Opinión

O paradoxo estadounidense

En decembro de 2019 escribín sobre as desigualdades en saúde que padecen as cidadás estadounidenses e que provocan que teñan a esperanza de vida máis baixa do mundo en comparación coa renda do país. Daquela, falabamos de 78 anos, en comparación cos 83-85 dos países da Europa Occidental. Neste 2023 pospandémico, as cifras caeron ata os 75 anos de esperanza de vida, xusto por debaixo de Albania.

A Covid en si mesma produciu esta redución da esperanza de vida aumentando a mortalidade, pero non afectou por igual a todos os estados. As políticas sanitarias tiveron moito que ver. Alén do obvio, hai outros indicadores de saúde rechamantes e que afectan negativamente a esperanza de vida. Un deles é o uso de armas, que contribúe a aumentar a mortalidade en idades xuvenís, nas que en xeral non debera haber taxas elevadas.

Outro dato alarmante é a cifra récord en mortes perinatais, aquelas que se dan durante o embarazo, o parto ou inmediatamente despois. Que nun país supostamente desenvolvido exista un problema coa mortaldade infantil é síntoma de que algo está indo realmente mal. Neste caso, é a falta de acceso á asistencia sanitaria das clases populares o que produce esta situación, unido ás nulas políticas de protección á maternidade, sen permisos para coidado das crianzas nin baixas remuneradas. Moitas mulleres non poderán facer fronte aos controis do embarazo que aquí damos por feitos nin permitirse deixar de traballar.

Non está de mais lembrar que, a pesar do sistema sanitario fortemente privatizado, estamos a falar do país que máis cartos públicos inviste en sanidade a nivel mundial, e o punteiro en investigación biomédica, factores ambos que non repercuten na poboación.

Por outra banda, entre os diferentes estados que conforman a Unión non atopamos unha situación homoxénea. Os estados do sur amosan cifras claramente peores, que se explican pola elevada proporción de obesidade e problemas cardiovasculares que padecen.

Atopamos un exemplo dramático do que produce a desigualdade e a falta de planificación, aínda cun gasto absolutamente desproporcionado. Non se trata só de canto se destina á saúde, senón tamén de como se administra e de que medidas sociais acompañan, porque a prevención segue a ser a medida máis eficiente e a que máis fai que melloren todos os indicadores.

Comentarios