Opinión

Clase, nación e imperialismo, na análise de Samir Amin

Samir Amin é un dos pensadores marxistas cuxas reflexións sen dúbida son de plena actualidade, máxime despois de acontecementos como a guerra na Ucraína entre Rusia e a OTAN, o estoupido do conflito entre Israel e Palestina, polo comportamento opresor do primeiro, que todo indica vaise estender fortemente a toda a rexión, así como polo avance dun mundo multipolar con novos protagonismos.  Daquela que máis que nunca debería ser considerado por sectores como un autor de lectura obrigada para entender a problemática dos países dependentes, nas distintas periferias, para perfilar as vías para a súa emancipación na loita contra o imperialismo en todas as súas formas.

Amin naceu no ano 1931 na cidade do Cairo, de pai exipcio e nai francesa, e morreu en París no ano 2018. Era economista e publicou unha morea de libros e artigos, e deu numerosas conferencias. Tamén estivo no noso país, participando da Semana Galega da Filosofía no ano 2011.  Entre os seus moitos méritos está o de ser un dos impulsores do Foro Social Mundial (FSM), do que se realizou o primeiro evento no ano 2001, e que tiña un carácter claramente antiglobalización. Ao que asistín, así como a varios dos posteriores, primeiro en representación da CIG e despois de FESGA.

Samin Amin tiña unha visión dende a periferia. Aplicaba o marxismo como unha ferramenta interpretativa unida a este contexto, e ligada á rica teoría da dependencia, á cuestión nacional. Comprendía e daba resposta á interdependencia entre explotación e opresión, clase e nación. A este respecto cuestionaba: “A soberanía de quen? Esa é a pregunta. Fomos afeitos a través da historia a coñecer o que se denominou como a soberanía nacional, a estabelecida pola burguesía dos países capitalistas, polas clases dominantes para lexitimar a súa explotación, en primeiro lugar sobre os seus propios traballadores, poren tamén para fortalecer a súa posición na competición cos outros nacionalismos imperialistas. É o nacionalismo burgués. Os países da triada imperialista nunca coñeceron ata o momento máis nacionalismo que ese. Por contra, nas periferias coñecemos outros nacionalismos, procedentes do desexo de afirmar unha soberanía antiimperialista, traballando contra a lóxica da globalización imperialista do momento (...) Falamos doutra soberanía. Unha soberanía popular, en oposición á soberanía nacionalista burguesa das clases dominantes. Unha soberanía concibida como un vehículo de liberación, facendo retroceder a globalización imperialista contemporánea. Un nacionalismo antiimperialista, xa que logo, que ren ten que ver co discurso demagóxico dun nacionalismo local que aceptaría estas perspectivas para o país integrándoo na globalización, xa que considera ao veciño máis débil como o seu inimigo[i]

A interpretación que fixo das potencias hexemónicas e do capitalismo é sumamente clara, sen concesións: “O carácter parasitario, cada vez máis marcado, do imperialismo colectivo da triada, sen nada que ofrecer ao mundo (representado pola maioría), e dos Estados Unidos, punta de diamante deste imperialismo, reflexa un signo de senilidade do sistema (...) a senilidade únese a un novo desenvolvemento da violencia, concibida como último recurso para perpetuar o sistema”[ii]  A definición como senil do capitalismo semella moi acertada, e deixa claro que xa non pode ofrecer un proxecto de futuro capaz de engaiolar con falsas promesas á maioría social. Daquela que teña características máis agresivas e represivas como amosa a escalada da confrontación coas potencias emerxentes ou países que afirman a súa soberanía. Sintetizaba: “a intervención sistemática dos EEUU repousaba sobre tres principios: a substitución brutal da ONU pola OTAN, como medio de xestión da orde internacional; o aliñamento de Europa cos obxectivos estratéxicos de Washington; a elección de métodos militares para reforzar o hexemonismo norteamericano (bombardeos sen risco e uso de tropas europeas ‘cipayas’ de cara unha eventual intervención sobre o terreo)”[iii] Respecto das diverxencias evidentes entre as potencias da triada (Estados Unidos, Unión Europea e Xapón) afirmaba que eran secundarias, xa que a súa unidade baseabase no interese común de oprimir e explotar aos países dependentes (a esta altura esta valoración está máis que confirmada)[iv]. Amin apostaba pola paz, pola solidariedade, por un mundo multipolar.

Son igualmente valiosas neste intre as súas reflexións encol de China, potencia relevante e daquela xa a segunda economía do mundo (En PIB por capacidade de merca, produción industrial e comercio exterior, é a primeira). Coida Samir Amin que o seu rápido crecemento non se pode considerar un mérito exclusivo do investimento exterior, xa que outros países fixeron ofertas máis atractivas ao capitalismo e non conseguiron iguais resultados. “O capital multinacional non construíu o sistema industrial chino, nen desenvolveu a urbanización e realización de infraestruturas”[v]. Esta é unha valoración a termos en conta cando caracterizamos esta potencia. Respecto do seu futuro albiscaba máis dun escenario posíbel, que dependería da repolitización da sociedade, do control polo Estado da economía, do protagonismo das clases populares, e de resolver a burocratización do Partido Comunista. Todo indica que era unha análise critica e correcta, tanto que hoxe son temas que centran o debate do PCCH.

En resumo: Samir Amin analizou a economía vencellada ás condicións sociais, ao contexto político e ao poder, a súa evolución, as forzas actuantes, o estado de animo e da conciencia da xente, e da folla de ruta máis axeitada. Son reflexións para acción, non só aplicábeis na periferia máis estrema. Amin foi o que Gramsci cualificou como un intelectual orgánico, con todo o que implica, e sobre todo que hoxe máis que nunca convén volver a ler. Moitos dos acontecementos e das tendencias desta conxuntura histórica, onde se suceden tantos e rápidos cambios, foron correctamente analizados con moita anticipación por el, así como os posíbeis escenarios futuros.


[ii]           Samir Amin: El Capitalismo Senil, Revista El Manifiesto, Roma, 2002

[iii]        Samir Amin: El hegemonismo de Estados Unidos, El Viejo Topo, España, 2001

[iv]        http://contrahegemoniaweb.com.ar/adios-a-samir-amin/

[v]         http://www.rebelion.org/noticia.php?id=168794

Comentarios