Opinión

Personalidade múltiple

O cinema está cheo de personaxes con varias personalidades que coexisten, un tema moi recorrente na ficción pero moi estraño na realidade. Tan estraño, que nin sequera sabemos se é unha entidade en si mesma ou forma parte doutras patoloxías.

A persoa que padece este trastorno ten a sensación de que varias persoas habitan dentro da súa mente, con diferentes formas de ser. Ás veces con diferentes nomes. Con frecuencia a personalidade inicial pode non ser consciente dos seus actos cando unha das outras personalidades "toma o control". Eses estados psíquicos nos que desconectamos do que facemos, pero mantemos un nivel de conciencia normal e podemos efectuar accións complexas chámanse estados disociativos. Son frecuentes en situacións de elevado estrés, como catástrofes ou accidentes, pero algunhas persoas teñen especial tendencia a disociar ante estrés moderado ou incluso sen motivo aparente. Xeralmente está relacionado con sucesos traumáticos na primeira infancia, como neglixencia grave, violencia ou abuso sexual.

A pesar disto, moitos autores consideran que a disociación é un mecanismo psíquico normal e que todas as persoas disociamos en maior ou menor medida. Os momentos nos que camiñamos ou conducimos sumidas nos nosos pensamentos, sen prestar atención consciente ao entorno pero executando correctamente accións complexas serían estados disociativos leves e normais. É un xeito do cerebro de desconectar de emocións moi intensas que non é quen de manexar ou ben de aforrar recursos cando funcionamos en "modo automático". Porén, estes pacientes presentan estados de disociación frecuentes e prolongados nos que teñen recordo só parcial dos seus actos, que atribúen a outras personalidades. Unha vez máis, o estigma da doenza mental pesa sobre este tipo de persoas, que moitas veces son retratadas na ficción como tendentes a cometer crimes violentos en estados disociativos, cando isto é algo rarísimo. Tamén existe unha certa tendencia dos produtos audiovisuais a romantizar ou sexualizar os trastornos disociativos cando quen os padecen son mulleres, porque alimenta a fantasía masculina das mulleres como seres misteriosos, impredicibles ou incluso a de poder manter relacións con varias das personalidades sen cambiar de parella. Porén, dá igual como lle chamemos ou cal sexa o diagnóstico, o sufrimento que xera é inmenso, e non ten nada de misterioso nin de romántico.

Comentarios