Opinión

Ao fío de dous comentarios: Portugal e portavocía

Primeiro comentario. O subdirector xeral do banco Sabadell e director do Sabadell-Gallego di nunha entrevista do Faro de Vigo, do 28 de outubro, que “Galiza é o tractor do eixo noroeste; se se unise ao norte de Portugal sería invencíbel”. En poucas palabras, alguén que viu de fóra e olla a situación da nosa economía dende parámetros capitalistas, e que non pretende mudar as regras de xogo, albisca algo tan evidente como a importancia da confluencia entre Galiza e o norte de Portugal para dar pulo ao crecemento. Algo que, aínda que pareza mentira, raras veces acontece cos empresarios do País, e coa maioría dos partidos políticos e os poderes fácticos.

Caracterizou correctamente Galiza como un tractor, é dicir, aquel suxeito que realiza un esforzo nas condicións máis primarias e adversas. Esqueceuse de engadir que para transformar a produción e vendela ao consumidor cómpre ter soberanía. Só así se converte todo o esforzo realizado en desenvolvemento, evitando deste xeito que unha parte significativa da produtividade sexa expropiada polos grandes centros de poder exteriores. A exportación de capital multiplica varias veces a entrada de investimento, do que resulta unha emigración endémica, así como a caída dos salarios, o medre da desigualdade e o retroceso da povoación.

A exportación de capital multiplica varias veces a entrada de investimento, do que resulta unha emigración endémica

 

Segundo comentario. No marco do conflito interno nas Mareas, que se agudizou na súa ultima asemblea, Martiño Noriega, o alcalde de Compostela, fixo unha dura critica á valoración de Luís Villares do acontecido. Segundo os medios, coidaba que no seu día xa se “vencellou erroneamente a responsabilidade na institución e no cargo político”. En poucas palabras, que a postura dalgúns sectores críticos da Marea pasaría por substituír Villares nunha das súas dúas responsabilidades: portavoz no Parlamento Galego ou das Mareas como forza política. En todo caso, non está claro que esta sexa a postura de todas as forzas críticas coa actual dirección (Podemos, EU e Anova), e tampouco cal destas portavocías se lle permitiría manter, e se esta fose a do Parlamento, se sería a cabeza de lista nas vindeiras eleccións. 

Para alén destes debates no que se miden diferenzas políticas e, como en todo partido, cuestións de poder e de persoas, o certo é que a separación das responsabilidades partidarias e institucionais é totalmente acertada. Aínda que neste caso, sen clarificar a folla de ruta e principios como o de autorganización, este criterio pode fortalecer a dependencia dos partidos estatais. Un aspecto que non é secundario para aquelas forzas que se reivindican nacionalistas e teñen alianzas con Podemos, que algúns as definen como “estratéxicas”. De por vida?... se fose así: Ulo a soberanía? 

Povo organizado e institucionalismo. Dicía que coincido con Martiño Noriega en que é necesario  separar as responsabilidades do suxeito político respecto da acción institucional. A práctica dinos que a dinámica desta última termina por condicionar a acción política, relegando a mobilización social e a vida interna dos partidos-frontes a un papel subalterno. Esa é a realidade que se impuxo na inmensa maioría do nacionalismo galego (para alén das siglas), en prexuízo da iniciativa de masas, creando unha contradición entre os obxectivos estratéxicos e a práctica cotiá, que vai a máis. Isto resulta evidente no feito de que a discusión política é mínima, tanto internamente como nos medios de comunicación (nas redes predomina o insulto e a auto-afirmación). Sen dúbida hai excepcións, o que confirma que a caracterización xeral é axeitada, que se manifesta tanto mediante a paz dos cemiterios, como pola conflitividade interna á marxe do debate da caracterización do momento, obxectivos, folla de ruta e iniciativa social. 

Fagámonos algunhas preguntas. En cantas reunións se analiza, se discute, e se realizan propostas para caracterizar a conxuntura, e se marcan obxectivos a medio prazo que impliquen a participación e protagonismo popular? Propostas e mensaxes que contextualicen sempre a situación, a conflitividade, tendo como referencia esencial cales son as prioridades das clases populares, para deste xeito fortalecer a mobilización e combater a tendencia á fragmentación (alentada polo sistema). Onde o aspecto institucional debe ser un apoio, un complemento, nunca unha substitución (máxime tendo en conta a correlación de forzas, e o carácter determinante dos poderes fácticos). 

É necesario separar as responsabilidades do suxeito político respecto da acción institucional

 

En concreto. Existe en todas as xuntanzas algún punto no que se debatan temas políticos, que contribúan á formación, para alén das cuestións propias dunha asociación de veciños, de aspectos  relacionados coa identidade das persoas, e no relativo ás condicións laborais? Cantas veces  se vai máis alá das respostas defensivas e das reflexións superficiais? Ulo o marxismo que se reivindica como método de análise, e de acumulación de experiencia revolucionaria? Cantas reunións se realizan no ano para analizar o contexto, poñer en común a folla de ruta e os métodos de traballo, así como para alentar e facer seguimento de campañas de mobilización e comunicación? Campañas que unan loitas e confronten no sistémico. Dando así pulo ás contradicións fundamentais, para ampliar a complicidade social, aumentar a conciencia política e gañar militancia activa. Se isto falla, total ou parcialmente, é imposíbel formar cadros, dar protagonismo á militancia, e conquistar a liberación nacional e social.

Na etapa senil do capitalismo, o imperialismo oponse radicalmente a facer concesións que permitan un reparto máis xusto da riqueza producida e do traballo, ou que reduzan o papel subordinado dos países dependentes (máxime cando ambos aspectos están ligados). Abonda con ver o reaxer violento diante do aumento do salario mínimo, e con relación ao referendo en Cataluña. Polo tanto, non serán determinantes, respecto da incidencia nas clases dominantes, a contundencia da argumentación e as decisións no Parlamento, senón a resposta social organizada e combativa. 

Ulo o marxismo que se reivindica como método de análise, e de acumulación de experiencia revolucionaria?

 

Resumindo. O tema da portavocía, como outras cuestións aparentemente organizativas, ten máis miga da que parece, porque no criterio que se adopte subxace que tipo de forza se quere construír. Outra cousa moi distinta é que este argumento se queira utilizar como un subterfuxio circunstancial para substituír un/unha portavoz molesto. 

https://obloguedemera.wordpress.com/