venres 18/06/21

Residencias

Comecei esta columna falando do peche da sala de partos de Verín e hoxe, case un ano despois, vemos que se toman represalias contra un dos facultativos que máis se implicaron nas protestas. Tamén aparece na prensa, sen relación aparente, a situación das residencias de anciáns e o aumento da problemática económica das mulleres afectadas pola violencia de xénero. En realidade, si existe unha relación: a neglixencia das institucións naqueles aspectos que teñen que ver coas persoas en idades non produtivas dende o punto de vista laboral, por unha banda, e nos problemas que afectan principalmente ás mulleres, polo outro. A ausencia de dispositivos sanitarios específicos para atender o embarazo e o parto, a escaseza de prazas de gardería e as malas condicións das residencias de anciáns afectan principalmente ás mulleres e restrinxen a súa independencia económica e persoal. Impiden o seu desenvolvemento laboral e o avance das súas carreiras profesionais, empeoran a súa saúde e limitan gravemente o seu tempo de ocio.

Os homes poden indignarse ante as situacións que estamos a coñecer pero, salvo contadísimas excepcións, non van deixar os seus traballos nin solicitar reducións de xornadas para coidar dun ancián se as condicións na residencia non son as axeitadas. Polo tanto, convértese nunha loita case exclusivamente feminina dado que as coidadoras, formais e informais, son mulleres na súa inmensa maioría. Nas casas, traballan sen percibir retribucións e sen dereitos laborais; nas residencias, fano mal pagadas e precarias. Cando as loitas son case exclusivamente femininas importan menos. Cando afectan a persoas que non son produtivas para o mercado laboral, directamente, non importan nada.

Escoitar as declaracións da responsable das residencias concertadas resultaba arrepiante pola lóxica que empregaba, ao falar de beneficios económicos e en ningún caso de saúde e de dignidade. Que alguén se atreva a falar deste xeito publicamente parece implicar, dende o meu punto de vista, que parte da poboación naturalizou xa a idea de que o dereito ao lucro empresarial pasa sempre por riba dos dereitos humanos, e que esta visión é lexítima. Feminizar a política non vai de que mulleres coma esta ocupen postos de poder, senón de facer outro tipo de políticas, que melloren as condicións materiais de todas as mulleres e das persoas ás que estas coidan.

comentarios