Opinión

Cando Portugal proclamou a República

A proclamación da República en Portugal, o 5 de outubro de 1910, tivo unha grande repercusión na Galiza. A revista "Vida Gallega" de Vigo dedicáballe tres páxinas ao tema con numerosas fotos, informando que o triunfo chegou: "despois dunha breve loita entre as tropas e o pobo sublevado e as escasas forzas leais á causa monárquica (...) Este movemento revolucionario foi provocado polos desacertos dos últimos gobernos da monarquía, que non souberon dar resposta ás xustas reivindicacións liberais do pobo (...) a República ficou instaurada baixo un goberno provisional que preside o ilustre catedrático Teófilo Braga". Nas fotos aparece unha única muller, Amelia Santos, sostendo un revolver nas barricadas, que seica era galega. Daquela había unha numerosa colonia de emigrantes galegos e galegas en Lisboa.

Os antecedentes da Revolución hai que buscalos tanto no nacemento do Partido Republicano (PRP) en 1876, e as intensas campañas de axitación, así como en varios feitos que reflectiron a insensibilidade e incapacidade da monarquía. Entre estes feitos están os desacertos na conmemoración en 1880 do terceiro centenario da morte de Camoés, e o ultimato inglés en 1890 que esixía a Portugal que se retirase do territorio comprendido entres as colonias de Angola e Mozambique, algo que feriu os sentimentos do pobo portugués. Tamén foi un revulsivo o levantamento en Porto dos sarxentos e soldados en xaneiro de 1891. Os rebeldes proclamaron a República, porén serían esmagados en poucos días, cun resultado 12 mortos e 40 feridos. Un total de 250 rebeledes foron xulgados e condenados a penas de entre 18 meses e 15 anos de expatriación en África.

Co nomeamento de Joao Franco como Xefe de Goberno polo Rei Carlos a situación deteriorouse aínda máis, xa que suprimiu o Parlamento instituíndo na práctica unha ditadura. A situación radicalizouse, e ao día seguinte, o 1 de febreiro de 1908, o rei sería asasinado no Pazo do Terreiro no centro de Lisboa. En abril de 1909 o PRP decide no seu Congreso de Setúbal utilizar a vía armada para tomar o poder. Hai que destacar tamén neste proceso o papel da Carbonaria, unha organización secreta, aínda que o comité loxístico para preparar a revolución tamén desenvolvería unha actividade moi intensa entre os oficiais das forzas armadas. A Carbonaria estaba integrada en outono de 1909 por 34.000 persoas espalladas por todo o país, era un exército invisíbel. A monarquía comezouse a preocupar da oposición popular cando 50.000 persoas se manifestaron en Lisboa convocados polos republicanos.

A insurrección republicana encetou o 4 de outubro de 1910 en Lisboa co levantamento dalgunhas guarnicións, en total uns 400 homes

A insurrección republicana encetou o 4 de outubro de 1910 en Lisboa co levantamento dalgunhas guarnicións, en total uns 400 homes reunidos na Rotonda (Marques de Pombal) e máis de mil en Alcantara. Pola mañá parecía todo perdido, e encetou a desbandada. Só Machado Santos e uns centos de soldados e civís continuaron en armas. Perante o resto da maña fóronse xuntando rebeldes carbonarios que chegaban deste distintos lugares da cidade e que xa controlaban os barrios de Lisboa, mesmo aqueles con tropas fieis á monarquía. Era a resistencia da Carbonaria despois do fracaso militar. Ao final da tarde xa había na Rotonda máis de 1.500 persoas, que se consideraban vitoriosas. Polo serán dous navíos de guerra bombardean o Pazo Real. O Rei Manuel II sae para Mafra, e dende alí a Ericeira onde embarca no seu iate rumbo ao exilio en Inglaterra. O armisticio proposto por Alemaña xa non tiña senso, e o día cinco de outubro pola mañá proclámase a República. A revolución custou 51 mortos e 64 feridos.

A facilidade coa que se implantou a República agochaba as diferencias internas existentes, xa que o movemento carbonario era a expresión de soldados e traballadores das profesións máis modestas, mentres que os dirixentes do PRP representaban estratos sociais acomodados. Coa Revolución agromaban e colocábanse nun primeiro plano as contradicións de clase en Portugal.
Por último quero destacar que o primeiro presidente do Goberno provisional da República, Teófilo Braga, foi fundador e correspondente da Real Academia Galega. Isto ten un enorme valor, e chama a atención que non se saliente máis por parte da RAG. Ademais, amosa até que punto daquela eran estreitas as relacións entre as dúas beiras do Miño. Podería parecer unha anécdota se esquecemos que, poucos anos antes, fixéranse os tres Congresos Obreiros Galaico-portugueses (de 1901 a 1903), en Tui, Viana e Braga, coa asistencia de numerosos delegados/as de sindicatos de Galiza e do norte de Portugal, para manter unha estratexia común. Teófilo Braga, naceu nas Azores, escribiu unha morea de libros, sobre 360 títulos, especialmente sobre historia literaria e etnografía.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios