venres 18/06/21

Solsticio

A progresiva laicización das sociedades occidentais fai que celebracións como o Nadal deixen de ter o significado relixioso que orixinalmente parece que se lles atribuía. Isto pode causar certo espanto en moitas persoas, que ven nisto unha banalización das festividades. En realidade, as festas arredor do solsticio de inverno, co denominador común de luces, pequenos agasallos e certas comidas ou alimentos (froitas en conserva, castañas ou noces, bacallau, verduras de tempada) non son nin moito menos exclusivas  do culto cristián. Imaxinemos unha sociedade neolítica, que a penas remata de sedentarizarse e adquirir a agricultura. Persoas exactamente iguais ca nós, cos mesmos cerebros, practicamente o mesmo aspecto, os mesmos medos e ansiedade. A mesma capacidade de planificar e de comprender, pero cunha dependencia extrema das condicións meteorolóxicas e climáticas. Esas persoas viven en latitudes setentrionais e cada ano ven que os días vólvense progresivamente máis curtos e máis escuros, pero descoñecen o motivo.

Tamén saben que o crecemento das súas precarias colleitas depende directamente do sol, aínda que non descubriron aínda cal é exactamente a relación. Os ciclos astronómicos son predicibles, pero igualmente misteriosos. Calquera ano destes, os días poderían non medrar máis, e sumir á humanidade na noite perpetua para sempre. Polo tanto, é comprensible que cada inverno, cada solsticio, a data na que os días volven medrar sexa recibida con algo semellante a un neolítico suspiro de alivio. Que se abran as provisións mellor gardadas, porque a seguinte colleita polo menos vai ter sol para medrar. Que se acendan luceciñas como as das estrelas, que sempre volven. Que lles fagamos pequenos agasallos aos nenos, porque este inverno puido ser o derradeiro para eles, pero non o foi. 

Cada ano xorden absurdas polémicas sobre se o Apalpador é un invento ou se Santa Claus é 100% real, se é ou non orixinalmente cristián ou un invento de certa marca de refrescos. Mentres as persoas, que seguimos a ser igual que eses seres humanos neolíticos, seguimos facendo o mesmo que facíamos dez mil anos antes de que ninguén escoitase sequera falar de algo chamado cristianismo: acender luces, facer agasallos, sacar as mellores comidas. Este ano moitos non poderemos xuntarnos, pero continuaremos acendendo luces, mesmo que sexan luces LED e pantallas 4K.

comentarios