Opinión

Agora seica todos e todas gañaron... e despois?

Logo de varios días de reunións e debates intensos, a cara de can, entre os/as máximos dirixentes dos países que integran a UE, como consecuencia das fondas diverxencias de intereses, chegouse a un acordo que, aínda que pareza mentira, seica resulta un éxito para todas as partes. Así o valorou o presidente do Governo español, Pedro Sánchez, e mesmo o PP e Ciudadanos, e tamén UP. Fixérono especialmente ao analizar a contía, que permitirá achegar medios ás empresas nos vindeiros anos, aínda que en boa medida os recursos sexan prestamos ao diminuír o importe das transferencias. Estes fondos de reconstrución executaríanse entre 2021 e 2023. As diferencias xorden, con esta actitude tan optimista, ao valorar as condicións e polo tanto en quen vai pagar os custes da crise.

A cuestión está nos criterios que marcará Bruxelas para axustar as contas públicas e devolver os prestamos

Todo indica que para alén dos obxectivos xerais marcados pola UE, en materia de defensa do ecosistema e o pulo dixital, no que existe un consenso absoluto, a cuestión está nos criterios que marcará Bruxelas para axustar as contas públicas e devolver os prestamos. Lembremos que os orzamentos deberan ser aprobados pola Comisión. Polo tanto, vaise acentuar a presión sobre  estados como Italia e o Estado español coa escusa de facer máis competitiva a economía e reducir o déficit público. Daquela que xa se diga por parte dalgúns analistas, e se pide dende a patronal e a dereita, que non se debe derrogar a reforma laboral, que haberá que reformar as pensións e rebaixar a carga salarial na función pública. Ou sexa, repetiríase o guión da crise do ano 2008 que terminou cunha caída dos salarios, aumento da xornada laboral real e crecemento da precariedade laboral. Unha maior concentración empresarial e centralización territorial do traballo e da riqueza. 

O argumento é, mais unha vez, que aumentando o imposto de sociedades e o IVE non chegaría para equilibrar as contas públicas, e que polo tanto son necesarios sacrificios sociais. Esquecese que o déficit público é consecuencia en gran medida de socializar as perdas empresariais. Ademais, como unha parte dos impostos especiais que o Governo ía impoñer (sobre os plásticos e as empresas dixitais) seica serán asumidos pola UE para costear os pagos dos créditos bancarios do fundo de reconstrución, e como o Estado español renunciou a unha moeda propia e ao control dos aranceis do comercio externo, son mínimos os mecanismos para enfrontar situacións de crise como esta. Aínda así quedaría o recurso dunha maior presión fiscal sobre as grandes fortunas e os maiores ingresos e sobre o investimento financeiro especulativo, xa que o aumento do IVE é tremendamente inxusto porque afecta máis ás clases populares (o consumo representa a maior porcentaxe dos ingresos).

Forzar o Governo central a que defina coa máxima claridade todos os aspectos do plan de reconstrución para esta nova etapa

Todo amosa que no referente á saída da crise tanto as medidas que se tomen como o debate que orixine, en caso de ser negativas para as clases populares e traten dun xeito desigual ás autonomías, adiaranse no tempo por parte do Goberno central, e dos partidos de coligazón. Tería como obxectivo compensar os efectos positivos das axudas en certos colectivos con aqueles negativos, así como aproveitar os medos á crise económica e social nos vindeiros meses, e deste xeito non perder base electoral. Daquela a importancia para o soberanismo galego, as centrais sindicais e movementos sociais, de forzar ao Governo central a que defina coa máxima claridade todos os aspectos do plan de reconstrución para esta nova etapa. Por exemplo, como xa está a facer denunciando a redución dos fondos dos cohesión; así como esixindo concreción sobre os obxectivos económicos, laborais e sociais, e o papel de cada sector produtivo e de cada autonomía.

Galiza como nación, a clase traballadora, as persoas autónomas e as pequenas empresas, parten en desvantaxe e xóganse moito na reconstrución. Son momentos de análise de todos os escenarios posíbeis, de debate e presión política e social. Deixar pasar o tempo vendo como evolucionan os feitos, perder a iniciativa, sería unha trampa.

https://obloguedemera.wordpress.com/