Opinión

Os actos protocolarios do sistema non son neutros

O simbólico ten importancia, tanta que por algo se realizan determinados actos puramente protocolarios, por exemplo que o Rei reciba aos partidos antes de facer unha proposta de candidato ou candidata para a presidencia, ou a presenza do monarca na inauguración da lexislatura no Parlamento. Trátase de deixar en evidencia que el é o xefe do Estado, a máxima autoridade malia que o povo non elixise, e que representa a continuidade da legalidade imposta polo golpe militar de 1936, aínda que o revisionismo histórico pretenda asociar a súa figura á transición democrática. Evidentemente reducindo ou esquecendo o papel central da clase traballadora e das nacionalidades periféricas na superación da ditadura franquista.

É lóxico e coherente que o deputado do BNG non asista á inauguración da lexislatura

Polo tanto é lóxico e coherente que o deputado do BNG non asista á inauguración da lexislatura, deixando patente que a fronte nacionalista, entre os obxectivos fundamentais, defende a soberanía nacional para a Galiza e unha República. Ambas reivindicacións son contrarias ao que representa o Rei, e moi especificamente ao que se pretende con este tipo de actos protocolarios que escenifican os límites da vontade popular, e polo tanto reflicten os corsés impostos pola Constitución de 1978, incluíndo o carácter subalterno da nosa nación. Tamén ten razón Nestor Rego cando aclara que “o acto carece de sentido dende o punto de vista do traballo na Cámara”. Polo que, non asistir potencia na conciencia colectiva á fronte nacionalista como unha forza popular, rupturista.

É verdade que con anterioridade o BNG participou destes actos, así como das recepcións do Rei, como aproveitan para destacar agora algúns medios sistémicos. Mais eran outros tempos históricos, e non se producira a intervención en Cataluña e as exemplarizantes sentencias políticas contra o independentismo; unha dura resposta que foi alentada polo monarca. En todo caso aquela postura da fronte patriótica non era asumida por toda a militancia. Porén, a esta altura son feitos que perderon en boa medida da súa relevancia. Coido que a decisión actual da fronte vincula de xeito máis apropiado as respostas cotiás, que no concreto poden ter un carácter reformistas cando se ligan, aínda que sexa como neste caso a través de accións simbólicas, cos obxectivos estratéxicos. Deste xeito espallase na sociedade o proxecto político con perspectiva, respecto dos obxectivos e etapas, para alén das mensaxes a este respecto, reducidas aos programas e actos internos ou conxunturais. 

Esta decisión non se pode considerar á marxe da disputa política dentro da esquerda na Galiza

Por outra banda esta decisión non se pode considerar á marxe da disputa política dentro da esquerda na Galiza (BNG, Anova, Mareas, Podemos, EU...), en relación co proxecto que ofrece cada organización e o papel que vai xogar no futuro como forza de referencia. Non é cuestionábel que o BNG segue a ter unha numerosa militancia e un papel destacado no movemento obreiro, social e cultural organizado, mais no futuro isto vai depender de que manteña a iniciativa mobilizadora e recupere presenza institucional, especialmente no ámbito nacional galego. 

Non me quero estender sobre este último aspecto, mais as contradicións que lle implica a UP a entrada no Governo central (reforma laboral limitada, reunión con Guaidó, políticas de axuste da UE, etc.), a carencia dun perfil e proxecto propio da sección galega do partido, e a situación de debilidade na que están Anova e As Mareas, danlle unha nova oportunidade ao BNG para ser con toda claridade a forza de referencia das clases populares (e neste aspecto a clase traballadora e mocidade son fundamentais). O acordo de investidura, a postura respecto dos actos protocolarios coa monarquía, as reunións con colectivos afectados, ademais de implicar unha maior iniciativa e unha actitude máis atrevida, todo indica que se pretende que vaia acompañada dunha maior mobilización para expandir o BNG. Eu confiaría máis nestes métodos de traballo para fortalecer a fronte patriótica, e para obter uns bos resultados nas eleccións galegas, que nos actos e discursos de auto-bombo. Respecto destes temas, non está demais lembrar a Internacional: “non hai salvadores supremos, nen Rei, nen Tribuno, nen Deus, temos que salvarnos nós mesmos o povo traballador”

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios