Opinión

Vacacións

A estas alturas seguramente case todas estamos rematando ou iniciando as vacacións, ou ben agardando por elas contando os días no almanaque. Case sempre temos miles de proxectos e tendemos a sobrevalorizar o tempo dispoñible, coa sensación de frustración que pode producir. Aínda que esteamos desexando descansar, moitas persoas experimentan un fenómeno que pode parecer paradoxal pero ten unha base científica: tras os primeiros días de adaptación, o estado de ánimo reséntese durante o período vacacional. 

Á marxe de circunstancias persoais adversas que poidan exacerbarse no verán, o que rexe para todas é que os seres humanos somos moi sensibles aos cambios de rutina, aínda que sexan positivos. Para moitas de nós, o horario laboral marca un ritmo estruturado e unha alternancia entre días libres e días de traballo que o noso cerebro recoñece doadamente e que lle axuda a organizarse. Outro factor que pode estar implicado é a chamada activación condutual, moi estudada no tratamento das depresións: o mero feito de realizar actividades fai que o humor mellore, incluso cando previamente non parece que teñamos moitas ganas.

Unha das recomendacións para o tratamento dos problemas do estado de ánimo é programar actividades que poidan resultar agradables e realizalas incluso sen motivación previa. Con frecuencia, o nivel de desfrute é maior do que se imaxinaba antes de emprendela. Se no noso período vacacional non incluímos as suficientes actividades gratificantes porque estamos demasiado centrados en "simplemente descansar" é probable que o noso ánimo o note. 

Cada persoa (cada cerebro) é diferente. Para algunhas as vacacións poden ser un momento ideal precisamente para romper coas rutinas, ter unha actividade diaria máis espontánea e máis relaxada ou simplemente non facer nada. Para outras, as rutinas poden ser importantes e favorecer a estrutura, polo menos en parte. Vale a pena observar que é o que nos vai mellor e tratar de facelo sen culpa e sen xuízos de valor do tipo "non estou aproveitando as vacacións" ou "non o estou a desfrutar o suficiente".

Se detectamos que a ausencia de rutina tende a empeorar o noso ánimo, pode ser interesante programar un ocio activo, con actividades diferentes ás que realizamos o resto do ano, pero con certa organización. Se non é así, desconectade as alertas, pechade os ollos e non vos sintades culpables por, simplemente, descansar.

Comentarios