Xogos... mellorados

En Estados Unidos, que cada vez cobra máis tinte de distopía cyberpunk, comeza a tomar forza a idea de crear unha competición deportiva na que sexa legal empregar calquera tipo de substancia que favoreza o rendemento físico. Os así chamados xogos olímpicos "mellorados" prometen bater todas as marcas humanas en canto a forza, velocidade e tantos anotados sen a molesta limitación dos controis antidopaxe.

O emprego de substancias para mellorar o noso rendemento, xa sexa físico ou mental, é un dos temas candentes da bioética. Ata que punto é aceptable mellorar artificialmente as capacidades humanas? Como adoita pasar, nos casos extremos todas o temos máis ou menos claro: ninguén ten dúbida de que é eticamente aceptable, e incluso obrigado, intervir tecnoloxicamente para que unha persoa cunha hipoacusia recupere o ouvido ou para que as miopes poidamos empregar lentes para ver de lonxe. Se existise un fármaco capaz de reverter a demencia, ou de aumentar as capacidades cognitivas de persoas con discapacidade intelectual importante, tampouco habería moitas voces en contra. No día a día, empregamos substancias para mellorar o noso rendemento, café para estar máis alerta e concentrarnos mellor, por exemplo. Aquí xa atopamos un primeiro límite moral: hai bastante consenso social sobre o café, pero cando pensamos noutro tipo de drogas diferentes á cafeína, que tamén aumentan o rendemento cognitivo, a nosa percepción cambia. Moitas persoas con TDAH toman anfetaminas para axudarlles no plano atencional, pero se as emprega alguén sen esta condición, parécenos que está a "facer trampas" dalgún xeito.

No plano físico, a cousa complícase aínda máis. A dopaxe no deporte é relativamente frecuente, e constitúe un problema dentro da práctica profesional. Eliminar as restricións e os controis sobre as substancias dopantes equivale na práctica a facer obrigatorio o seu uso, porque a partires deste punto, ningún individuo terá oportunidade de gañar sen elas. Ademais, a maior parte dos fármacos que se empregan producen efectos secundarios importantes a longo prazo. Este é o paradoxo da elección persoal, cando a liberdade para facer algo supón a obriga de facelo. O deporte nestas condicións, en lugar de promover valores relacionados coa saúde, o movemento e a colaboración, alberga prácticas que só responden á vitoria individual, ao custo que sexa.

Comentarios