Opinión

Un Congreso para dar pulo á mobilización (e a conciencia)

Todo amosa que nos medios de comunicación sistémicos a celebración, o vindeiro sábado, do VIII Congreso da Confederación Intersindical Galega será tratada como unha noticia máis. Máxime cando non existen conflitos internos nos que se cebar, malia a pluralidade da central sindical. O desleixo dos medios con todo o referente á CIG non é casual, tendo en consideración que a súa práctica sindical afecta negativamente os intereses da patronal así como aos partidos da dereita.

Sen dúbida trátase dun encontro importante. Debese valorar deste xeito por tres motivos. O primeiro, porque ficamos nunha conxuntura complexa, tanto pola pandemia como polo axuste económico e laboral na que o movemento obreiro xogase o futuro a medio prazo. O segundo, porque hai condicións para que os centos de loitas laborais que se espallan por todo o país poidan confluír nos vindeiros meses en grandes mobilizacións e mesmo nunha folga xeral, como ten afirmado máis dunha vez Paulo Carril, o secretario xeral desta central de clase e nacionalista. Terceiro, porque a CIG é o sindicato con maior número de delegados e delegadas 4.548, un 29,7% do total (15.485) segundo os últimos datos (de 31-12-2019) da Consellería de Traballo da Xunta de Galiza. A porcentaxe para UGT é do 25,77% e para CCOO do 25,72%. Non menos relevante é que se trata da central con maior número de afiliados e afiliadas cotizantes, e o sindicato máis relacionado coa conflitividade laboral e de maior capacidade de mobilización.

E o fundamental para as clases populares e a nación galega, esta tendencia ascendente da CIG mantívose perante a pandemia, malia todas as dificultades que implicou para o movemento obreiro e a actividade sindical, especialmente para realizar reunións e mobilizacións masivas. Polo tanto, todo amosa que este Congreso da CIG máis que nun debate de principios ou respecto da folla de ruta, estará máis centrado en clarificar os métodos para redobrar o impulso para facer fronte aos procesos de reaxuste económico-laborais que quere impoñer a patronal, ao abeiro da pandemia e a crise (peches, modificacións regresivas das condicións laborais). Porén tamén para forzar cambios progresistas na lexislación (reforma laboral, lei mordaza, pensións, dependencia, impostos, etc.) e melloras na negociación colectiva (salarios, contratos, xornada, etc.), nos servizos básicos...

Esta tendencia ascendente da CIG mantívose perante a pandemia, malia todas as dificultades que implicou para o movemento obreiro e a actividade sindical

O Relatorio de Acción Sindical está dividido en dúas grandes partes, a primeira composta por tres apartados: 1) As transformacións do capitalismo neoliberal e a explotación da clase na era dunha pandemia mundial; do que os textos citados no anterior paragrafo forman parte; 2) As respostas dos gobernos. Galiza ante a crise; 3) Diálogo social e sindicalismo pactista.  Nesta parte do Relatorio  contextualizase a conxuntura: “A pandemia acelerou as transformacións que se están a producir na economía e no traballo, na dirección de manter a hexemonía do capital, que na necesidade da súa continua expansión, de abrir novos mercados, vai impoñendo todo tipo de mudanzas no modelo produtivo, e valándose unha vez máis dos estados e do consumo millonario de recursos públicos”.

A CIG analiza o papel das novas tecnoloxías, asumindo a súa importancia dende unha postura critica: “Esta afirmación non significa que desde a CIG non apostemos polos avances e innovacións tecnolóxicas, senón que temos claro que non son neutrais, nin para permitir un desenvolvemento económico e social digno dos pobos, como o galego; como tampouco está a favorecer o benestar da clase traballadora, nen aumentar a repartición do traballo, nen reducir a xornada laboral, etc”. Ademais volve máis unha vez a amosar a súa oposición aos pactos sociais: “nestes anos asistimos a unha profusión de acordos asinados entre a patronal CCOO e UGT e a Xunta de Galiza no marco do chamado Diálogo Social, que máis alá das grandes declaracións non tiveron nin estar a ter utilidade ningunha para frear as graves consecuencias da crise industrial que vive o noso país”.

Non significa que desde a CIG non apostemos polos avances e innovacións tecnolóxicas, senón que temos claro que non son neutrais

A segunda parte do relatorio está referida aos obxectivos, baixo o titulo de “As nosas alternativas”, e está integrada por nove bloques. O primeiro integrado por seis apartados: 1) Propostas de carácter transversal; 2) Unha transición enerxética galega e xusta; 3) Sectores produtivos e comercio; 4) Recuperación dos dereitos laborais e sociais; 5) Conciliación con dereitos ante a necesidade de coidados xeradas pola pandemia; 6) Necesidade dun sistema publico galego de servizos de atención das persoas. Os oito bloques seguintes analizan: 2) A CIG como ferramenta útil para as traballadoras galegas. Sermos referentes do feminismo de clase; 3) Marco Galego de Relacións Laborais; 4) Negociación colectiva; 5) Os servizos públicos; 6) Na defensa do sistema público de pensións; 7) A posta da CIG pola normalización do galego; 8) A loita pola soberanía nacional, o noso compromiso co movemento nacionalista galego; 9) A CIG na loita internacionalista.

Trátase polo tanto dun texto no que se sintetizan e actualizan a este momento histórico as reivindicacións a corto e medio prazo, tanto no eido estritamente laboral como económico e social, indicando ao mesmo tempo o papel das forzas sociais políticas e económicas diante das eivas e retos do momento. Por exemplo respecto das pensións remarca: “a viabilidade do sistema publico de pensións non é un problema de gasto senón de ingresos. Ou sexa, o que é o mesmo, non é un problema económico senón de vontade política”. E respecto da lingua galega destaca “A pesar das ameazas da uniformización centralista mantemos un idioma que resistiu séculos de ocultación e humillación (...) A CIG debe ter un papel activo no proceso de normalización da lingua”. En relación coa loita a prol da soberanía nacional galega, salienta: “coa dependencia Galiza, a clase traballadora e o pobo galego retrocedemos (...) facermos da loita contra a opresión colonial da nación o eixo central da nosa acción, ampliando alianzas e o traballo permanente polo conxunto do Movemento Nacionalista Galego, do que a CIG formamos parte”.

Coido que, malia a complexidade e dificultades do momento para a clase traballadora, seus sindicatos e partidos, a CIG foi quen de realizar un inxente traballo nestes catro anos. Sei que sempre hai erros, rectificacións que facer. Mais cando se analiza globalmente e se realizan comparacións tanto cos sindicatos que actúan no noso país, como no Estado español e no mundo, o resultado é positivo, de vangarda. Méritos que se deben á dirección nacional, e das comarcas e sectores, porén tamén en gran medida aos delegados e delegadas así como aos milleiros de afiliados e afiliadas máis activos. Un sindicato sempre debe ser un proxecto colectivo. Esta é a principal razón para que este Congreso se vexa como un encontro de debate tranquilo, sen grandes disputas internas, malia a inmensa pluralidade da central. Algo importante porque todo indica que os vindeiros meses serán de moita conflitividade e mobilización por mor do desmantelamento industrial, o peche de oficinas bancarias, derrogacións pendentes (como a laboral e lei mordaza, etc), aprobación de novas leis de flexibilidade laboral e pensións (que perigo)... Tamén son problemáticas de conflitividade o reparto dos fondos de recuperación entre autonomías, clases sociais e empresas; e a cuestión non resolta da pluralidade nacional no Estado, un tema que urxe, dado o apoio social en Cataluña á independencia... a desfeita ecolóxica, a igualdade de xénero, etc.

Coa dependencia Galiza, a clase traballadora e o pobo galego retrocedemos (...) facermos da loita contra a opresión colonial da nación o eixo central da nosa acción

Por último, manifestar unha preocupación, a da loita por socializar os obxectivos e a folla de ruta, o relato. Unha preocupación que no meu caso ven desde o inicio da militancia política na Irmandade Galega de Bos Aires e Vanguardia Comunista. Unha tarefa que considero neste tempo histórico ten maior relevancia, xa que os medios sistémicos abrangueno todo. Coido esencial fortalecer os medios de comunicación propios e amigos. Destacando a loita das ideas, dándolle visibilidade e protagonismo á clase e os/as cadros e dirixentes, para gañar referencialidade e unha complicidade social consciente, e polo tanto constante e activa. Ou sexa, cómpre darlle relevancia á análise, á contextualización histórica (de onde vimos, que fixemos), á relación entre o concreto e o xeral, do local co nacional, do económico e social co histórico, cultural e lingüístico; ou sexa, do parcial co todo; superar a foto fixa e o flax. Lembremos que Bolívar hai dous séculos afirmaba, que para a independencia era máis importante o Correo del Orinoco que 200 canons. Da man da socialización do proxecto, dos antecedentes e da folla de ruta, da formación da conciencia, dáselle vida á acción política, ao estratéxico. E isto implica dar folgos a análise nos organismos intermedios e de base,  así como á necesidade de que os partidos de clase teñan poder e incidencia no movemento obreiro. Deben ser, respectando a autonomía e pluralismo da central sindical, e da relación entre iguais, a columna vertebral da liberación nacional e social do povo galego, da Galiza. Viva a CIG!!!

https://obloguedemera.wordpress.com/