Opinión

O 1º de maio, en tempos de cambio

Cómpre lembrar que dende a súa orixe o 1º de maio é unha data reivindicativa, xa que está unida as manifestacións e folgas a prol da xornada de 8 horas (6 días á semana), así como á denuncia da cruel represión contra a clase traballadora en Chicago no ano 1886. Polo que se colleu como exemplo do que sucedía en todo o mundo, no Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París 1989, no que se acordou celebrar todos os anos o 1º de maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial. Nosa nación non era allea a esta problemática e iniciativas da clase traballadora mundial, polo que xa no ano 1891 realizouse unha unha folga xeral na Coruña a prol da xornada de oito horas (repito, para unha semana laboral de seis días).

Pasou máis dun século, e a xornada de traballo segue sendo altísima e mesmo está a medrar en moitos sectores, se contamos todas as horas, tamén aquelas que se traballan e non se pagan e/ou non se cotizan. Trátase dun recuar en dereitos laborais, dunha sobre-explotación, máxime tendo en conta o avance da tecnoloxía e o aumento da produtividade. Ademais, os salarios representan unha parte do PIB inferior ás gañancias do capital, malia que a clase traballadora supera o 80% da povoación activa, por exemplo na Galiza. Daquela que neste intre hai máis razóns que nunca para a mobilización. Especialmente tendo en conta un contexto de reaxuste constante, consubstancial coa globalización neoliberal, tanto entre países na cadea produtiva e de valor como entre clases sociais. Daquela o peche de empresas, mesmo cun carácter estratéxico e a redución de persoal noutras, ao que se engade nesta conxuntura a elevada inflación que come a capacidade adquisitiva dos salarios.

A escusa destes retrocesos nos últimos anos foi a pandemia e agora é a guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN), polo que máis unha vez pediranse sacrificios á clase traballadora seica co obxectivo manter a competitividade empresarial (que lles é funcional á centralización e concentración do poder e da riqueza). Un proceso que se repite ciclicamente, e cada vez entre períodos máis curtos, porque a cuestión de fondo é que o sistema capitalista está esgotado, polo que medra seu carácter regresivo e violento. O capitalismo carece de respostas axeitadas non só porque é un modelo económico e social que pon en perigo os ecosistemas, desbastando recursos esenciais, e dá pulo á violencia, guerras e á especulación financeira, a unha información nesgada na que se demoniza ao adversario, senón porque ademais: as solucións que ofrece non constrúen un sistema económico e comportamentos sociais superadores destas eivas e atrancos, senón que polo contrario agravan as contradicións en todos os ámbitos.

Polo tanto cómpren transformacións profundas para avanzar na xustiza social, soberanía nacional, solidariedade, igualdade, respecto pola natureza... Cambios que só serán posíbeis de realizar mediante a participación e protagonismo das clases populares, e moi especialmente de clase obreira, tanto a nivel nacional galego como mundial. Tamén poden darse estes cambios a través dun camiño represivo, regresivo, como ten sucedido noutros momentos da humanidade. A situación é complexa, xa que son tempos de transformacións, porén tamén de fragmentación social, medre da abstención electoral e crecemento das propostas atrevidas, tanto da prol de cambios reais como demagóxicos, puros espellismos. Non é un contexto doado, porén o nacionalismo galego foi quen de manter un corpo organizado considerábel e unha representación institucional significativa (aínda que insuficiente para o cambio). Consolidou estruturas de masas tan importantes como a CIG, e mantén a capacidade mobilizadora mesmo neste intre tan complexo (lembremos feitos tan recentes como a manifestación do BNG o pasado 3 de abril a prol dos sectores produtivos e de Vía Galega o 24 de abril reivindicando a Galiza nación e o dereito de autodeterminación, e o serán tamén as mobilizacións da CIG do 1º de maio).

Vivimos unha conxuntura histórica, que obriga a facer unha re-lectura do pasado para entendermos en toda a súa dimensión os cambios que se están a producir, e os posíbeis escenarios futuros, e daquela cal e como debe ser o noso axer para rematar con todo tipo de explotación e a opresión. E neste aspecto é esencial, especialmente nesta etapa, potenciar na sociedade: o coñecemento histórico e a formación política, a organización a todos os niveis, como centro do debate e toma de decisións colectivas, da mobilización como resposta consciente, para disputar a hexemonía: no relato respecto do proxecto e a folla de ruta, así como nas asociacións de base e as institucións públicas. O partido, o sindicato, as organizacións sociais e culturais..., os medios de comunicación alternativos son estruturas que hai que valorar e potenciar; como a historia do movemento obreiro e dos procesos de liberación que amosaron a súa necesidade e eficacia. E neste aspecto a historia do nacionalismo galego, toda ela, porén especialmente a dos derradeiros 50 anos, polo que implica como construción dun proxecto nas condicións máis difíciles e dun pasado moi recente, pode dar moitas claves, tanto na folla de ruta como nos métodos de traballo, a ter en consideración. Evidentemente como reflexión, como análise das tendencias, dos comportamentos, sen repetir, porque o cambio está relacionado con este momento histórico. As transformacións son un proceso creativo, e así o considerou sempre no nacionalismo galego.