Opinión

Medrar en benestar

O 10 de outubro conmemorarase o Día Mundial da Saúde Mental, e o lema escollido para o ano 2022 foi: polo dereito a medrar en benestar. Así, ponse o foco sobre a saúde mental infanto-xuvenil, que está a ser obxecto de preocupación crecente e que foi ignorada durante décadas.

Ata non hai moito, existía a idea de que as crianzas non padecían problemas de saúde mental, ou que estes eran excepcionais. Este prexuízo forma parte da tendencia, cada vez máis minoritaria, de ver ás persoas menores de idade como pertenzas dos seus pais, como seres humanos “só a medias” carentes de personalidade, desexos e intencións propias e con menos dereitos que os adultos. As doenzas mentais eran cousa dos adultos, que somos os que temos “problemas de verdade”. Aínda que é certo que certas patoloxías, como os trastornos psicóticos, debutan na súa inmensa maioría ao comezo da idade adulta, non é certo que na infancia non se poidan producir enfermidades. Os problemas de saúde mental na infancia son o maior predictor de problemas psiquiátricos na idade adulta e acontecementos adversos na infancia, como abuso sexual ou físico, ou neglixencia grave, cóntanse entre os factores de risco evitables máis importantes. As cifras de abuso sexual na infancia son arrepiantes, que están a afectar a unha de cada seis crianzas, maioritariamente nenas. Tamén as persoas con identidade sexual non cisheterosexual teñen máis risco de sufrir violencia psíquica ou sexual en idade pediátrica.

O lema da OMS parece particularmente acaído despois da pandemia dado o alarmante aumento da demanda de atención nestas idades, sobre todo entre as adolescentes. Fai fincapé ademais no dereito das persoas a desenvolverse sen violencia, sen precariedade e sen abusos. Moitos dos factores de risco son evitables e teñen que ver co dano que os adultos infrinxen ás crianzas. Pero non é máis que a pinga que reborda o vaso dun problema que viñamos detectando dende hai xa tempo. Se ben estamos a detectar un aumento de certos síntomas moi alarmantes, como as autolesións, persoalmente opino que se trata dun xeito novo de expresar un malestar xa vello.

Se cadra debemos ter unha ollada máis ampla para formular hipóteses que nos permitan coñecer que está pasando coas nenas e nenos e como podemos axudalos, non só dende o sistema sanitario senón tamén como sociedade no seu conxunto.

Comentarios