Opinión

Fallos

Hai catorce meses o estalido social en Chile lembrábanos que nada é o que parece, que o sistema no cal vivimos non só está baseado en mentiras, senón tamén en ocultación e aparencia. Onte mesmo, as hordas salvaxes (white trush american, que lles chaman despectivamente eles) atacaban o Capitolio, en Washington, e entraban nel como Pancho na súa casa. Unha tropa de marxinados que a sociedade descarta, e que deciden soster a forma política que máis dano lles fai.

E falamos diso por aquilo das aparencias: os imperios xa non son o que eran. Neste mundo distópico, orgulloso de selo, amosan sen vergoña os seus ganduxos. E demostran, con claridade meridiana, que os únicos bananeiros perpetradores de golpes de Estado en medio mundo son eles. Eles que non coidan nin as formas, que lles abren as portas da casa da democracia a uns tarados, eles que, de tratarse da xente de BLM (Black Lives Matter), os gasearían e desaloxarían pola forza. 

Perdoade o xiro. Non me resistín a falar do noxento imperio. Calquera latinoamericano que se prece leva dentro un antiimperialista. Mais do que realmente quería falarvos é de que a xustiza chilena desestimou e arquivou a denuncia imposta por Carabineiros contra AsTesis, esas rapazas bravas de Valparaíso que fixeron un himno de alcance mundial co que todas as feministas empatizamos: “Un violador no teu camiño”. A xuíza di que non hai delito no que ela considera liberdade de expresión. Algo similar debeu pensar a xuíza británica que rexeitou extraditar aos USA a Julian Assange. Utopías dentro da distopía xeneralizada? Oxalá. Este é un mundo pouco vivíbel. 

Comentarios