Opinión

Nobel

Mañá faranse cen anos de que recibise o premio Nobel o físico Albert Einstein, posiblemente a figura científica máis coñecida a nivel popular.

O seu aspecto icónico e a influencia das súas teorías, tanto na física teórica como no avance tecnolóxico e na cultura, son indiscutibles. Un detalle menos coñecido é que Einstein recibe o Nobel non pola súa Teoría da Relatividade que o faría mundialmente famoso, senón pola súa investigación sobre o efecto fotoeléctrico.

A que era por entón parella do científico, a matemática e física Mileva Marić, traballaba tamén neste mesmo campo polo que, dende os anos 90, varias liñas de investigación sinalan a súa posible contribución aos traballos que lle valeron o Nobel e, máis adiante, á Teoría da Relatividade. Porén, semella que unha vez máis a maternidade resultou un obstáculo insalvable na carreira da científica, mentres non tiña nin a menor repercusión na de Einstein. Ademais, o científico, que nese momento compartía a súa vida, tampouco considerou relevante sinalar a súa contribución, de habela.

Mileva Marić é unha vítima máis do chamado "efecto Matilda": o nesgo machista que fai que as contribucións das mulleres á ciencia queden ocultas ou ben sexan atribuídas a varóns, sexan xefes, compañeiros de investigación ou, como neste caso, parellas masculinas. No caso de Marić, ademais, non é só que as súas contribucións sexan imposibles de atopar, senón que ademais o seu matrimonio con Einstein truncou definitivamente a posibilidade de ter carreira propia e novas achegas ao coñecemento científico.

Parece razoable pensar que dúas persoas que conviven e que estudan o mesmo campo levarían as súas investigacións en paralelo ou, cando menos, en interrelación. A día de hoxe resulta imposible illar a influencia ou colaboración de Marić nos traballos que cambiaron para sempre a historia da ciencia e o noso xeito de concibir o universo. Aínda que poidamos pensar que Mileva foi vítima dunha determinada época, hoxe en día continúa a acontecer a atribución sistemática de traballos femininos a colegas masculinos, e tamén a barreira infranqueable que supón, unicamente para as mulleres, a maternidade na carreira investigadora. Mileva Marić debera ser o triste exemplo do que non debemos permitir que continúe a acontecer.

Comentarios