Opinión

Patocracia

O filósofo e psiquiatra Andrzej Łobaczewski describe na súa obra o que denomina patocracia, ou "goberno do mal". Baixo este nome un tanto grandilocuente analiza unha serie de tendencias e condutas que se perciben tanto na economía como na política e que vemos moi especialmente nos acontecementos das últimas semanas.

O que postula este pensador é que as estruturas políticas permiten e estimulan que persoas con trazos psicopáticos acaden postos de relevancia nas organizacións e condicionen as decisións que se toman. O énfase na competitividade, na imaxe persoal e no éxito individual fan que directivos de grandes empresas, políticos e comunicadores de masas compartan trazos de personalidade baseados na falta de empatía, o narcisismo e a egolatría. Cando alguén sinala que unha acción pode non ser correcta dende o punto de vista ético rapidamente é descualificado como estúpido ou idealista. O termo "buenismo", que se puxo tan de moda na política estatal para referirse despectivamente a calquera idea que teña en conta o ben común ou os dereitos humanos básicos, é un bo exemplo do que explica Łobaczewski. O contrario de "buenismo" sería entón "malismo", bastante próximo á idea de patocracia.

Estamos a ver dirixentes políticos defender posicións que non podemos senón cualificar de patocráticas, como se o sentido común pasase por ignorar as vidas humanas e ter en conta unicamente o beneficio económico de certos sectores. Non só defenden abertamente que o capital está por riba dos dereitos, senón que presentan esta idea como a racional e lóxica, contraposta a posicións que entenden como contaminadas de sensiblería ou pouco realistas. É así como funciona o mundo, parecen dicir, e se non o ves é porque es unha inxenua ou unha ignorante.

A segunda idea de fondo é que todas as persoas son intrinsecamente malvadas, e a única diferenza é que eles sono abertamente, e quen denuncia esta falta de ética simplemente leva unha careta de superioridade moral para ocultar intereses igualmente egoístas e mesquiños. O de "prefiro que me rouben estes, que xa sei que me van roubar" iría un pouco nesta liña.

O tema é que nin todas as persoas somos intrinsecamente psicopáticas (de feito só unha pequena proporción o é) nin o mundo "simplemente funciona así". Funciona así porque deixamos que así sexa, e porque como sociedade continuamos premiando condutas que conducen a ese resultado. 

Comentarios