Opinión

Lamarck si, pero non así

Periodicamente atopo situacións que dan conta das dificultades da poboación xeral para comprender cuestións básicas sobre como funciona a ciencia e nunca deixo de sorprenderme. Despois lembro que unha tendencia do sistema educativo no ensino de ciencias radica en memorizar datos e non  en comprender procesos, algo que para entender o mundo que nos rodea é simplemente letal. Os datos concretos poden variar segundo avanza o coñecemento, pero se entendemos de que xeito se chega ata eles, teremos un marco de referencia que nos permitirá comprendelos.

Estes días foi sobre como funciona a evolución. Xente en redes comparte as súas operacións de estética comentando que o fai polos seus fillos, para que estes herden os trazos modificados con cirurxía. Das dúas grandes teorías da evolución da historia da ciencia contemporánea, a que foi refutada a pesar de que intuitivamente podía semellar prometedora foi o lamarckismo. Jean-Baptiste Lamarck foi un naturalista francés ao que tamén debemos a introdución do termo bioloxía.

A súa teoría sobre a evolución das especies postulaba que o uso repetido dun órgano provocaba a súa modificación e esta podía transmitirse ás xeracións subseguintes. No exemplo máis coñecido, o pescozo da xirafa medraba polo alongamento necesario para acadar as follas máis altas. Esta característica era herdada polos seus descendentes. A xenialidade de Lamarck radica en intuír que a evolución opera en forma de pequenos cambios que se acumulan ao longo de xeracións condicionados polas condicións ambientais ás que se enfrontan os seres vivos. Actualmente, a investigación en epixenética parece devolver certo crédito ao bo de Jean-Baptiste ao descubrir cambios mediados polo ambiente que si se herdan, se ben a nivel molecular e non no pescozo das xirafas.

Se a evolución funcionase como pensaba Lamarck, alguén que sofre unha amputación tería descendencia sen un membro, e a influencer da rinoplastia aforraríalle unha molesta intervención ás súas crianzas. Por sorte ou por desgraza, non funciona deste xeito. É a selección dos individuos mellor adaptados ao medio o que provoca eses pequenos cambios acumulativos.

Os seres humanos estamos libres en grande medida da presión da selección natural, porque temos medios técnicos para lograr que sobrevivan individuos que non serían viables en medio natural. A influencer da rinoplastia, por exemplo.

Comentarios