Opinión

A disputa do nacionalismo tamén está na mobilización

Todo indica que as eleccións gregas, co triunfo de Syriza, e o xurdimento de Podemos no Estado español déronlle a iniciativa á unha nova socialdemocracia. Con todo o que isto ten de positivo e de negativo, tanto para o sector dominante das clases hexemónicas como para as reclamacións das clases populares e das nacións asoballadas.

Todo indica que as eleccións gregas, co triunfo de Syriza, e o xurdimento de Podemos no Estado español déronlle a iniciativa á unha nova socialdemocracia. Con todo o que isto ten de positivo e de negativo, tanto para o sector dominante das clases hexemónicas como para as reclamacións das clases populares e das nacións asoballadas. Para o nacionalismo galego actual, con medio século de loita nas súas costas, como confrontar esta situación non é un tema menor, porque esta alternativa política converteuse nunha competencia nun segmento importante da base social histórica ou daquela que tería que gañar co alargamento da súa influencia no futuro. Ademais, coa mobilización do 31-X, Podemos deixou de ser só un discurso para tamén disputar o Governo na rúa, sumando alén de internet a unha boa parte da súa base na práctica á construción do que denominan o “cambio”. 

"Coa mobilización do 31-X, Podemos deixou de ser só un discurso para tamén disputar o Governo na rúa"

Neste artigo non vou valorar as limitacións, semellanzas e diferenzas, que teñen Syriza e Podemos como suxeitos para un “cambio” que se poda considerar tal. Ou sexa, aquel que permita ás clases populares e aos povos oprimidos (como o galego) deixar atrás un sistema baseado na desigualdade e na marxinación. Isto xa o teño feito en artigos anteriores. Quero, non obstante, dicir que todas as análises e prevencións que se fagan teñen pouca efectividade social se non ofrecen asemade camiños alternativos, que sexan considerados viábeis e mellores por amplos sectores das clases populares do país. E isto coloca en primeiro plano a necesidade de que o nacionalismo galego sexa un referente en calquera circunstancia, rexeitando calquera xustificación externa para non o ser, xa que as adversidades son (e sempre foron) consubstanciais coa liberación nacional e social de Galiza. 

Por outra banda, non se pode ignorar, que algunhas medidas propostas por Podemos e outras organizacións son positivas, aínda que non rachen co sistema, xa que permiten unha mellor distribución da renda ou de ampliación dos dereitos democráticos; e son consideradas un avance  pola sociedade. Un exemplo disto son as medidas que acaba de tomar Syriza en Grecia. E sono, aínda que non rachen coa matriz que recrea o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder (e polo tanto da cultura, lingua, etc). Daquela, non é doado entender que se faga unha pinza, nunha alianza dialéctica coa dereita sistémica, contra reivindicacións sentidas pola sociedade, aínda que estratexicamente sexan insuficientes e terminen recreando un sistema tan inxusto como o capitalismo. Tampouco se pode desbotar por anticipado, colocando o carro diante dos bois, que nalgunhas circunstancias a realidade social e política empurre a forzas que só se propoñen dulcificar o sistema a tomar decisións que superan os seus obxectivos programáticos e cuestionen algúns dos alicerces do capitalismo. E isto é posíbel se existen alternativas revolucionarias con peso na sociedade e iniciativa na mobilización social que preservan a súa independencia. 

"Non se pode ignorar, que algunhas medidas propostas por Podemos e outras organizacións son positivas, aínda que non rachen co sistema"

Polo tanto, sendo esencial realizar previamente unha análise dos suxeitos políticos, da evolución histórica, do estado de ánimo da xente, das propostas políticas e da folla de rota, para definir unha estratexia, esta non se pode converter nun dogma. O futuro non está escrito, constrúese todos os días. Daquela, cómpre acotío debater a situación, as tarefas e os métodos de traballo, para axustalos ao momento e que sexan os máis efectivos. Feitas estas consideracións previas, vou ao cerne do que quero expoñer ao leitor/ra neste artigo e que por suposto non son novidades. Porén, coido que cada vez son máis fortes os indicios que confirman algunhas tendencias e como debemos aquilatar as nosas respostas. 

A aparición do “fenómeno” Podemos ten aspectos positivos e outros negativos para o nacionalismo galego. Entre os positivos, que está a producir unha viraxe á esquerda (malia que reneguen desta cualificación por oportunismo), porque centran a confrontación no político e agora alentan a mobilización. O negativo, enfocar o debate na corrupción, un programa difuso que non cuestiona o sistema e as relacións de produción (e polo tanto o capitalismo), apostar polo euro e a UE, xogar coa ambigüidade no relativo ao dereito a decidir das nacións sometidas, e reivindicar o patriotismo español (especialmente Pablo Iglesias). E, mesmo recoñecendo que conta co apoio dalgúns medios de masas, baixo control das clases dominantes, non se pode ignorar que ten na cabeza bos comunicadores e un núcleo central cun discurso e folla de rota para o aceso ao poder, que foi quen de ilusionar amplos sectores sociais e que vai crear escola partidaria. Porén, os aspectos democráticos que esgrimiu como contraste cos partidos tradicionais foron perdendo valor diante do obxectivo de evitar unha pluralidade que podía limitar ou cuestionar unha dirección concentrada en profesores universitarios e residentes en Madrid, arredor da terna Iglesias - Errejón - Monedero. 

"A aparición do “fenómeno” Podemos ten aspectos positivos e outros negativos para o nacionalismo galego". 

Todo fai pensar que o éxito da mobilización en Madrid, alén de que foran 100.000 ou 300.000 os que se axuntaron, vaise trasladar agora a outras partes do Estado español, e antes ou despois tamén a Galiza. Así poderían fixar definitivamente o partido en todo o Estado, ter bases de apoio consolidadas e, ademais, diminuír a dependencia dos medios de comunicación. Polo tanto, o nacionalismo terá que disputar a rúa no referente á mensaxe política con esta nova forza, algo que non acontece dende hai tres décadas, nas que o BNG foi a forza hexemónica a este nivel. A opción de obviar a disputa, no discurso e na mobilización, sería un erro histórico. Consideraríase polo povo galego como unha carencia de argumentos, así como da falta de capacidade de dirección da loita contra o imperialismo.

Como confrontar este novo escenario é unha cuestión clave. Por unha banda resulta inevitábel converxer con Podemos e outras forzas estatais nas reivindicacións por certas cuestións concretas, e por outra parte é necesario marcar as diferenzas estratéxicas, na folla de rota, e contrastar a capacidade mobilizadora. Non é solución que o nacionalismo dea un paso atrás, esperando tempos mellores, e que mentres tanto se refuxie no reivindicativo, no identitario e na xestión (sindical ou municipal). Deste xeito non podería contrastar proxectos na práctica, desmobilizaría a súa base, sería grave, máxime cando implican a españolización da nación.

"Como confrontar este novo escenario é unha cuestión clave".

Lembremos que, na transición, o ascenso do nacionalismo debeuse en boa medida a unir as loitas concretas co proxecto político, tanto no discursivo como na folla de rota e na práctica cotiá. Realizábanse convocatorias propias do nacionalismo que eran aglutinadoras da conflitividade sectorial e local, e ademais tiñan unha enorme efectividade axitativa, na promoción do nacionalismo e na confraternidade. As organizacións sociais, culturais e sindicais, os concellos, eran caixa de resonancia do proxecto estratéxico. Neste intre, como naquel intre, unha parte moi grande da povoación, e dos sectores máis activos das clases populares, van alén das reivindicacións concretas na procura dun cambio global que supere un sistema que consideran corrupto, inxusto, non democrático e discriminatorio. Este é o estado de ánimo da xente. E a situación no noso país non é distinta neste aspecto, da que se estende por todo o sur da Unión Europea. 

"A necesidade do cambio na Galiza debe continuar a ser liderada polo nacionalismo, porque é un proxecto antisistemico e liberador".

A necesidade do cambio na Galiza debe continuar a ser liderada polo nacionalismo, porque é un proxecto antisistemico e liberador. E para iso, cómpren un programa e discurso claro (que supere o reformismo), folla de rota, usar acaidamente a importante base de militantes e simpatizantes, e converter as organizacións sociais e concellos en panca das mudanzas. Ademais é fundamental que o proxecto político tome a rúa, con campañas de mobilización que se sosteñan no tempo, para que se visibilicen e amosen a coherencia e eficacia do nacionalismo na loita contra un sistema inxusto no social e discriminador no nacional. Non facelo sería un paso atrás, e deixaría un espazo que sería totalmente ocupado por outras alternativas, por máis que  se participe activamente de cada protesta social, cultural ou identitaria. A cuestión é manter a iniciativa no estratéxico.

http://manuelmera.blogaliza.org/