martes 15/06/21

Horóscopo

Neste final de 2020 atopámonos cunha conxunción planetaria entre Xúpiter e Saturno que non acontecía dende hai oito séculos. Se estivésemos noutra época histórica, só a pandemia e a posición pouco frecuente dos planetas sería suficiente para desencadear todo tipo de teorías astrolóxicas. Aínda en pleno século XXI, o horóscopo goza de unha extraordinaria boa saúde, tendo en conta a súa manifesta incapacidade para predicir nada. A fascinación de pseudociencias como a astroloxía teñen que ver precisamente coa súa inexactitude. Tanto os trazos de personalidade de cada signo como as supostas predicións son tan xerais que case calquera persoa pode identificarse con elas. E se non é así, sempre podemos botar man dos ascendentes, descendentes ou calquera outro subterfuxio que explique os erros.

Ao contrario da astronomía, da que se separou hai relativamente pouco tempo e que logrou predicións asombrosamente exactas, a astroloxía caracterízase por predicir o que xa sabiamos de antemán. Que no 2021 teremos algún problema laboral, leves problemas de saúde (un catarro, unha escordadura...)  e achegarémonos máis a algunha persoa próxima. Como dicía Carl Sagan, a atracción gravitatoria da xinecóloga que atendeu o noso parto é moito maior que a dos planetas, e ninguén pensa que altere a nosa personalidade.

En tempos de incerteza, a idea de que sexa posible predicir o futuro cobra un innegable atractivo para moita xente. Tamén formula múltiples problemas e paradoxos que inspiraron miles de obras de ciencia ficción. Se fose posible, quereríamos realmente coñecer o noso futuro?

De calquera maneira, a pesar da imposibilidade física (e filosófica) de que isto aconteza, a crenza ou polo menos a popularidade de supersticións deste tipo podería ser un bo medidor da ansiedade dunha determinada época histórica. Que nas redes sociais sexan frecuentes as referencias á astroloxía, unha crenza ancestral nun soporte ultratecnolóxico, debe de querer dicir algo. Que persoas en xeral racionais e sen sistemas de pensamento máxicos sintan a necesidade de achegarse á predición a través dos astros, con máis ou menos perspectiva irónica, non é casual. Fala da ansiedade das persoas máis novas con respecto dun futuro que perciben como incerto, da necesidade de seguridades e de certezas nun sistema que non as garante, e da falta de expectativas racionais dun desenvolvemento pleno.

comentarios