Opinión

A cuestión está no reparto, e na dependencia

O IPC atinxiu na Galiza o 6,8% no mes de xaneiro, en termos anuais, fronte a un 6,1% no Estado español. Ou sexa, que mentres no noso país os prezos manteñen este 2022 unha tendencia ascendente no Estado comezaban a baixar. Valorábase polo Governo e moitos especialistas que esta  inflación tan alta tería un carácter conxuntural, xa que se debía en boa medida a causas externas, esencialmente ao aumento do prezo da enerxía e produtos de importación. Polo tanto argumentábase que cun pouco de esforzo do empresariado e a clase traballadora, podíase evitar que se trasladase aos salarios e ao consumo. Daquela que salarios e pensións recuperasen moi pouco do poder adquisitivo perdido, que se pedise moderación no aumento comprometido do SMI.

Este discurso dos custes transversais, repartidos por igual, soa moi ben polo seu carácter solidario, mais obvia que perante o ano 2021 os ingresos das grandes corporacións, comezando polas financeiras, foron maiores que nunca (20 mil millóns no caso da gran banca), e os das eléctricas triplican aos que obteñen as de Alemaña, malia os axustes decididos polo Governo. E tendo en conta que o PIB é inferior ao de 2019, que isto suceda só é posíbel modificando regresivamente o reparto dos ingresos. Ou sexa, en prexuízo da clase traballadora, autónomos/as, pequenas e medianas empresas. É así, malia que o Governo de coalizón afirme o contrario acotío, e que o resultado para a maioría social puidese ser aínda máis negativo se governase a dereita.

Tampouco se pode ignorar que saímos da crise da pandemia do covid-19, malia os ERTEs e SMV, cunha estrutura económica e social máis concentrada e centralizada, ou sexa, cunha maior desigualdade entre clases sociais e entre autonomías. Tal como se pode comprobar polo medre da pobreza que atinxía en 2020 o 26,4%  e a extrema que pasou do 4,7% da povoación en 2019 ao 7% en 2020. A precariedade e a falta de emprego e salarios dignos tamén incidiu na evolución demográfica de cada territorio (natalidade, migracións...). As familias máis castigadas neste aspecto son as monoparentais, e as de inmigrantes, así como no relativo aos territorios, o histórico desequilibrio entre as zonas rurais e urbanas, e aquelas nacionalidades que xogan un papel historicamente subalterno na cadea de valor (caso da Galiza). En poucas palabras: as medidas que se tomaron para atender aos sectores sociais máis precarios ou que sufriron directamente os efectos económicos da pandemia, non foron suficientes, e tampouco mudaron a tendencia historicamente dominante.

O Executivo centra seu relato nos aspectos positivos, sen facer unha análise de conxunto, xa que cando se realiza non se pode ignorar o aumento da taxa de pobreza e o medre dos beneficios das grandes corporacións, o que deixa en evidencia a insuficiencia das medidas sociais, e quen está a pagar os custes da pandemia. O Governo central e a Xunta de Galiza, en distinto grao segundo o sector, teñen responsabilidades directas e medios como para corrixir esta situación. Entre as medidas inmediatas estaba realizar unha reforma laboral xusta. Unha oportunidade perdida, xa que recupera e mellora algúns dereitos máis fortalecendo nos contidos e nas formas a base neoliberal das relacións laborais (mobilidade, xornada, despedimentos colectivos, etc.), co que isto implica de hipoteca para o futuro. Outro dos instrumentos é o SMI, aínda moi lonxe do 60% do salario medio, mesmo así presentouse como un triunfo o aumento dun euro por día, cando en 2021 os salarios perderon un 6,5% de poder adquisitivo no Estado español.

Agora ben, para alén dos avances que force a loita laboral e social e a presión política do bloque do soberanismo, quedan por diante posibilidades importantes para realizar avances no reparto do PIB, tanto entre clases sociais como entre nacionalidades. Refírome a cal será a utilización dos fondos europeos, á prometida reforma fiscal, e á modificación do financiamento autonómico. Respecto da reforma fiscal o propio FMI, que non é precisamente unha institución progresista, considera que a base impositiva no Estado español ten marxe para ser máis alta, e así equilibrar as contas públicas. Tampouco se pode eludir o debate sobre os privilexios que dá a Madrid ser a capital do Estado español, unha distorsión que non se compensa con abrir algúns organismos na periferia.  A cuestión está nun reparto xusto, solidario e na soberanía, e que estas reivindicacións estean presentes en todas as accións reivindicativas.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios