Vinte anos de orgullo

Este sábado é o día do Orgullo LGBTIQ+ e este anos ademais podemos celebrar que se fan xa dúas décadas da aprobación do matrimonio igualitario. A lei que ía destruír a sociedade tal e como a coñecemos, que dinamitaba os alicerces mesmos da familia e de Occidente en xeral, desgraciadamente non provocou nada diso. É máis, case me atrevería a dicir que foi decepcionantemente pouco disruptiva, sobre todo porque, pola súa propia natureza, afecta única e exclusivamente ás persoas que deciden acollerse a ela.

A pesar de todo o retroceso ideolóxico que estamos a ver, aínda nos resultan chocantes algúns dos argumentos que se esgrimían daquela contra a aprobación de que dúas persoas do mesmo xénero poidan casar. Algúns deles eran de tipo pseudolegal, moi semellantes aos que escoitamos tamén coa lei trans, e baseábanse na posibilidade de fraude: podes casar cun compañeiro de piso, podes casar cun amigo para que herde. Esquecían que os matrimonios fraudulentos para conseguir permisos de residencia, beneficios económicos ou outras avantaxes existiron sempre entre persoas heterosexuais. Hai non moito, un personaxe da crónica rosa española casou de novo coa súa ex muller días antes de falecer para que esta herdara a súa fortuna. Á vista de todo o mundo e de xeito explícito, coa presenza incluso da actual parella dela.

Outro tipo de argumentos en contra e os meus preferidos eran os que trataban de reducir ao absurdo a ampliación do concepto heterosexual de matrimonio. Podías escoitar: "Entón, por que non podo casar co meu can?". "E cun armario roupeiro podo casar?". O arrepiante detrás deste tipo de disparates era que no fondo si que revelaban a verdadeira esencia do matrimonio para esta xente: non o consentimento pleno de dúas persoas adultas, senón a capacidade reprodutiva. Para eles, o matrimonio forzado de nenas seguramente era menos escandaloso que o matrimonio entre dous homes adultos e con plena capacidade para consentir.

O último argumento, e o máis triste, era o que viña dende dentro do propio colectivo, temendo que a aprobación desta lei esfarelase toda a loita pola diversidade sexual. Se aproban o matrimonio igualitario, xa non vai haber activismo. Non sei se por sorte ou por desgraza, cada ano que pasa comprobamos que non só non deixa de ser necesaria a reivindicación, senón que non podemos baixar a garda nin un só segundo.

Comentarios