Opinión

Polio

Aínda poden verse persoas anciás con diferentes formas de parálise provocadas pola poliomielite. Coñecida popularmente como polio, trátase dunha doenza infecciosa provocada polo poliovirus. Afecta principalmente ás crianzas e, se ben a maioría dos casos son leves, nunha pequena proporción o virus afecta ás neuronas responsables do movemento, provocando diferentes formas de parálise. A máis grave e aquela que afecta aos músculos respiratorios e pode ocasionar a morte por asfixia. Para evitala, inventouse o famoso "pulmón de aceiro", unha cámara de presión negativa que realizaba o esforzo respiratorio que os músculos xa non podían executar. Pero se cadra a consecuencia máis coñecida e dramática da polio son os miles de nenos afectados cada ano por parálise nas extremidades, sen posibilidade de recuperación. A enfermidade coñécese dende a Antigüidade e ata o século XX provocou diversas ondas epidémicas en todo o planeta. A partir dos anos 50 comezaron a estar dispoñibles as vacinas, primeiro as desenvolvidas por Jonas Salk e posteriormente as de Albert Sabin. Dende entón, a poliomielite non deixa de diminuír en todo o mundo, incluso en zonas nas que era endémica e provocaba unha importante morbimortalidade, como na India.

A vacina da poliomielite foi unha das primeiras investigacións a grande escala dun sistema público de saúde, neste caso o estadounidense, que tras a 2ª Guerra Mundial era moi diferente do sistema ultra-privatizado que hoxe coñecemos. Cunha inversión económica inédita para a época e a participación de miles de sanitarios e voluntarios, foi posible desenvolver en menos dunha década un método viable de inmunización. Se o comparamos co desenvolvemento acelerado da vacina contra o coronavirus, teremos unha idea do que supuxo. A OMS fixou como obxectivo a erradicación da polio para o 2026, e calcúlase que o vindeiro ano aparecerá o derradeiro caso salvaxe. Será a terceira doenza erradicada polo ser humano, tras a varíola e a peste bovina. Froito dunha empresa colectiva e en gran medida desinteresada foi posible evitar a morte e a discapacidade de miles de persoas. As declaracións de Salk cando lle preguntaron pola patente do seu descubrimento son xa míticas na medicina: "Patente? Non hai patente. Pódese patentar o sol?". O contraste co que aconteceu setenta anos máis tarde coas patentes das vacinas contra a Covid non pode ser máis desalentador.

Comentarios