martes 21.01.2020

A democracia española: represión, mentiras, ameazas...

O Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, xustificaba que non van aceptar a independencia de Cataluña, co argumento de que esta reclamación de soberanía poderíase alargar a outras “rexións” da Unión Europea. Non é por causa da “legalidade española”, nen do método seguido, ou de que se debería contar cunha determinada maioría. A cuestión de fondo é que vai contra a filosofía da UE de non aumentar o número de estados membros fragmentando os territorios que hoxe abrangue. Evidentemente, este criterio foi contrariado cando se trataba de expandir a UE a costa da antiga Iugoslavia, ou da URSS. No entanto, aplicouse tamén no caso de Bélxica, freando as aspiracións dos flamencos a dotarse dun estado propio. En poucas palabras, as clases dominantes axen en función dos seus intereses. Están de acordo co criterio da autodeterminación cando lles é funcional e permite a súa expansión a costa dunha forza rival, e en contra cando lastra a “unidade de mercado”. Unha unidade que lle permite aumentar a taxa de beneficios eliminando peaxes, lexislacións proteccionistas, etc.

Aínda non estando de acordo nunha actitude tan antidemocrática como a expresada por Juncker, xa que esmaga e ignora a vontade popular, cómpre recoñecer que cando menos é sincero. A UE nunca foi unha libre asociación de povos. Xurdiu e desenvolveuse como unha plataforma para favorecer os intereses das empresas transnacionais. Conseguir que teña outros obxectivos, para alén da formalidade das palabras rituais e dalgún plan menor no social, como engado ás clases medias acomodadas, necesitaría dunha revolución social e política, dun cambio de sistema.

Polo tanto, unha Cataluña independente ficaría fóra da Unión Europea. Coido que isto sería unha vantaxe para esta nación, en termos de soberanía real, aínda que obrigaría a unha readaptación dalgúns sectores da estrutura produtiva. Conquistar a independencia para que ren mude no económico, laboral, e social, non semella lóxico. Máxime cando vai ter custes de todo tipo, tanto para Cataluña como para o Estado español. Ningún cambio é gratuíto nunha primeira etapa. Doutro xeito, sería unha independencia formal, á que non se lle pode restar valor, mais non permitiría transformar o País, e serían necesarios novos sacrificios e loitas alongando innecesariamente o proceso.

Unha Cataluña independente ficaría fóra da Unión Europea

 

Coas declaracións de Juncker e doutros governos da UE o españolismo apúntase un tanto para cercar o procés no ámbito internacional. Xa o fixera antes con iniciativas no ámbito político, acadando o apoio de Ciudadanos, que neste aspecto xoga na estrema dereita, e do PSOE, que aposta polo diálogo sempre que a Generalitat faga renuncia de calquera parcela de soberanía real ou compartida (un federalismo cosmético). Coa maioría parlamentar garantida no Estado, e o ámbito xudicial e policial asegurado, premendo e cercando o movemento independentista, as clases dominantes xa tiñan unha correlación de forzas favorábel. Máxime cando se lle engaden ademais os medios hexemónicos retorcendo a información, dando azos ás contradicións internas no nacionalismo, presentando como vítimas a policías e gardas civís en lugar das persoas que quixeron votar o 1-O, e chamando ao contraataque por parte dunha suposta maioría silenciosa unionista.

Por se non abondase, sumouse a economía, especulando o Governo e as forzas sistémicas co caos, coa fuxida de empresas, coa inseguridade das contas bancarias, e o control do pago aos funcionarios e gastos en mans de Montoro. Todo orientado a afogar a libre decisión de Cataluña. Tampouco se pode obviar o efecto psicolóxico do traslado da sede de moitas empresas, especialmente as do IBX35. Aínda que se dá a cifra dunhas 500 sociedades en poucos días, esta casuística é máis relativa porque os traslados dunha autonomía a outra son normais, como se pode comprobar nas estatísticas de calquera ano anterior. A facilidade dada polo Governo central para o cambio de domicilio fóra de Cataluña, así como a rapidez coa que se tomaron as decisións, amosa que esta cuestión xa estaba tratada con anterioridade. As preguntas que nos deberíamos facer son: a cambio de que prebendas económicas? De quen partiu a iniciativa?

O Governo e as forzas sistémicas especulan co caos, coa fuxida de empresas, coa inseguridade das contas bancarias

 

No ámbito económico desta guerra sen armas (monopolizadas polo Estado español, por outra banda), estase a sementar a idea de que, ademais de afectar por malicia á economía do Estado español, os maiores custes serán para o povo catalán. Dise que despois do traslado das sedes, virá o dos centros de dirección, e en moitos casos da propia produción. Por outra banda, nada se di, intencionadamente, que se crearía emprego na administración e outras áreas, como consecuencia de suplir todas as actividades que hoxe están centralizadas en Madrid.

Algúns economistas afirman que as empresas pagarán os impostos fóra de Cataluña, co devalo que isto implicaría nos ingresos da República Catalá. E que outro tanto pasaría coas pensións, ao non contar coas transferencias do Estado español. En fin, unha morea de argumentos falsos. Cómpre lembrar que hoxe, estes impostos son recollidos polo Estado, e que no futuro este papel sería cumprido pola facenda propia. As empresas pagan impostos en cada estado, pola actividade que desenvolven nel, tanto se este ten mil anos como se naceu onte. No caso concreto do Estado español, este recada os impostos máis importantes, e as empresas non pagan na autonomía que realizan a actividade senón onde teñen a sede central, normalmente Madrid. Estes son repartidos despois segundo diversos criterios, en función das relacións de poder, acompañados da idea subxacente, e moi divulgada, de seren unha cesión solidaria de Madrid, cando en realidade, se utilizaron previamente mecanismos de subordinación das nacionalidades na cadea económica de valor.

As empresas pagan impostos en cada estado, pola actividade que desenvolven nel, tanto se este ten mil anos como se naceu onte

 

A respecto das pensións, hai que lembrar que se trata dun sistema interxeracional, polo que dependen das cotas actuais dos asalariados e asalariadas. Por outra banda, na Caixa das Pensións practicamente non hai reservas. Gastounas o PP con todo tipo de subvencións ás empresas e autónomos. Polo tanto, o efecto da independencia neste tema, mesmo sería positivo para Cataluña, tendo en consideración o volume da súa economía a o número de pensionistas. O déficit actual no sistema de pensións ten como única saída a mellora dos salarios, e perseguir a economía en negro, especialmente as horas polas que non se paga nen cotiza. Non esquezamos que os orzamentos do Estado español son deficitarios, e que a débeda pública é semellante ao PIB producido durante un ano. Ese déficit no Estado medraría coa independencia de Cataluña, a menos que se pactase un reparto.

O Estado das Autonomías está esgotado. Na práctica, reproduciu con novas formas o centralismo de sempre. Se analizamos a evolución de Cataluña, Madrid e Galiza dende 1981 ate o 2016, temos unha radiografía de a quen beneficiou e prexudicou o réxime do 78. Durante este período, conseguíronse os estatutos. Mais como contrapartida realizouse a integración na Unión Europea, desapareceu o bloque socialista, e consolidouse a globalización neoliberal. Ou sexa, as corporacións transnacionais marcaron o ritmo económico, político, social e cultural, utilizando como pivote os estados-nación. Daquela que non sexa unha sorpresa que a evolución da povoación para cada unha destas nacionalidades e autonomías entre 1981 e 2016 fose a seguinte: Cataluña do 15,84% ao 16%; Madrid do 12,48% ao 13,9%, e Galiza do 7,44% ao 5,8%. Ou sexa, Cataluña practicamente está estancada, malia que hoxe conta con máis dun millón de inmigrantes, Madrid crece rente do 10%, e Galiza perde un 21% da povoación. Se consideramos a evolución do PIB, temos unha fotografía máis completa: Cataluña pasou do 20% ao 19%, Madrid do 17,95% ao 18,9%, e Galiza do 5,9% ao 5,2%. Ou sexa, falando en prata, co actual sistema, malia as competencias autonómicas (descentralización administrativa) nestes 35 anos: Madrid fortalécese, gaña en povoación e PIB, Cataluña perde en PIB, e Galiza diminúe en povoación e PIB.

O Estado das Autonomías está esgotado. Na práctica, reproduciu con novas formas o centralismo de sempre

 

Os feitos e os dados reflicten que cando se afirma que a gran burguesía do Estado español aposta pola globalización neoliberal, temos que incluír nela a todo o gran capital, mesmo o das nacións dependentes (como se reflicte en Cataluña). Isto é así para alén da situación política, económica, social e cultural do País no que teña a súa sede. Poden existir excepcións, mais estas non fan máis que confirmar a regra. Isto di moito sobre o carácter popular do movemento independentista en Cataluña e outras nacións sen estado propio. Outra cuestión é que a clase traballadora non sexa o cerne da loita a prol da independencia. Un déficit que pode ter custes, sobre todo nesta segunda fase do procés, cando entran en xogo non só os dereitos democráticos, a dignidade, a identidade, senón tamén os intereses económicos do suxeito social que sustenta a loita de liberación nacional. É nestes momentos cando a cuestión de clase, e concretamente a clase obreira, amosa a súa transcendencia para a conquista da soberanía. Non só porque teña como obxectivo reivindicacións xustas e urxentes, senón esencialmente porque dá unha maior consistencia ao suxeito que constrúe o cambio. E isto é fundamental cando hai que confrontar co sistema, coas clases dominantes e aliados, nunha correlación de forzas nacional e internacional complexa. Isto é válido especialmente para esta nova fase do procés, tanto nun escenario no que se aplique o artigo 155, como noutro distinto.

http://manuelmera.blogaliza.org/

A democracia española: represión, mentiras, ameazas...