Opinión

A dobre vara de medir é cada día máis evidente

Vivimos unha conxuntura de grandes cambios que as clases e as potencias dominantes queren impedir, utilizando con tal fin todos os medios, desde a intervención militar, até as sancións económicas, o conxelamento de activos, e moi especialmente a hexemonía sobre a formación do subconsciente colectivo. E neste último aspecto, moi importante nesta etapa histórica polo papel que teñen os medios de comunicación na nosa vida cotiá, xa que existe unha verdadeira ditadura, aínda que teña fendas, para impoñer unha imaxe funcional aos intereses dos centros de poder. Neste período histórico do imperialismo de Estados Unidos e seus socios máis próximos no G-7.

Abonda con abrir un xornal na Galiza ou ver unha canle de televisión, os medios con maior incidencia na sociedade, para ver que non existe practicamente diferencia ao analizar ou relatar sucesos da guerra na Ucraína, os “golpes militares” en África sub-sahariana, a crise na Arxentina, o papel de Rusia e China, Iran, Cuba, e outros países condenados pola súa oposición ao bloque dominante. Agora ben a mensaxe está ateigada de contradicións que chocan contra a análise mesmo máis superficial do que acontece.

Tanto a UE como a ONU calan diante da ocupación desde hai anos por tropas de Estados Unidos dunha parte de Siria

Vexamos algúns exemplos:

A) Afirmase que Rusia non respecta o consenso e as normas internacional porque ocupa parte da Ucraína (aínda que a súa intervención se dese despois de que foi incumprido reiteradamente o pacto de Minsk, polo que se lle debía conceder autonomía ao Dombass) e se mantiñan os bombardeos por parte de Kiev que causaron 14 mil mortos desde 2014 ate 2022. Agora ben, ao mesmo tempo, tanto a UE como a ONU calan diante da ocupación desde hai anos por tropas de Estados Unidos dunha parte de Siria, malia a oposición do governo; ou que non marchan de Iraq mais serllo solicitado polo Parlamento e Governo. Tampouco respectou Estados Unidos, e gran parte dos seus aliados, a soberanía nacional de Serbia, cando forzaron a desintegración coa independencia de Kosovo.

B) A desfeita ecolóxica fai necesarias medidas que eviten a emisión de gases negativos, regular a mobilidade e presión demográfica, o que implica tomar medidas no ámbito do modelo enerxético, dos procesos de extracción e transformación e do modo de vida. Mais, o sur global reclama, con argumentos, que as medidas que se tomen deben ter en consideración o papel que cada país xogou historicamente (a trabes de intervencións e imposicións políticas ou de empresas tras-nacionais), tanto dentro del como no exterior, no deterioro do clima e do territorio. Daquela a oposición que existe en moitos países e as potencias emerxentes, en relación a que os “países desenvolvidos” condicionen os acordos económicos á esixencia de que cumpran cos mesmos requisitos en materia ambiental que as nacións do “centro do sistema” cando a periferia tiña (e ten) un papel subalterno. En poucas palabras cal foi o papel de cada país na cadea produtiva e de valor. Este é hoxe outro dos temas de diverxencia entre “occidente” é o sur global, e que condiciona por exemplo que non se asinase aínda o acordo comercial entre a Unión Europea e América Latina e o Caribe.

C) O imperialismo utiliza máis que en ningunha outra etapa desde a Segunda Guerra Mundial o neocolonialismo e as sancións no comercio exterior para acadar vantaxes tanto no plano económico, como militar e político. Algunhas delas son tan agresivas e de tal autoritarismo que son albiscadas como un anticipo respecto de que se poden tomar no futuro en relación con calquera país que non siga as directrices de “occidente” (baixo as directrices de Estados unidos). Por exemplo, a conxelación de activos de reserva e impedir que utilicen o sistema SWIFT, cando hoxe se toma contra unha potencia nuclear como Rusia, que forma parte do Consello de Seguridade da ONU, e que conta con numerosos países aliados. Medidas das que tomaron boa nota non só aqueles que foron sancionados por manter políticas soberanas, senón tamén os que tendo tradicionalmente boas relacións con “occidente” temen que se lles aplique por a mínima contradición. Máxime cando teñen diferencias de modelo ou diverxencias en materia de prezos (como no petróleo, gas e materias primas...). Coidan, con razón, que poderían ser castigados do mesmo xeito. Ademais, cada vez é máis evidente que a axuda militar á Ucraína obvia os antecedentes así como a negación por parte de Kiev da pluralidade nacional, cultural e lingüística do país, dado cobertura ao relato e actitudes neo-fascistas do actual governo.

Estas son algunhas das contradicións e as razóns que dan unidade e forza aos BRICS na procura dun mundo multipolar. Ao que se engade o desenvolvemento sobre o terreo da guerra entre Rusia e a Ucraína+OTAN, amosa as debilidades no campo militar de “occidente”, o que dá folgos aos  procesos que cuestionan o neocolonialismo (Malí, Guinea, Burquina Fasso, Níxer...).

O imperialismo utiliza máis que en ningunha outra etapa desde a Segunda Guerra Mundial o neocolonialismo e as sancións no comercio exterior para acadar vantaxes

Outro caso son os custes que as políticas hexemonistas que apoia a Unión Europea (sen dúbida porque hai un sector que sae beneficiado, non ás maiorías populares) terá cando menos a curto e medio prazo, especialmente se non existe unha maior contestación popular interna, ou porque está moi fragmentada, ou reducida as nacións dependentes. Porén esta cuestión, así como a loita de clases no ámbito internacional e na UE, merece un tratamento especifico... ou máis dun.

En todo caso esta nova etapa que se está a abrir a medio prazo, aínda que sexa con avances e retrocesos, ademais do triunfo do multilateralismo, implica unha maior sensibilidade coa natureza, e un avance na igualdade de trato para alén da raza, sexo, xénero, etnia, cultura, etc. Esta nova xeira, para ter realmente un carácter multipolar, tamén debe construír economías autocentradas, circulares, sustentábeis, con todo o que iso significa na política e como contrapeso a unhas relacións tan universalizadas e a existencia dunhas poucas potencias cun peso tan grande. Daquela a importancia de que o mundo non se reduza a dous ou media ducia de bloques. E todo indica que non será así a medio prazo, xa que a globalización neoliberal está retrocedendo, mesmo polas medidas que toman (de confrontación) aqueles que a queren manter como mecanismo de dominio sobre os demais povos.