Opinión

Exercicio físico

A miña prescrición estrela na consulta, moi por diante de calquera psicofármaco, é exercicio. Non necesariamente deporte, tamén pode ser camiñar ou traballar na horta, calquera cousa que implique movemento. Entre os 15 e os 65 anos, as cifras de poboación sedentaria aumentan progresivamente, datos que empeoraron aínda máis durante a pandemia. O exercicio físico, ademais de ser parte integrante da saúde, ten un efecto positivo sobre o estado de ánimo de xeito directo. Existen estudos que indican un efecto antidepresivo da actividade física semellante aos fármacos en depresión leve-moderada. Tamén hai traballos indicando que mellora a función cognitiva global. 

Hai varios factores que explican a escasa mobilidade, e a pandemia que deixamos atrás é só un deles. Hai poucas instalacións públicas que favorezan un ocio activo nun país no que a meteoroloxía non acompaña a maior parte do ano, sobre todo nas áreas rurais. Ademais, hai pouca cultura de ocio activo. Asociamos exercicio con ximnasio e con sufrimento, en lugar de con socialización e diversión. As ideas erradas e os roles de xénero tamén xogan un papel disuasorio. Moitas mulleres perciben o exercicio, sobre todo o de intensidade media-alta, como perigoso ou desaxeitado para elas. Decántanse por actividades como camiñar, pilates ou ioga, que son moi beneficiosas pero que posiblemente non sexan motivadoras para moita xente. Os deportes de equipo ou o adestramento de forza caen fóra do seu horizonte de expectativas. En realidade, o risco de lesións do sedentarismo é moi superior ao de calquera actividade física. Ademais, hai unha autopercepción das mulleres de inadecuación do seu propio corpo que as limita na escolla das actividades. Calquera actividade física a nivel de afeccionado debera estar ao alcance dun adulto sen patoloxías, pero as mulleres autoexcluímonos e percibimos que non imos ser aptas, que non é para nós ou que pode resultar perigoso. Por que non podemos iniciarnos por exemplo nunha arte marcial, en baloncesto ou en surf, se nos resulta motivador? Por que as mulleres cremos que o único que podemos facer é camiñar ou facer actividades monitorizadas? Por suposto, sempre será mellor iso que nada, pero canto máis abramos o abano máis doado será atopar algo que nos motive e que polo tanto poidamos manter a longo prazo, como un pasatempo gratificante e non como unha obriga.

Comentarios