Opinión

Castelao e a proposta "frentista"

No ano 1950, o 7 de xaneiro, morría en Bos Aires, no exilio, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, sen dúbida unha das figuras sobranceiras da nación galega. Nado en Rianxo en 1886, foi emigrante de rapaz na Arxentina, na provincia de La Pampa entre os anos 1895 e 1900. Xa retornado, a partires de 1908, comezou a publicar seus debuxos na revista Vida Gallega. En 1912 adheriuse a Acción Gallega, dirixida polo polémico e destacado axitador social Basilio Álvarez, abade de Beiro. Na súa andaina de persoa que desexa colaborar no rexurdimento nacional de Galiza ingresa nas Irmandades da Fala cando estas se constitúen en 1917.

Castelao foi unha figura moi coñecida popularmente, as súas ilustracións chegaban coa mensaxe galeguista a todos os estamentos sociais, mesmo á aquelas persoas que non sabían ler, naquel intre unha grande parte da povoación. Lembremos algunhas obras súas como: Cousas en 1919, Un Ollo de Vidro e Memorias dun Esquelete, de 1922, e As Cruces de Pedra na Bretaña do ano 1930. Como non lembrar que en “Cincoenta homes por dez reás” amosa con crueza e fielmente a realidade social, mais tamén a súa gran sensibilidade. Concretamente en debuxos como “o home que en doce anos de América gañou para un enterro de primeira” denuncia a traxedia da emigración. E no do “home rico en pesetas que regala céntimos para ir ao ceo” critica o cinismo dos poderosos.

Na Segunda República foi elixido deputado por Pontevedra, como independente, aínda que axiña se integra na Minoría Gallega formada pola Federación Republicana Gallega-Organización Republicana Gallega Autónoma. Pouco despois tanto el como o deputado pola provincia de Ourense, Ramón Otero Pedrayo, deixan a Minoría Gallega para formar o Partido Galeguista (PG), en decembro de 1931, ao comprobar que FRG-ORG non respondía como debería aos intereses de Galiza, especificamente por relegar o obxectivo de conseguir un Estatuto.

Da primeira etapa do PG salientan figuras como Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo e Risco. Este último ingresará na Dereita Galeguista, formada en 1935 como unha escisión do PG cando este ratifica na súa IV Asemblea a alianza cos republicáns e socialistas. Todos eles son persoas que teñen entre 43 e 47 anos e un longo historial na actividade da concienciación galeguista. Agás Alexandre Bóveda, nomeado secretario de organización do PG, nado en Ourense e con só 28 anos nas súas costas, e que xa daquela era un mozo moi cualificado e activo. Uns valores e unha xuventude que sen dúbida axudáronlle a Bóveda para ter unha relación estreita coa Federación de Mocidades Galeguistas.

Castelao tamén manterá durante a Guerra Civil e no exilio a súa faceta como escritor, analista e creando ilustracións que caracterizan cunha gran forza a realidade. Por exemplo, en Galiza Mártir, Milicianos e Atila en Galiza, reflectirá as barbaries do levantamento militar, da guerra e da ditadura franquista. Porén, sería especialmente no seu libro Sempre en Galiza onde reuniu todo o seu pensamento social e político (1944), trátase dunha reflexión clarificadora encol do evoluir histórico da nación galega, das virtudes e atrancos, e do camiño que se tiña que percorrer no futuro para a liberación.

A finais da década dos sesenta falando con dirixentes da Irmandade Galega de Bos Aires, compañeiros de militancia, chamoume a atención o respecto que todos tiñan por Castelao, tanto pola súa actitude persoal como pola súa postura política. E esta valoración positiva faciana malia que alí había comunistas, anarquistas, socialistas, social católicos... e que uns eran arredistas e outros só federalistas ou autonomistas. Resulta evidente que Castelao valoraba a importancia do “frentismo”, de reunir todas as forzas posíbeis contra a ditadura e a prol da soberanía e xustiza social na Galiza, que non se trataba só dunha actitude senón dunha postura política.

Daquela que nos seis anos que militei na Irmandade, antes de retornar a Galiza, nunca escoitei criticas respecto de Castelao por parte de Moises Da Presa (Lourenzo Fragoso), Bieito Cupeiro, Ricardo Flores, Daniel Nogueira, Lois Guede, Ricardo Montero, Manuel Pedreira, Alonso Ríos e moitos outros, que integraban esta organización política. Algúns deles apuntaban que poucas eivas que se lle podían criticar máis que propias eran consecuencia dos malos consellos ou presións de persoas ligadas ao que fóra o Grupo (Partido) Galeguista na Arxentina, aos que consideraban moi moderados nas reivindicacións. Castelao tivo a virtude de unir a todas as tendencias do galeguismo na Irmandade no Consello de Galiza, xa é todo un mérito. Ademais deu pulo a un modo de facer as cousas, un xeito analizar a realidade e de ollar a nosa historia, que foron unha contribución importante naquela conxuntura, daquela que mantivesen a dinámica posteriormente tanto a Irmandade Galega como o Consello de Galiza. Castelao deixou unha contribución, no histórico, na análise da realidade e na folla de ruta, na práctica política...

Comentarios