Opinión

Falsa moral

O dereito ao aborto é un problema sanitario, non moral. A discusión sobre se as mulleres teñen ou non dereito a interromper unha xestación non ten sentido, porque levamos actuando sobre os nosos procesos reprodutivos dende que temos conciencia deles. A pregunta máis ben é se as mulleres teñen dereito á saúde. Pode semellar unha formulación extrema, pero o certo é que en moitas ditaduras teocráticas as mulleres non teñen, por lei, dereito á saúde, a recibir asistencia médica ou a decidir priorizar a súa vida sobre a súa función reprodutiva. Quen limita o acceso ao aborto seguro e gratuíto realmente o que está a limitar é o dereito das mulleres á saúde, mental e física. No caso de Estados Unidos, ademais, nun contexto no que este dereito xa non existe como tal, sen sanidade pública, sen baixas maternais e sen prestacións sociais. É evidente que se van seguir realizando abortos, e que as mulleres das clases privilexiadas non van atopar problema ningún en realizalo de xeito seguro e discreto, ou ben en clínicas privadas e exclusivas ou ben fóra do país. Nunca é, en realidade, unha cuestión de impedirlles a interrupción do embarazo a certas clases sociais, senón de empeorar aínda máis a xa moi deteriorada atención sanitaria ás clases populares. Por isto, os debates ou os argumentos sobre se o embrión ten vida ou sobre quen debe tomar estas decisión son falaces e só desvían a atención do verdadeiro problema. Ademais, obvian o feito de que a maior parte de interrupcións do embarazo no primeiro trimestre son espontáneas, e sería moi difícil saber se a persoa fixo algo para favorecela.

Vanse seguir realizando abortos, e quen lexisla é consciente e non lle importa o máis mínimo que así sexa. Sabe que as mulleres da súa contorna continuarán recibindo atención sanitaria da mellor calidade, e que este cambio só afectará ás mulleres pobres. É simplemente un xeito de aumentar aínda máis a fenda de clase, de empobrecer aínda máis ás mulleres, facelas máis dependentes e máis vulnerables, tamén ante a lei. Non ten nada que ver coa vida nin coa natalidade. Non son sequera prexuízos relixiosos, xa que esta maneira de pensar non aplica cando a situación se lles presenta no seu núcleo cercano. A limitación do aborto legal e seguro é un ataque contra a saúde das mulleres e da poboación en xeral.

Comentarios