Opinión

A suba da luz, unha agresión aos dereitos humanos

Facía ben de anos que o latrocinio do recibo da luz non acadaba os límites vistos no pasado mes de abril, cunha suba estimada de mais do 43% ao respecto do mes de abril do ano anterior. A versión oficial, reproducida nos medios oficiais, como non podería ser doutro xeito, esconde as verdadeiras razóns, que é o mesmo que falar da natureza do problema.

Efectivamente os medios do Réxime, e outros que non tanto, fálanos para explicar este aldraxe ás clases populares de conceptos abstractos que caeron do ceo.  Así nos din que a luz é cara polo pago das taxas polas emisións de CO2, porque a aplicación do IVE é o 21%, fálanos do pool do mercado maiorista da electricidade e até do cambio climático. Un feixe de pseudoargumentos cuxo único obxectivo é desinformar e confundir a quen sufrimos as actuacións do negocio capitalista disparatado.

Andamos no ano 21 do século XXI. Xa é hora que asumamos como maioría social que a electricidade, igual que a auga ou a nosa alimentación é un dereito humano, concepto aínda superior ó servizo público. Soamente a partir de esta consideración, que é o centro de gravidade, poderemos enfrontar con claridade de ideas esta nova agresión das eléctricas coa beizón do chamado goberno progresista. 

Quen sustentan estas teses impoñen a súa narrativa mentireira para xustificar unha suba inmoral e inhumana. O prezo do recibo da luz evidentemente non se vai resolver en favor das clases populares con medidas tramposas como a de rebaixar o IVE, pero tampouco coa burla de dicirlle a xente que consuma electricidade durante as horas de durmir. Seguro que mañá virannos cunha campaña de renovación do parataxe doméstico ao baixo consumo.

Se a grandes trazos o negocio enerxético da electricidade é marcadamente perverso, si o enmarcamos na nosa realidade nacional galega veremos con claridade magnificado o carácter criminal do mesmo. Historicamente anos sesenta do século pasado, Galiza en nada foi compensada pola instalación masiva dos embalses hidroeléctricos , sendo desde aquela exportadora de enerxía eléctrica. Por non mencionar os repetidos dramas humanos e comunitarios producidos en cada un dos asolagamentos. 

Hoxe o gran capital está a inzar os outeiros dos nosos montes con miles de muíños de vento, constituíndo unha gravísima agresión ao medio natural e  especulando coa miseria comunitaria das Xuntas de Montes en Man Común froito do abandono da economía agraria. A este fenómeno teñen a cara de chamarlle “enerxía limpa”. 

Vista a realidade, como maioría social e como nación, non nos queda outra que converter o que se nos vende na aparencia como suba do recibo da luz, nunha causa xeral ao modelo imposto. Igual que nos anos setenta cando o berro insurxente era, a Terra é nosa, e non de Fenosa, hoxe temos que asumir sen complexos que a auga e o ar tamén son nosos, do pobo. A enerxía eléctrica ten que ser un servizo público e o fornecemento aos fogares un dereito humano irrenunciable.

Comentarios