Opinión

Caracterizando a conxuntura

Estamos nunha conxuntura. Ou sexa, nun intre incerto entre dúas etapas, no que non se pode dar por decidida a correlación de forzas no futuro, e polo tanto o carácter da próxima etapa. Aínda así, sabemos que o imperialismo está representado hoxe polos Estados Unidos e aliados, que son hexemónicos. Mais a tendencia actual favorece, de se manter, as potencias emerxentes no ámbito económico e no militar (aínda non no eido financeiro e da información). Sabemos que este bloque emerxente non ofrece un sistema alternativo, senón que procura un novo reparto do poder e da riqueza no plano territorial, tamén no papel das culturas, das linguas, da información. Sabemos que o mundo afronta graves problemas ambientais, de esgotamento de recursos, demográficos, e migracións masivas forzadas polas características do capitalismo. Sabemos que a especulación, a economía delituosa, a guerra, a precariedade e a desigualdade, non son unha anomalía senón parte substancial do sistema. Sabemos que o capitalismo, for na versión máis expeditiva ou na keynesiana, non é quen de frear nin resolver estas eivas, atrancos e miserias, porque está na súa etapa senil. Tal como se reflicte na queda da taxa de máis-valía, o que provoca que os beneficios empresariais só se podan consolidar mediante unha maior explotación da forza de traballo e opresión dos povos. 

Tanto na periferia como nos países centrais, o descontente social vai en aumento

Sabemos que, tanto na periferia como nos países centrais, o descontente social vai en aumento, e que este é apañado cada vez máis por forzas “populistas”, tanto de esquerdas como de extrema dereita, xa que unha gran parte da esquerda (antes marxista) relegou a un papel secundario ás reivindicacións da clase traballadora. Sabemos que estes novos suxeitos políticos son proxectos que non organizan e forman, e nos que o protagonismo dos afiliados/as redúcese a un correo en internet, e aos debates en Facebook e Twitter. Sabemos que a globalización neoliberal acadou conquistas no ámbito das ideas: fracturando a loita reivindicativa, debilitando os sindicatos, invisibilizando a clase traballadora e o mundo rural. Ou sexa, sabemos moito! E ao mesmo tempo, moi pouco, porque a ruptura do populismo de esquerda co pasado impide valorar o que se fixo ben e o que non, e polo tanto socializar e rectificar sobre a praxe. E deste xeito definir correctamente os obxectivos a medio e longo prazo, como ligalos entre si, a folla de ruta (o punto máis débil), os métodos de traballo, o debate no eido das ideas, as prioridades, a política de alianzas. 

Na Galiza mesmo hai quen afirma que as loitas populares encetaron co 15-M, e algún recúa como máximo até o Nunca Máis... Esquecen as mobilizacións contra a cota da seguridade social agraria e a central nuclear de Xove, na defensa da lingua galega, contra o Pacto da Moncloa, a Constitución de 1978, a reestruturación industrial, a autonomía lastrada, a entrada na OTAN e no Mercado Común, o Nunca Máis, o Non á Guerra. Esquecen as 14 folgas xerais contra o desmantelamento industrial e as reformas laborais e das pensións. Esquecen os/as centos, miles, de detidos, despedidos, sancionados. Para eles/as, todos os partidos e sindicatos foron parte ou cómplices do réxime de 1978, porque así o analizan en perspectiva españolista desde Madrid. Canta ignorancia e soberbia! Canto afastamento das clases populares! Canto descoñecemento da realidade de nacións como Galiza! Canta teoría e falta de práctica! Preocupante. 

Para a construción dun proxecto alternativo, liberador, as conxunturas son períodos de moita transcendencia

O certo é, que para a construción dun proxecto alternativo, liberador, as conxunturas son períodos de moita transcendencia, mesmo partindo dunha correlación de forzas negativa. Porque hai unha parte moi importante da povoación que cuestiona a situación económica, social e política. Polo tanto, existe un contexto máis propicio para o debate sobre un novo modelo de relacións sociais e entre povos. Daquela, que a prioridade estea nas propostas, en que estas recollan as inquedanzas das clases populares e se liguen cun proxecto estratéxico de liberación nacional e social. En que exista un plano de mobilizacións e iniciativas institucionais (nesta orde), que deixen en evidencia con toda claridade que hai proxecto, folla de ruta, e unha organización coa forza necesaria para convertelo en realidade. Estes non son tempos para se recoller no interno, senón para dar solucións aos problemas da xente. Só deste xeito se construirá unha forza política unida, de masas, e ligada ás clases populares. 

http://manuelmera.blogaliza.org/