Opinión

Obesidade

Sempre me sorprende e me choca cando vexo a palabra “gorda”, xeralmente en feminino empregada como insulto. Resúltame incrible que a golpe de 2021 algún poida crer que unha característica física é algo polo que ninguén se tería que sentir avergoñado. Ademais, é un insulto terriblemente machista (os homes non son “gordos” na mesma medida, a pesar de que sofren de sobrepeso igual que as mulleres) e aínda que non o conceptualizamos así, clasista.

A obesidade e o sobrepeso é un problema sanitario de primeira orde nas sociedades occidentais, unha auténtica pandemia. E como vimos nesta pandemia, os problemas de saúde non afectan por igual ás persoas con máis recursos e ás máis desfavorecidas. O sobrepeso concéntrase nas capas sociais máis baixas, e polo tanto non se trata dun problema de actitudes ou preferencias individuais. Existen múltiples factores que afectan á nosa masa corporal, algúns deles individuais como a xenética, hormonas, constitución etc., pero moitos outros son sociais.

A discusión sobre se comer saudablemente é máis ou menos caro tamén fica só na superficie do problema, porque non se trata só do custo obxectivo dos alimentos. O tempo adicado a planificar e a cociñar, ou o gasto enerxético asociado, tamén supoñen un esforzo extra que moitas persoas non poden realizar. Por suposto, cando falamos de quen vive en familia, é un esforzo que recae case totalmente nas mulleres. Ademais, en moitos casos a comida-lixo é unha das poucas formas de ocio accesibles economicamente que ten moita xente.

Insultar a alguén chamándolle gorda supón facer recaer sobre ela un canon de beleza absurdo, patriarcal e opresivo. Supón asumir que as mulleres só somos válidas en tanto sexamos atractivas sexualmente para a mirada masculina. Supón, ademais, depositar o peso da responsabilidade individual sobre unha cuestión que é social e multifactorial. Supón, por último, reducir un problema de saúde global a unha cuestión banal, estética e superficial. Se fose tan doado como comer menos ou facer exercicio ninguén sufriría obesidade. Se as persoas puidesen decidir libre e doadamente que IMC lles apetece, ninguén padecería todas as enfermidades asociadas a longo prazo ao sobrepeso nin as limitacións de mobilidade das grandes obesidades. Se fose tan doado como “decidir adelgazar” ninguén sufriría todo o estigma e a discriminación asociada a esta palabra.

Comentarios