Opinión

A análise estrutural-funcionalista furta a perspectiva de cambio

Unha grande parte das análises que se fan, especialmente nos medios, mais tamén dende os partidos e organizacións sociais, reproducen os métodos e obxectivos das clases hexemónicas. Reducen o enfoque ás contradicións concretas, e en moi raras oportunidades contextualizan o problema. Esta visión reducionista e deformada das contradicións é un atranco para a comprensión da cuestión nacional, como un problema que atinxe todos os aspectos da vida. Non se relacionan as mudanzas na economía ou o retroceso dos sectores produtivos (por exemplo na Galiza o agro-gandeiro, pesca, naval, etc.), co cultural e o lingüístico, nen co contexto exterior, nen co papel que se lle impón a cada país na cadea de valor. E que este papel está en función do grao de soberanía nacional e do conflito de intereses coas corporacións das potencias hexemónicas ou/e intermedias.

A maior parte da información non asocia a opresión co grao de explotación, nen a caracteriza como algo consubstancial co capitalismo dende o seu nacemento, e vital para a súa expansión. Nen se lle relaciona co desprezo e destrución de identidades e culturas subalternas, máxime cando estas son patrimonio case exclusivo das clases populares (como na Galiza). Sobre todo, porque nesta etapa da globalización neoliberal, ou sexa, de optimización da concentración e centralización do poder e da riqueza a nivel mundial, mediante un aumento da estratificación entre territorios e clases sociais, as clases dominantes contan con avances tecnolóxicos (na información, militares na produción) controlados por moi poucas empresas.

Esta visión reducionista e deformada das contradicións é un atranco para a comprensión da cuestión nacional

 

Este tipo de análises alárganse especialmente a un aspecto tan importante como é o traballo. Neste eido valoran por separado o desemprego, as condicións laborais e os salarios, as prestacións por paro, a presión fiscal regresiva, e mesmo as pensións dos asalariados/as. Fano como se non tivesen ningunha ligazón entre si, e todas elas non tivesen nada que ver cos beneficios empresariais. Obvian as contradicións de clase. No mellor dos casos, asocian estas lacras da explotación coas políticas do partido no poder. E como máximo, propoñen unha redución da explotación laboral e da depredación do medio ambiente, etc... Nunca medidas que supoñan a súa eliminación.

Na concepción capitalista da realidade, a pobreza, a temporalidade, o traballo en negro, o paro, os baixos salarios, son conxunturais, son números, nunca dramas sociais provocados. Só cifras! Por iso ignórase que a desigualdade baixa ou medra en relación directa e inversa cos beneficios obtidos polas clases dominantes. Dependen dun sistema económico e social favorábel á burguesía, como é o capitalismo, o imperialismo. As persoas que dormen na rúa ou nun albergue, as desafiuzadas da súa casa, as que se ven obrigadas a recorrer aos bancos de alimentos, as que morren ou quedan eivadas nos sinistros laborais, as que perden anos de vida nos traballos penosos e insalubres (por unha paga algo maior), os suicidios por cuestións laborais, as que por mor da explotación e a marxinación vense afectadas na convivencia familiar e no traballo, as que se ven forzadas á emigración, etc, son realidades cotiás que se consideran circunstanciais, pequenos desaxustes no sistema. Nunca parte consubstancial do capitalismo. A punta do iceberg! Daquela que se analicen illadamente estas situacións dramáticas, que non se liguen á explotación, a un sistema que aumenta artificialmente a man de obra de reserva. Por exemplo: forzando os procesos migratorios, deslocalizando as empresas, aumentando a xornada e os ritmos de traballo, adiando a idade de xubilación. Facendo do traballo asalariado (da explotación) unha necesidade traumatizante e unha competencia destrutiva, e nalgúns casos, por idade ou outros motivos, unha meta practicamente imposíbel de acadar.

Na concepción capitalista da realidade, a pobreza, a temporalidade, o traballo en negro, o paro, os baixos salarios, son conxunturais

 

No contexto actual a meritocracia, o individualismo e o universalismo sen compromisos e responsabilidades colectivas, nacionais ou de clase, ábrense paso como sinónimos de progreso e democracia, malia ser a sacralización do individualismo. Está maneira de entender a vida está alentada polos grandes medios de comunicación e a cultura de masas, en beneficio dos/as máis ricos e poderosos. Dise que estes o son, fundamentalmente, pola súa creatividade, esforzo e iniciativa. Ignórase intencionadamente a esa franxa inmensa da sociedade que colabora acotío axudando a familiares e persoas descoñecidas, que desenvolve actividades culturais, deportivas e de todo tipo, sen recibir a cambio ningún ingreso económico. Seica estes e estas “emprendedores” carecen de valor no mercado capitalista, serían redutos do pasado.

Nesta conxuntura histórica, cun reforzamento da ideoloxía dos/as poderosos, malia o medre das contradicións en todos os ámbitos, paga a pena lembrar os razoamentos que sobre o método dialéctico de Marx fíxo Georg Lukács no seu libro “Historia y Conciencia de Clase” (La Habana, Editorial Ciencias Sociales, 1970). Dinos Lukács, tanto en relación á análise da realidade como sobre as tarefas practicas que implica: “Non é a preponderancia dos motivos económicos na explicación da historia o que distingue de xeito decisivo ao marxismo da ciencia burguesa; é o punto de vista da totalidade (...) O que hai de fundamentalmente revolucionario na ciencia proletaria, non é só que opoña á sociedade burguesa contidos revolucionarios, senón que coloca, en primeirisimo lugar, a esencia revolucionaria do método en si. O reinado da categoría de totalidade é a portadora do principio revolucionario na ciencia. (...) Para o marxismo, en última análise, non existen unha ciencia xurídica, da economía política, da historia, etc., autónomas; soamente hai unha ciencia, histórica e dialéctica, única e unitaria, do desenvolvemento da sociedade como totalidade”.

A práctica amosa que a análise parcial ou acrítica da historia, da realidade do momento en calquera aspecto, ten efectos negativos sobre a formación da conciencia das clases populares

 

A práctica amosa que a análise parcial ou acrítica da historia, da realidade do momento en calquera aspecto, ten efectos negativos sobre a formación da conciencia das clases populares; tanto sexa que se realice por seguidismo, practicismo ou por preguiza. Especialmente cando tamén se utilizan estes métodos nas mensaxes e na práctica polas forzas que se consideran antisistémicas, dándolle un aval de lexitimidade diante das clases oprimidas e explotadas. Desaproveitan así o esforzo que realizan na acción cotiá para loitar contra a desigualdade e a inxustiza, ao desligar o concreto do xeral, o táctico do estratéxico, ou ao envés. Daquela que atopen todo tipo de atrancos para socializar o retrato das relacións de poder, de como este se exerce e como se pode cambiar. E, resulta evidente que, sen este pulo cualitativo e cuantitativo, é imposíbel socializar no imaxinario colectivo un programa, unha folla de ruta, unha política de alianzas e uns métodos de traballo, que permitan mudar a correlación de forzas para conquistar unha nación soberana, xusta e democrática. A cuestión é, que na praxe (entendida como a relación dialéctica entre teoría e practica), o estrutural-funcionalismo non dá os mesmos resultados, nen serve os mesmos obxectivos, que o materialismo dialéctico do marxismo.

tttp://manuelmera.blogaliza.org/