Opinión

Fatiga

A OMS fala xa de fatiga pandémica para referirse ás consecuencias psicofísicas do estado de permanente estrés ao que nos vemos sometidas. O estrés é un proceso fisiolóxico normal ante situacións de alta demanda que o noso organismo está preparado para tolerar. O problema da situación na que nos atopamos é que o estrés que produce a pandemia é de intensidade moderada (comparémolo, por exemplo, cun accidente de tráfico ou unha catástrofe natural, enténdase) pero de longa duración. O noso cerebro manexa relativamente ben a activación intensa e breve, pero períodos longos de hipervixilancia satúrano máis. 

O coronavirus obríganos a estar pendentes de toda unha serie de cousas que ata o momento eran irrelevantes, e ademais coa angustia de que as consecuencias poden ser moi graves. Por outra banda, as normas cambian con frecuencia, polo que tampouco nos dá tempo a afacernos a unha situación difícil, pero estable. A alta impredicibilidade da situación, xunto con cambios constantes nas condicións externas, fan que sintamos que o noso control sobre o que nos acontece e sobre as nosas propias vidas é nulo. Isto explica tamén en parte o dicurso moralista que culpabiliza as persoas que contraen a enfermidade: é unha maneira de manter o control, de pensar “a min non me vai pasar porque actúo ben”.

As repercusións sobre a saúde mental están comezando a deixarse sentir, e posiblemente irán a máis. Aínda que non constitúan verdadeiras enfermidades como depresión clínica, o estado de ánimo de moitas persoas comeza a diminuír e están a aparecer problemas de ansiedade. A rotina e a falta de actividades de ocio, e sobre todo a diminución drástica da socialización e da compaña das persoas coas que temos ligazóns afectivas contribúen tamén a empeorar o noso estado de ánimo. Neste momento é imprescindible que así sexa, pero os seres humanos somos animais sociais e a deprivación do contacto é algo que toleramos realmente mal, dependendo tamén da nosa predisposición persoal. Se notades que estades de peor humor, con máis apatía, que durmides mal ou que vos custa concentrarvos, non significa que sexades febles ou preguiceiros: é a adaptación normal do organismo a unha situación que lle xera un importante aumento da demanda e que xa dura demasiado tempo.

Comentarios