Opinión

Partículas

Esta semana andaba a comunidade científica revolta porque se atopou un resultado diferente do xa coñecido para a masa dunha partícula, o bosón W. Pero por que é isto importante?

Hai uns anos escoitamos falar moito do bosón de Higgs, descuberto en 2012 pero postulado por primeira vez nos anos 60 por Peter Higgs, no marco do que se coñece como Modelo Estándar da Física de partículas. Trátase dunha teoría unificadora que describe os eventos que acontecen a nivel subatómico, no mundo do moi, moi pequeno. Nestas dimensións operan tres das catro forzas coñecidas, a forza nuclear forte, a feble e o electromagnetismo. As dúas primeiras rexen as interaccións entre os diferentes compoñentes dos núcleos atómicos, e as partículas que median estas forzas pertencen ao grupo dos bosóns. O propio Higgs describiu varios bosóns máis á parte do que leva o seu nome, un deles o bosón W que nos ocupa agora, relacionado coa forza nuclear feble. Esta é responsable, por exemplo, da radioactividade. Para esta partícula realizáronse varios experimentos que postulaban unha masa determinada, pero esta nova medición parece indicar que se trata dunha partícula moito máis pesada do que se cría.

O máis alucinante é que as predicións teóricas do modelo estándar son tan precisas que describiron partículas cincuenta anos antes de que existise a tecnoloxía necesaria para que fosen observadas. Polo tanto, que agora unha delas resulte non ser como pensabamos significa que as forzas e as relacións que rexe no núcleo atómico son tamén diferentes. É dicir, que a natureza non funciona exactamente como pensabamos.

Posiblemente isto non quere dicir que todo o que sabemos do átomo estea errado, pero si que a ciencia trata dunha aproximación constante e progresivamente máis precisa á descrición dunha realidade que se cadra non sexa completamente intelixible para os seres humanos. O modelo estándar é unha descrición moi boa, pero polo que parece aínda tiña marxe de mellora.

Isto quere dicir que o coñecemento científico sempre é provisional e falible, pero tamén que nos proporciona os mecanismos para revisalo e modificalo todas as veces que sexa necesario, é dicir, cada vez que un novo dato ou unha nova observación non encaixe na nosa explicación do mundo. Non se me ocorre ningún outro artefacto conceptual que teña esta capacidade de automellora, de modificarse a si mesmo e mudar ao mesmo tempo a nosa comprensión do mundo e a propia realidade na que vivimos.

Comentarios