Opinión

Politizar as protestas, politizar a sanidade

Este 12 de febreiro está convocada a centésima manifestación contra o progresivo deterioro da sanidade pública, e o Goberno da Xunta non tardou en cualificar as protestas como politizadas. Vai resultar que a asistencia sanitaria é unha cuestión política. Decidir se temos un sistema público, privado ou mixto, é unha decisión política e responde a unha ideoloxía en torno aos dereitos e á saúde.

As decisións de xestión son decisións políticas, é absurdo pretender que hai un tipo de xestión neutra ou desideoloxizada, que é o que a dereita nos leva querendo vender décadas. Non destinar os suficientes recursos ao sistema sanitario ou privatizar servizos (restauración, lavanderías, mantemento, limpeza) é unha decisión política. Está máis que demostrado que a xestión privada non é máis eficiente que a pública, e deteriora significativamente tanto a prestación do servizo como as condicións laborais das traballadoras destes sectores, na súa inmensa maioría mulleres. De feito, a referencia á mellor xestión desapareceu do seu argumentario porque xa non se sostén, vistos os innumerables exemplos en sentido contrario.

Polo tanto, si, a manifestación é unha manifestación política. Como todas as manifestacións, por outra banda. Tamén, cada decisión que se toma é unha decisión política, e contra estas manifestámonos. Non podemos caer no xogo dialéctico que manteñen, segundo o cal as nosas expectativas son políticas e as súas son neutras, baleiradas de calquera tendencia. A dereita trata de vender a súa ideoloxía como o estado natural das cousas, o punto cero. Só a nosa é ideoloxía. Por iso resulta tan ofensivo cualificar unha protesta pola falta evidente de medios na sanidade como "politizada" . Por obvio e pueril, e tamén polo que implica tachar de político un acto da cidadanía. Porque dá a entender que hai outros que non o son.

Non se me ocorre ningún tema que sexa máis transversal e que nos afecte máis a toda a cidadanía que a asistencia sanitaria. Empregando a súa lóxica, ningunha demanda podería estar máis libre de politización, entendida como busca de rédito electoral para un determinado partido, ca esta. Xa se mencionaron determinados partidos, por certo, como se os votantes doutras formacións non se beneficiasen tamén da sanidade pública e non sufrisen as súas eivas.

Comentarios