Opinión

Baldaio: loita labrega, solidariedade e represión

O 8 de maio de 1977 os veciños e veciñas de Baldaio convocaron unha mobilización co obxectivo  de recuperar tanto a praia como a lagoa do povo. Un terreo comunal do que se apropiaran no ano 1948 un grupo de persoas coa finalidade de se adicar a extracción de area. Mais a xente do lugar nunca desistiu de que se fixese xustiza, malia o atranco que supuña o réxime ditatorial de Franco.

A primeira etapa das extraccións de area rematou no ano 1967 por orde da Comandancia, e xa formaba parte da sociedade Adolfo Ferreiro García, que seria o principal protagonista da parte empresarial no conflito de 1977. A segunda etapa de extraccións enceta no ano 1971 dun xeito máis industrial. Hai gardas privados vixiando as instalacións, prohíbese aos veciños/as o paso e marisqueo na zona. Houbo protestas dos afectados, fanse promesas de compensacións pola banda do alcalde de Carballo, que os veciños/as non aceptan xa que queren recuperar a lagoa e o areal, motivo polo que a Garda Civil adicarase a dar unha protección especial á empresa.

A manifestación do 8 de maio foi apoiada fundamentalmente por todo o movemento nacional popular galego (o mnpg); ou sexa: a ANPG, ING, CC.LL, ERGA, etc. Sumouse ademais o MCG, que ao pouco de comezar a marcha abandonouna “porque tiña un carácter partidista”. A mobilización remataría con carga da Garda Civil na vila de Carballo, e unha nova carga e enfrontamentos corpo a corpo polo serán cos manifestantes nas gándaras e veigas que arrodean a lagoa. Houbo ao remate desta mobilización, que pretendía ser tranquila, unha morea de feridos e varios detidos, entre eles o crego de Sésamo, Moncho Valcárcel.

Os/as participantes achegáronse de toda a nación galega para amosar a solidariedade con esta loita labrega, moitos/as deles en autobuses contratados, sendo a maioría persoas afiliadas e simpatizantes do movemento nacional popular galego; persoas mozas, como ben destacan os xornais, máis en plan descualificador que recoñecendo o mérito. Unha mocidade arriscada e teimosa que se converteu na punta de lanza da loita pola democratización de Galiza e a defensa dos intereses populares.

Participaron na manifestación na vila cinco mil persoas que percorreron en orde as rúas da capital de Bergantiños. Durante a marcha e as intervencións soan berros de “Galiza ceibe, poder popular”, “non ao roubo do areal”, “Non, non, á colonización”, “A praia é de Baldaio, caciques ao carallo”, “ANPG, o povo galego vencerá”, etc. Hai numerosas bandeiras da patria galega, que son abaneadas por brazos fortes e inquedos, así como algunhas da UPG e ING, e mesmo unha anarquista e outra da CNT. Houbo algún pequeno incidente ao inicio da marcha con militantes do MCG que quixeron cortar ao medio a manifestación, o que lles foi impedido polo servizo de orde, aumentando as diverxencias con esta organización, que xa foran importantes na marcha anti-nuclear de Xove unhas semans antes. O que deixaba en evidencia a disputa por quen tomaba a iniciativa e ocupaba a primeira liña, e polo tanto era a referencia na loita social (e a interdependencia entre a cuestión nacional e as clases populares, cuxo núcleo era a clase obreira).

No acto final da manifestación houbo varias intervencións. A primeira foi dun veciño de Lema, pertencente ás Comisións Labregas. Despois falou o crego de Sésamo, Moncho Valcárcel, destacando que “a manifestación era contra o caciquismo e en defensa dos intereses do povo. Engadindo. Os galegos, labregos e mariñeiros, faremos unha Galiza ceibe e popular.  Concluíndo que o Bloque Nacional Popular Galego está levando a cabo unha loita para conquistar outra vez Galiza, contra  a colonización”. Ao final da manifestación, cando se está cantando o himno galego, a Garda Civil cargou contra os concentrados. Carreiras, golpes con mosquetóns, saltos nalgunhas rúas, e feridos a esgalla.

Pola tarde máis dun milleiro de persoas axúntanse diante da igrexa de Lema. Faise un acto de homenaxe na tumba dun mozo morto en 1976, Marcelo Rodríguez Verdes, “que o pillaran collendo berberecho (a Garda Civil), lavárono andando a Caión, cargando cun saco, estaba como quen di sen un pulmón, alí déronlle unha pasada, durmiu mollado, e aos poucos días de volver para aldea morreu”. Despois os concentrados baixaron deica a praia, para facer unha toma simbólica do areal. Alí xa estaba un importante número de gardas civís, que se albiscan desde o alto, sobresaíndo das figuras os mosquetóns.

Ao chegar á beira da praia comeza a carga. A Garda Civil bota contra os manifestantes botes de fume e balas de goma. Caen os primeiros feridos. Desde a banda dos que protestan guindan pedras, a hai enfrontamentos corpo a corpo; na primeira liña os veciños/as. Ao final fican máis de 30 persoas feridas (outros din que medio cento): catro pola mañá e o resto pola tarde. O parte oficial fala de 9 manifestantes atendidos no Hospital Juan Canalejo de A Coruña, así como 4 garda civís, ademais doutros dez gardas que seica sufriron diversas feridas (unha versión esaxerada para xustificar a represión).

O domingo pola noite serían detidos no hospital de A Coruña dous veciños, Francisco Felipez e José Esmoriz Fuentes, que se achegaron para se interesar polo estado de Moncho Valcárcel. Foron conducidos ao cuartel da Garda Civil e postos a disposición militar acusados de manifestación ilegal con agresión a forza armada. O crego de Sésamo xa fora detido con antelación e tamén pasou á xurisdición militar. (téñase en consideración que o presidente xa era daquela Adolfo Suárez)

As protestas dos veciños non remataron, contando sempre co apoio do mnpg, tal como xa manifestaban a ANPG e as CC.LL nun comunicado publicado nos xornais o 11 de maio, condenando a represión. Ese mesmo día tamén facían mención os medios a un acto de protesta que se realizou en Compostela pola carga en Baldaio. As protestas continuaron con peches en setembro e en decembro dese mesmo ano, e en xaneiro de 1978. Esta foi unha das loitas labregas que marcou aqueles anos da chamada “transición democrática”. Os veciños e veciñas terminarían recuperando praia e lagoa para o “común” por sentenza xudicial no ano 1991.

https://obloguedemera.wordpress.com/