil votos foron ao PP). As forzas triunfadoras son: o PP, que máis que dobra a súa representación; Mas Madrid que logra colocarse como segunda forza (cun discurso máis centrado nas propostas urxentes, sen marcar perfiles estratéxicos, para Errejon a súa referencia son os verdes alemáns); e VOX, que malia o tirón de Díaz Ayuso mantivo a súa presenza na Asemblea. 

Para o Governo central os resultados son moi malos. Para o PSOE polo que implica un retroceso na capital do Estado, e pola intervención tan directa de Sánchez nas eleccións dándolle un papel que transcendía a autonomía. Para Unidas Podemos, porque mesmo crecendo, xa que gaña tres deputados/as, perde precipitadamente ao seu maior referente sen pasos previos, e sen un proceso de recambio interno que permita madurar a socialización desta decisión. Reflectindo que o persoal conta máis que o colectivo, que UP é unha estrutura piramidal semellante aos partidos sistémicos.

Semella que o Governo fía o seu futuro ao proceso pos-covid e aos inxentes recursos dos fondos de reconstrución, que espera dinamicen a economía, xerando emprego e evitando que os ERTEs se convertan en EREs. A debilidade desta folla de ruta é que os fundos estanse adiando, e a vacinación non pode eliminar todas as medidas preventivas, dado que o virus está estendido a nivel mundial. Ademais, hai sectores que se poden recuperar rapidamente mentres outros terán que ser substituídos por novas actividades, e isto leva tempo, e xerará conflitividade, xa que haberá gañadores e perdedores: clases sociais, territorios, sectores, empresas...

Agora ben, volvendo á reflexión que facía no primeiro paragrafo deste artigo en relación coa falla de autocrática por parte da esquerda estatal. Deixando a un lado ao PSOE que está totalmente acoplado ao sistema, e só propón reformas que non muden a os alicerces económicos e sociais imperantes, a cuestión está centrada movementos que se definen como alternativos. Como Mas Madrid e Unidas Podemos que, mantendo un discurso distinto respecto dos obxectivos e de onde están as responsabilidades polo triunfo da dereita, no esencial reproducen criterios piramidais nas estruturas internas, unha gran dependencia dos medios de comunicación do sistema, e de ver nun chanzo inferior aos movementos sociais. 

No caso concreto de Mas Madrid e UP, como no resto dos partidos, agás no PSOE polo papel de Sánchez, as referencias para o electorado foron unipersoais nestas eleccións

Polo tanto, malia que se fala acotío de gañar o voto dos de abaixo, ou sexa da clase traballadora ocupada ou desempregada, logo aceptase á lixeira que esta votou a dereita en Madrid (sumando os bloques políticos pode que non sexa así). Porén para alén da oposición aos peches e despedimentos masivos, ou de pedir maiores gastos públicos, non se ve a ningunha destas forzas de esquerda tomando postura cando a confrontación se concreta nun conflito polas condicións laborais entre a clase obreira e a patronal nun convenio de sector ou de empresa. Ademais, as referencias políticas polo xeral céntranse nunha única persoa, polo que a súa capacidade de comunicación, tamén actitudes e preferencias,  terminan primando sobre o proxecto colectivo acordado en Congresos, que terminan perdendo valor. Distinta é a mensaxe e a imaxe, cando existen varias referencias, unha cabeza colectiva cun papel destacado, na que unhas persoas poñen máis o acento na cuestión laboral, outras na social, outras no xénero, no ecolóxico, a cultura, etc. Unhas son máis sosegadas e outras teñen máis xenio. 

 Mas Madrid centrou a súa mensaxe nos problemas máis cotiás, urxentes, e UP na cuestión estratéxica. Deron expresión a unha ruptura na base da esquerda que busca o éxito por dous camiños distintos, mais no que ambos hipotecan o cambio. En Mas Madrid porque, mesmo gañando base electoral, cada vez se aproxima máis a o PSOE e a alternativas europeas que non cuestionan o sistema, nen sequera teoricamente. En Podemos, porque poñendo a debate temas estratéxicos necesarios, que gañan á vangarda ideolóxica, faino de xeito tal que perde un amplo sector que non está maduro, mesmo sendo vangarda social na confrontación contra as clases dominantes. Na analise correcta do momento, de como tratar o concreto e o estratéxico, na práctica e no discurso, está a folla de ruta correcta para o cambio. Hai outros aspectos importantes, nos que non me quero estender neste artigo, só deixalos nomeados: os métodos de traballo, a iniciativa, a critica e autocrática, a organización, a política de alianzas, a mobilización, e sobre todo gañar o debate das ideas na sociedade. 

Vivimos nunha conxuntura entre dúas etapas, polo tanto nunha situación moi dinámica, que a ruptura do equilibrio coa natureza acelera, porén tamén a crise económica, o esgotamento do sistema e a confrontación entre potencias. O resultados de Madrid non teñen porque ter un efecto importante noutros territorios do Estado Español, especialmente nas nacionalidades históricas, onde a unha historia e realidades e comportamentos sociais particulares (e forzas propias representativas e combativas). Mais cómpre analizar o sucedido e tirar conclusións, leccións. Sempre hai que estar preparados para o peor escenario, porque iso implica poder avanzar en calquera situación.

https://obloguedemera.wordpress.com/