Opinión

AP-9 un paso adiante, nen máis nen menos

Aínda que custou que o PSOE cumprise o seu acordo co BNG, respecto da rebaixa da autoestrada AP-9, como unha das condicións para que a fronte nacionalista lle dese seu apoio á investidura de Pedro Sánchez, por fin concretouse a pasada semana. Mesmo os nacionalistas tiveron que facer neste período manifestacións para lembrar a Sánchez o compromiso. Por suposto tanto o PP como o PSOE atribuíronse todos os méritos, aproveitando a complicidade ou control que teñen nos grandes medios de comunicación. Aínda con estas escenificacións de última hora, no sector máis informado ou que ten dependencia desta autoestrada o rol de cada partido está claro. Sen dúbida o BNG sae fortalecido como unha forza que ademais de proxecto estratéxico ten propostas para a conxuntura.

Agora ben, sendo esta rebaixa un paso adiante, resulta evidente que non é a solución óptima, necesaria, porque a privatización dunha vía de comunicación, máxime cando é esencial, implica un custe extra, que incide tanto na actividade económica como no gasto das familias. Por esta razón é lóxico que moitas das persoas entrevistadas polos medios, ademais de valorar a medida como positiva salientasen as eivas: que o transporte comercial ten un trato discriminatorio, que o tramo Vigo-Redondela debe estar exento da utilización da telepeaxe... Porén sobre todo a xente pedía que fose unha autoestrada pública, sen custe para os/as usuarios, porque: xa se pagan os impostos.

A este respecto Nestor Rego, deputado no Congreso pola fronte, afirmaba: "o BNG seguirá traballando por máis e mellores descontos e mesmo para conseguir, máis cedo que tarde, que a AP-9 sexa galega e sen peaxes”. E lembraba que a Lei de transferencia da AP-9 está en plena tramitación no Congreso e espera que antes de rematar o ano poida estar transferida. E teimaba: "O que é realmente xusto é ter unha autoestrada galega e libre de peaxes porque entendemos que ese é o obxectivo final. A AP-9 é unha autoestrada que xa está suficientemente pagada e amortizada cos cartos do conxunto dos galegos e galegas".

A AP-9 é unha autoestrada que xa está suficientemente pagada e amortizada cos cartos do conxunto dos galegos e galegas"

Ten razón Nestor Rego na súa argumentación, xa que ademais non se pode obviar que se dá o paradoxo de que, mentres que as autovías que conectan as principais cidades galegas coa meseta (Madrid) son gratis, a autoestrada vertebra a costa atlántica galega é unha das máis caras do Estado español, co que iso implica de sobre custe, poñendo así atrancos na integración nacional galega e favorecendo as relacións de dependencia coa rexión central do Estado español. Uns atrancos que casualmente, tamén se dan respecto das conexións con Portugal (casualidade?). Por se non abondase, a maior parte das autoestradas de certa importancia no resto da península son gratis, agás algúns traxectos moi limitados, en contraste coa AP9 na Galiza e a de Irun-Bilbao en Euskadi.

Sen dúbida a necesidade obxectiva de recompoñer a relación do ser humano coa natureza vai a relativizar e reconfigurar no futuro a economía de escala, a mobilidade, o ámbito da produción, o amoreamento urbano, a reordenación do territorio e as vías de comunicación. Con isto algo terán que ver os fondos Next Generation, aínda que neste debate se marxine á clase traballadora e as nacións subalternas, como Galiza. Neste aspecto chama a atención o protagonismo que se lles dá ás grandes corporacións, malia que a pandemia amosou que axen como unha aspiradora da riqueza producida, sendo o sector público o que ten un papel central na preservación da vida e como garante da actividade económica e social.  

 https://obloguedemera.wordpress.com/