Opinión

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada 'IIº Tecendo xornalismo', organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun "consello de informativos" ou "consello de redacción" como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de 'La noche 24 horas' (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do "Consello de Informativos" e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijóo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galegas, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.    

  

 

Comentarios