Opinión

A dereita produce espellismos coas estatísticas

Segundo dados do INE, as familias galegas que non tiñan capacidade para afrontar gastos extras imprevistos baixou durante o ano 2015, do 38,6% ao 29,6%. Unha rebaixa do 9%! E isto acontece malia que o ingreso medio por persoa reduciuse. A mesma tónica teñen os dados sobre as persoas que tiñan dificultade para chegar a final de mes, que eran o 66,25% no ano 2007, antes da crise, e baixaron ate o 58,65% no ano 2014, cando aínda non se iniciara a recuperación. Unha milagre. 

Este teórico recuar da pobreza, que se anuncia en período electoral, notaríase especialmente nos fogares que chegan con moita dificultade a final de mes, xa que baixaron o ano pasado do 21,5% ao 7,8%. Unha redución de 2/3! Sería unha baixada das persoas con moitas dificultades, que máis que dobra en porcentaxe a cifra do paro. Estas estatísticas sobre a situación social non son críbeis, chocan coa realidade, malia que sectores carentes de ingresos como inmigrantes e mocidade marchasen do país, xa que tamén, como contraste, baixou a cobertura ao desemprego e á dependencia, e medrou a precariedade laboral e o retroceso salarial. Asemade, estes dados teñen unha tendencia inversa aos que logo se dan en relación co risco de pobreza, que se fixa nun 19,4% das familias, cun crecemento de 4 puntos o último ano. Como pode medrar o risco de pobreza e ao mesmo tempo baixar o número de persoas que teñen problemas para chegar a final de mes? 

Estas estatísticas sobre a situación social non son críbeis, chocan coa realidade

Outra manifestación da reinterpretación estatística dáse nos dados de creación de emprego, dos que tanto se gaba o Governo. Se comparamos o medre do PIB no ano 2015 na Galiza, que foi do 2,6%, co aumento da ocupación que seica atinxiu o 3,2% durante ese ano, algo non cadra. A lóxica fai pensar que o medre do PIB debería ser superior, máxime cando o normal é que se acrecente a produtividade. Que non se cumpra esta premisa só é posíbel mediante unha suma de factores regresivos, como son: que unha parte dos contratos sexan por xornadas mínimas, que a substitución xeracional teña salarios máis baixos, e que se produza un recuar dos ingresos nos traballadores/as fixos. Só deste xeito pode aumentar a taxa de ocupación por riba do medre do PIB, e ao mesmo tempo manterse o crecemento da concentración da riqueza, algo que é máis que evidente. En conclusión, estase a dar un aumento significativo da explotación laboral! Un complemento a esta tendencia é a proliferación de autónomos/as con ingresos mínimos, en actividades marxinais. Trátase dun proceso alentado pola tarifa plana especial da Seguridade Social, a rebaixa do imposto de sociedades, e a propaganda do Governo central e da Xunta. De todos os xeitos teñen un peso numérico, e unha incidencia na economía, moito menor que a clase traballadora. 

Outra cuestión a termos en consideración é que na Galiza, segundo o INE, o desemprego baixou na mesma porcentaxe que medrou a ocupación. Algo difícil de crer no caso galego. Como se poden xustificar estes dados nun contexto con retorno de inmigrantes, e masiva emigración da mocidade, do que resulta un saldo migratorio negativo, e cando a baixa natalidade está a deixar sentir seus efectos regresivos na reposición laboral? Aínda con estas contas tan pouco claras, o desemprego mantense en cifras moi altas, o 18,24%, 228.000 parados/as (a media estatal é do 21%, e en Madrid do 16,81%). Tampouco casa coas cifras de ocupación e paro, practicamente idénticas, que ademais se perda povoación activa (9.000 persoas en 2015). 

Estase a dar un aumento significativo da explotación laboral!

O retroceso do desemprego, sendo algo positivo, ten polo tanto un lado amargo, xa que é insuficiente para compensar a destrución de sectores tradicionais, por mor da dependencia nacional. Porén, a creación de emprego destaca ademais pola temporalidade dos contratos, a xornada a tempo parcial, os baixos salarios, e a realización de máis horas de traballo que aquelas polas que se paga e cotiza. Ou sexa, é sinónimo de explotación laboral. Esta suma de factores regresivos danlle ao traballo un carácter opresivo para unha franxa cada vez máis ampla da sociedade galega. Este aumento das contradicións marca a loita de clases nesta etapa, e a súa interdependencia coa cuestión nacional na Galiza. Daquela que a loita de clases non sexa algo do pasado, senón que forma parte do presente e especialmente do futuro.

Os ingresos están cada vez máis concentrados e centralizados, e a xeración de emprego é insuficiente e temporal

En resumo, segundo estes dados do INE (que reproduce o IGE), a queda do PIB, os axustes salariais e nos servizos sociais, e o aumento do IVE, seica beneficiaron aos sectores máis desfavorecidos. Isto é o que se sementa cando se divulgan dados manipulados ou quitados de contexto nos que alenta o espellismo de que baixou drasticamente o número de persoas que teñen dificultades económicas. Nada máis lonxe da realidade. Nen que tomaran por parva á xente, como se non padecesen directamente, ou na súa contorna familiar, a precariedade salarial e as dificultades económicas. Hai crecemento e creación de emprego nos últimos dous anos, porén os ingresos están cada vez máis concentrados e centralizados, e a xeración de emprego é insuficiente e temporal, especialmente nas nacións dependentes da periferia do sistema. E este retroceso ou avance cativo, equilíbrase nalgunha medida nas estatísticas no caso galego coa emigración e a queda da natalidade. Por se non abondase,  ademais, mesmo tendo traballo asalariado hai moitas familias que viven na pobreza ou ao borde dela, o que constitúe un cambio cualitativo polo seu peso cuantitativo a respecto do período previo á chamada crise, que en realidade é un paso máis na globalización neoliberal. 

http://manuelmera.blogaliza.org/